Fonte do CristoA Fonte do Cristo é obra de Antonio Palacios (1874-1945), e foi proxectada no 1904. Aséntase nunha pequena prazoletiña homónima en recordo dun antigo cruceiro situado no lugar que actualmente ocupa a fonte e que hoxe en día está disposto na praza que se estende ás súas costas. A construcción da fonte enmárcase dentro do programa de melloramento do espacio urbano da vila porriñesa, posibilitado pola doazón que Servando Ramilo Nieves fai no ano 1899 dunha franxa de terreo a redor da Capela do Cristo para uso comunitario, sufragando, ademais, a construcción do quiosco de música, de árbores e bancos, acadando a Praza do Cristo a súa configuración actual.

O traslado do cruceiro deixa un amplo espacio baleiro no centro da urbe porriñesa. A corporación porriñesa acorda entón a construcción dunha fonte para o espacio, encargándolle o proxecto ó mozo Antonio Palacios, veciño da vila, gracias a unha subvención da Deputación Provincial. O proxecto é rematado e entregado gratuitamente por Palacios no ano 1904, avanzando os traballos con velocidade o que posibilita que ó ano seguinte, en 1905, a Fonte do Cristo xa se encontre concluída.

A fonte, que representa unha clara tendencia vertical, aparece dividida en dous corpos. O primeiro, robusto e de fortes volumes graníticos, ten unha base octogonal coa que o arquitecto salva o desnivel da rúa e na que se sitúan oito baixas e robustas columnas tamén de sección octogonal. Coas catro escalinatas que circundan a base e que facilitan o acceso ós canos da auga comeza a súa ascensión. Na parte superior das escalinatas coloca o arquitecto unha recia base sobre a que se asenta o pé do segundo corpo. Palacios centra toda a súa atención neste segundo tramo que se constitúe na parte fundamental da obra, o situar nel o principal da ornamentación. Na parte inferior coloca os canos da auga, alternándoos con elementos ornamentais con motivos florais. A parte superior acolle unha columna de corte clásico, asentada sobre un corpo saínte tamén octogonal que aparece decorado con cerámica azulada. Estes azulexos ou botóns, enmarcados por unha pequena moldura pétrea, teñen unha leve decoración vexetal que acompaña a un diminuto rostro humano en relevo. A columna, con acanaladuras no seu fuste, remata nun capitel con decoración vexetal moi movida sobre o que se levanta a estatua do paxe que destaca polas súas formas brandas e suaves. Esta figura, pola postura dos seus brazos, aumenta a verticalidade de todo o conxunto que tende a unha maior estilización coa presencia da lanza de ferro forxado en forma de cruz que sostén o paxe con unha man. Na outra sostén o escudo do Porriño, executado tamén en cerámica de cores e remarcado por unha moldura pétrea. O clasicismo da columna rómpeo o arquitecto coa inclusión no seu fuste dun colariño con catro figuras monstruosas en forma de saíntes gárgolas que representan catro dragóns. Estas figuras tamén están executadas en cerámica de vivas cores. A fonte foi deseñada cun mecanismo polo que a auga podía subir ata estas figuras monstruosas e saír ó exterior a través da súa boca.

Nesta fonte, que representa unha base tradicional e un ton xeral ecléctico, destaca a perfecta integración de materiais que será característica común de toda a obra creativa de Antonio Palacios. Dentro do conxunto contrasta a xeometrización do corpo interior coa suavidade e brandura da figura do soldado que culmina a composición. Percíbese unha temperada influencia modernista na decoración floral do capitel, nas formas redondeadas e suaves da figura escultórica e das pequenas figuras monstruosas. Utiliza nesta primeira obra en Galicia a cerámica, material predilecto que, conxuntamente coa pedra, formará parte de grande cantidade de proxectos, buscando sempre enriquecedores contrastes cromáticos e texturados que aumenten a expresividade da súa creación. Neste caso, a cerámica utilizada foi encargada ó grande ceramista Daniel Zuloaga - tío do pintor Ignacio Zuloaga. A figura escultórica que remata a composición seríalle encargada, pola súa parte, ó mestre canteiro Cerviño, para ser executada en base a debuxos de Antonio Palacios.

A pesar de ser, posiblemente, unha das primeiras obras que o arquitecto ten a satisfacción de ver rematada, esta fonte presenta outra das características da arquitectura de Palacios proxectada para o entorno urbano: convértese en referencial e significativa dun espacio urbano, xa que neste caso a fonte polo seu deseño quere ocupar un lugar preeminente na pequena praza, incluso a pesar das súas reducidas dimensións.

 

(Textos tomados de IGLESIAS VEIGA, X.Mª.R. "Antonio Palacios. Arquitecto" Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, Servicio de Publicacións: Pontevedra, 1993)