O edificio do Concello do Porriño (1919-1924)
é a obra máis importante de Antonio Palacios na súa vila
natal. Este proxecto debeu ter un significado especial para o arquitecto,
xa que ademais de ser nel onde concreta por primeira vez unha arquitectura
que consideraba de raíces galegas, foi unha obra dedicada á
súa nai. A idea da construcción dun novo edificio ven dada polo
estado ruinoso que presentaba a vella casa consistorial, erguéndose
a nova edificación no solar onda se localizaba o vello edificio do
Concello.
No edificio do Concello do Porriño concreta Palacios por primeira vez a súa linguaxe rexionalista. O proxecto será entregado de forma gratuíta polo arquitecto ó Concello do Porriño, sendo executado gracias á xenerosidade de Ramón González.
O edificio está concibido dentro dunha grande monumentalidade en relación coa escasa superficie da planta, buscando, como é consubstancial á súa arquitectura, convertelo en representativo e referencial da vila. Nel están presentes os elementos propios destes proxectos: linguaxe de inspiración medieval, torre como elemento definidor e simbólico da edificación, accesos porticados que normalmente se sitúan na base da torre, grandes contrafortes nos ángulos da torre e especial coidado na presentación do granito. Presenta, sen embargo, a ornamentación máis virtuosa e historicista de tódolos proxectos rexionalistas do arquitecto, aínda que sen intencionalidade erudita ou arqueolóxica. A distribución interna relaciónase co carácter monumentalizado e representativo do edificio, buscando destaca-lo salón de sesións como elemento xerador da vida municipal coa presencia dunha grande escaleira de acceso e dun vestíbulo aberto asoportalado. Este eixe condiciona toda a posterior distribución interna. Nestas construccións contará Palacios con excelentes mestres canteiros que darán fiel continuidade na obra ós deseños do arquitecto. Neste caso será Manuel Ruibal Solla o que leve a cabo a construcción.
(Textos tomados de IGLESIAS VEIGA, X.Mª.R. "Antonio Palacios. Arquitecto" Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, Servicio de Publicacións: Pontevedra, 1993; e IGLESIAS VEIGA, XOSE MARÍA RAMÓN. "Antonio Palacios" Ir Indo: Vigo, 1995)