Obra
de Antonio palacios (1874-1945) rematada no ano 1912 como farmacia e vivenda
do seu irmán José Palacios nun pequeno solar situado no ángulo
da Rúa Servando Ramilo co Parque do Cristo. Palacios deseña
unha obra sinxela pero chea de modernidade que fai dubidar do matiz monumentalista
do que sempre foi acusado. Esta pequena farmacia amosa tamén a grande
facilidade do arquitecto para amoldarse a cada situación.
As obras comezan no 1909. Antonio Palacios presenta unha edificación desprovista da virtuosa ornamentación da que fai gala noutras obras contemporáneas a esta construcción, limitándose, neste caso, a acentua-las liñas estructurais da edificación, amosando unha fachada reticulada, derivada do cruce de contrafortes verticais e dunha moldura que percorre horizontalmente todo o fronte das fachadas que delimitan as dúas plantas da vivenda. A decidida falta de elementos ornamentais rómpese soamente coa colocación, un tanto fora de lugar do conxunto, dunha columna clásica na parte superior da entrada principal, separando as dúas ventás. Esta edificación sinxela e de fortes liñas marcadas pola pedra, demostra a grande capacidade creativa de Palacios cando se atopa fora de condicionantes, capaz, neste primeiro período, de producir unha obra que presenta solucións renovadoras. A novidosa solución de redondea-la esquina do edificio supón a desaparición das dúas fachadas en ángulo, creando unha continuidade a modo de fachada corrida que aporta unha grande sensación de unidade á composición, ademais dunha grande expresividade plástica. A entrada principal atópase situada baixo un grande arco que rompe agradablemente a conxunción de liñas horizontais e verticais da fachada. Esta solución compositiva de colocar un grande arco na fachada que acolle a entrada ou a unha grande xanela será posteriormente reinterpretada e utilizada con variacións como sucede na fachada posterior do Teatro García Barbón de Vigo, no edificio do Banco Mercantil de Madrid, no proxecto da Sociedade de Autores, etc. Na parte superior da curva sitúa un corpo puramente ornamental a modo de torre, que, a diferencia do que sucede noutros proxectos, presenta como característica a súa sinxeleza. Coloca no arranque deste corpo, para defini-la función da edificación, un mosaico feito de anacos de azulexos dunha tonalidade azul e dourada. As cores e o material están moi presentes na súa obra, utilizados profusamente na decoración das estacións do Metropolitano madrileño.
(Textos tomados de IGLESIAS VEIGA, X.Mª.R. "Antonio Palacios. Arquitecto" Excma. Deputación Provincial de Pontevedra, Servicio de Publicacións: Pontevedra, 1993)