A Concellería de Cultura ten como obxectivo a dinamización cultural no concello porriñés a través da programación de eventos culturais e artísticos, da descentralización de actividades cara as asociacións de tódalas parroquias, da prestación de servizos como as bibliotecas ou as escolas de Música e Danza, e da colaboración con diversas entidades culturais do municipio entre as que podemos salientar a Banda municipal de música.
Entre as actividades de nova implantación destacan os obradoiros de actividades nas parroquias, a programación continuada de actividades denominada “de pequeno formato”, o Festival Internacional de Títeres, a Mostra de Ranchos de Reis, a creación das axencias de lectura en Mosende, Budiño e Torneiros, e o punto de lectura infantil no ambulatorio, asi coma a ampliación do servizo de internet gratuito.
A Concellería de Cultura realiza, ademais, unha serie de iniciativas no eido do patrimonio cultural e a historia. A fundación do Arquivo municipal da Imaxe no ano 2004 dixitaliza e divulga o rico patrimonio fotográfico local, as Xornadas de Historia pretenden potenciar a investigación do noso pasado, o Fondo bibliográfico local permite o acceso a libros relacionados co noso concello e a creación da editora municipal de libros e discos “O noso patrimonio” iniciou a divulgación de materiais de indubidable interés cultural, artístico e histórico.