Este
pavillón de acceso ó "Metro" situado na Gran Vía
madrileña, trasládase a O Porriño no ano 1971, despois
dunha campaña de protesta iniciada polo arquitecto Carlos de Miguel,
director da revista Arquitectura e polo Colexio de Arquitectos de Madrid,
ó decidi-la Compañía do Metropolitano prescindir do mesmo,
o que implicaba a súa desaparición.
O pavillón, proxectado por Palacios no ano 1919, estaba composto por dúas estructuras diferentes, unha de granito moi traballado e outra de ferro forxado e cristal, a modo de marquesiña lixeiramente inclinada para evita-la auga da chuvia. Sen embargo, no traslado pérdese a estructura de ferro, polo que o pavillón aparece mutilado, perdendo unha das súas principais características: a harmonía e perfecta simbiose entre o material pétreo e a estructura de ferro e cristal. Destacaba nel a perfecta integración de materiais, común á meirande parte das obras do arquitecto porriñés.
(Textos tomados de IGLESIAS VEIGA, X.Mª.R. "Antonio Palacios. Arquitecto" Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, Servicio de Publicacións: Pontevedra, 1993)