ANTONIO PALACIOS RAMILO (O Porriño, 1874 - Madrid, 1945)

 

Biografía:

O arquitecto Antonio Palacios nace no Porriño o 8 de xaneiro de 1874, como o menor de sete irmáns. O entorno da súa infancia, e da época de estudiante de bacharelato en Porriño condicionará enormemente a sensibilidade do que sería o expresionista e monumentalista arquitecto: así as canteiras graníticas de pedra gris e rosada de Atios e Budiño, a profesión do seu pai - traballador no trazado do ferrocarril de Vigo a Ourense -, dos seus irmáns Xesús - enxeñeiro - e Xoaquín - topógrafo -, etc.

Madrid ofrécelle a oportunidade de estudiar Enxeñería, que axiña abandonará para dedicarse de cheo á arquitectura. Aquel ambiente madrileño que anunciaba a entrada no século XX será propicio para as ansias e buscas de Palacios, que asiste ás clases do pintor Rosales, onde xa destacan as súas facultades tanto para o debuxo como para a improvisación. Antonio PalaciosOs cánones historicistas herdados do movemento Romántico, a inclinación a todo elemento ornamental e simbolista iranse sumando ás vellas influencias. Enormemente inflúen tamén as tertulias e a bohemia madrileña, as viaxes de estudios a Exipto, Grecia, e a constante preocupación polo arte italiano e galego, que constituirán unha incesante busca que de algunha forma deixará constancia na lectura das súas obras arquitectónicas.

Así é que os seus proxectos son un auténtico retrato, non só da psicoloxía do autor, das súas inquietudes, senón tamén da época e do seu entorno. Existe nel unha unidade literaria que non só da coherencia ós seus edificios, senón tamén a estes co seu entorno. É certo que os seus proxectos, como teremos oportunidade de ver nesta exposición de Vigo, quedaban nun esbozo rápido e certeiro, cheo de anotacións, e que a maioría das veces completaba a pé de obra, dando instruccións ós mesmos obreiros. Nota curiosa para acercarnos ó carácter de Antonio Palacios é que os seus mellores defensores eran os seus propios clientes, que resultaban contaxiados e suxestionados pola imaxinación e o entusiasmo con que Palacios os adentraba en descomunais empresas arquitectónicas.

É fundamental, no seu arte, a súa formación na Escola de Arquitectura de Madrid, onde se impartían os cánones historicistas, o eclecticismo, a preocupación pola ornamentación e a composición formal, tomando como modelo o "Neo-Barroco" francés do Segundo Imperio, ó que abría que engadir o selo do "Rund bongestil" alemán, caracterizado pola súa descomunal voluminosidade ornamental. A todo elo habería que sumar o impacto da época, o "Art Nouveau": colosalismo, virtuosismo, ornamentación, simbolismo, potenciación dos materiais, estudio do entorno urbanístico ... características propias para grandes obras con certo prestixio económico, promovidas por grandes institucións, bancos, concellos, Estado, etc. Ó seu carón, a potenciación das peculiaridades rexionais propia da época influirá na revalorización do traballo artesanal, a forxa, o mosaico, o vidro, etc.

Asociado nun primeiro momento co seu amigo Joaquín Otamendi, inicia con grande impacto unha importante entrada no mundo da arquitectura. Ámbolos dous se presentan e gañan varios concursos de arquitectura, destacando o premio para o Palacio de Comunicacións de Madrid (proxecto de 1904) situado na madrileña Praza de Cibeles, obra que, polo seu exuberante colosalismo e proliferación de torres e cresterías, recibiría o alcume de "Catedral de Santa María das Comunicacións" por parte de Trotsky. Ambos traballarían na decoración de varias estacións do Metro madrileño, no Banco do Río da Prata (p. 1910), no Hospital de Xornaleiros en Cuatro Caminos (p. 1908), etc.

Nestes anos Antonio Palacios construiría incesantemente en Madrid, elevando vivendas unifamiliares, casonas, grandes oficinas, os templetes das estaciones do Metro en San Luis (p. 1919, estructura hoxe disposta no Porriño), o Círculo de Belas Artes (p. 1919) ou o edificio para a Sociedade de Autores (p. 1923).

O prestixio do arquitecto do Porriño aumenta: imparte clases na Escola de Arquitectura e segue realizando encargos. Pero destacarán sobre todo os proxectos e as obras da posguerra, nos que Palacios multiplica o seu colosalismo expresionista, algo que vai paralelo co ambiente megalómano do nacente Nacional-Catolicismo.

As vacacións de Antonio Palacios discorren entre Málaga e, sobre todo, Galicia, á que acude con bastante frecuencia, recibindo grande cantidade de encargos, na súa maioría obras relixiosas, chalés para amigos e edificios públicos, que el proxecta sen recibir compensación algunha en moitos casos.

Así no 1904 deseña a Fonte do Santo Cristo no Porriño, na que segue a tradición popular das fontes galegas, e as Escolas Fernández Areal, hoxe tristemente desaparecidas. De 1909 son tamén os proxectos para a Virxe da Roca, de Baiona, e para a Botica Nova do Porriño, construída para o seu irmán Pepe Palacios. Destacando, asemade, outros proxectos realizados con posterioridade en Galicia, como o edificio do Concello do Porriño, proxectado, en 1919, o Teatro García Barbón de Vigo (p.1913), así como o proxecto urbanístico para Vigo (1932), o Templo Votivo do Mar en Panxón (p. 1932) ou, xa como unha das súas últimas obras, o Templo da Veracruz en Carballiño (p. 1943); proxectos que complementará coa súa carreira arquitectónica en Madrid e da que sairán exemplos moi salientables.

Nos seus últimos anos Antonio Palacios sofre graves problemas de vista, que non impiden que o seu traballo continúe co mesmo entusiasmo de sempre abordando outros importantes traballos. Morre o 27 de outubro de 1945 na súa casa madrileña de Plantío, cando contaba con 71 anos de idade. Os seus restos recibiron sepultura no cemiterio madrileño de San Lourenzo ata o 30 de outubro de 1976, data na que con motivo do aniversario do seu nacemento, e seguindo o seu desexo, os seus restos foron trasladados ó Porriño e soterrados no cemiterio municipal baixo dun enorme penedo de granito das canteiras de Atios.

 

Obras no Porriño:

Casa do ConcelloCasa do Concello

 

 

 

 

Botica NovaBotica Nova

 

 

 

 

Fonte do cristoFonte do Cristo

 

 

 

 

PAvillón do MetropolitanoPavillón do Metropolitano