ROTA DOS MUÍÑOS:
|
ACCESOS: |
Dende o centro da vila pola N-550 ata a Igrexa Parroquial de Atios Dende o centro da vila pola N-120 ata a Igrexa Parroquial de Atios. |
| LONXITUDE: | 8 kilómetros |
| DURACIÓN APROXIMADA: | 2 h. e 15 minutos |
| DIFICULTADE: | Baixa / Media |
| PUNTO DE CHEGADA/PARTIDA: | Igrexa Parroquial de Santa Baia de Atios |
| OBSERVACIÓNS: | Posibilidade de aparcar no punto de chegada/partida. Fontes de auga potable ó longo do percorrido. |
PRINCIPAIS PUNTOS DE INTERESE:
| - Igrexa de Santa Baia de Atios |
| - Vía Crucis de Atios (conxunto de 14 cruces) |
| - Cruceiro do Castro |
| - Muíños do Castro (6 elementos) |
| - Merendeiro e miradoiro de "A Veiguiña" |
| - Alto do Corvo |
| - Miradoiro do Porco Rachado (vista das canteiras de granito) |
| - Canteiras de Atios |
DESCRICIÓN
Esta rota transcorre por zonas de elevado interese natural e etnográfico destacando a Igrexa parroquial de Santa Baia de Atios, zonas de muíños, paisaxes de frondosas, miradoiros de "A Veiguiña", "O Porco Rachado" e o "Alto do Corvo". A rota discorre practicamente na súa totalidade sobre pistas de terra en bo estado de mantemento, a dificultade é media e a distancia é de aproximadamente 8 Km. Este sendeiro trazouse de modo circular e pódese enlazar a través do merendeiro de "A Veiguiña" co Sendeiro das Insuas.
O camiño comeza na estrada asfaltada xunto a
"Igrexa Parroquial de Santa Baia" de Atios, un lugar de fácil acceso dende
o
centro
da vila porriñesa. Trátase dunha edificación construída no século XVIII sobre
outro edificio moito máis antigo, quizais de época medieval. Na Igrexa Parroquial
comeza o Vía Crucis de Atios, un conxunto de 14 cruces que representan as
14 paradas do Vía Crucis de Xesucristo cara o calvario: 3 no adro da igrexa
máis outras 3 ó longo do camiño ascendente que collemos en dirección sur.
Ó chegar á intersección seguimos de fronte, deixando á esquerda a continuidade
do Vía Crucis, e tomamos a primeira estrada á esquerda, bordeando o chamando
Monte do Castro. Na ladeira deste monte, ó carón da estrada, atopamos un fermoso
e antigo cruceiro de pedra datado no século XVIII coa imaxe escultórica de
Cristo crucificado: é o chamado "Cruceiro do Castro". Aquí remata o tramo
de superficie asfaltada, constituído en conxunto por uns 200 metros.
Continuamos
o camiño de terra a continuación, seguindo a rodear o Monte Castro, e pouco
despois un sendeiro levemente ascendente á dereita bordeado de frondosas
condúcenos por un camiño acompañados por un regato nun antigo canal de pedra.
Este regato alimenta a seis muíños, catro dos cales poderán ser observados
polo camiñante no seu discorrer ascendente. Merece a pena destacar que este
conxunto de muíños, xunto con varios máis da zona, están integrados nun amplo
proxecto de restauración e conservación por parte do Concello e a Mancomunidade
de Vigo, proxecto que levará á súa rehabilitación e a posible construcción
dun centro de interpretación. Estes muíños e a súa infraestructura hidráulica,
como diciamos, están xusto no "Sendeiro dos Muíños", sendeiro que por esa
razón leva o seu nome. Continuámo-lo camiño ascendente podendo divisar
unha pequena valgada, confluencia das ladeiras de tres formacións montañosas,
cuberta de árbores frondosas. Chegamos a unha intersección e collemos o camiño
á dereita, que proporciona xa ó camiñante un nivel horizontal. Este camiño
discorre pola faldra dunha montaña onde se poden divisar formacións rochosas
de granito de formas caprichosas, pasando logo por riba do regato que antes
comentabamos e adentrándose nunha fraga antes de poder apreciar unha nova
panorámica da valgada de frondosas que anteriormente deixabamos atrás.
Despois
duns 200 m. chegamos a unha nova intersección onde se encontra disposta unha
fonte de auga potable. Aquí viramos cara a esquerda, discorrendo por unha
paisaxe de gran beleza. Unha nova formación rochosa, constituída por un enorme
monolito de granito, deixa discorrer o sendeiro baixo dela, como se dun sombreiro
se tratase. A poucos metros de distancia, sempre en recorrido horizontal,
poderemos apreciar unha nova valgada con outros tres antigos muíños que recollen
a auga procedente dunha pequena fervenza na parte superior, baixo doutro enorme
monolito de granito. No seguinte cruce chegamos á pista de terra que nos conduce
en recorrido ascendente ata a zona recreativa de "A Veiguiña", onde, como
xa se ten dito, hai abundantes mesas de granito á sombra das árbores, contando
ademais cunha nova fonte de auga potable e fermosas vistas da vila porriñesa.
Destacar tamén que lindando coa zona recreativa atópase o campo de tiro ó
prato.
Dende aquí, e partindo da placa conmemorativa
da construcción da área recreativa tomamos un camiño moi incilnado en ascendente
que nos conduce a unha intersección de catro camiños, seguimos
polo camiño central, deixando, a 30 metros un sendeiro á dereita,
para chegar a"O Alto do Corvo", punto máis alto da parroquia de Atios (con
271 metros de altitude), e espléndido miradoiro do monte "Faro de Budiño",
moi próximo, que cos seus 398 metros de altitude é famoso en toda España
entre os practicantes da escalada.
Collemos o camiño a dereita para seguir todo recto ata chegar o miradoiro do "Porco Rachado", un enorme monolito apoiado de maneira inverosímil en tres pequenos penedos. Dende este miradoiro encontramos as mellores vistas das canteiras de Porriño, dispostas nas ladeiras da montaña que coroa, así como de todo o val da Louriña chegando os montes de Portugal e Tui. Neste punto a paisaxe de grandes penedos destaca sobre todo o entorno. Voltaremos sobre os nosos pasos ata a primeira intersección, xiramos a esquerda e baixaremos por unha pista moi inclinada que discorrerá ó lado das canteiras de Atios, con espléndidas vistas das explotacións. Tras varios recodos do camiño, e seguindo as indicacións, chegaremos ata a intersección que se atopaba antes da fonte anteriormente citada, para voltar sobre os nosos pasos ata a Igrexa de Santa Baia de Atios.