Logo Biblioteca

actividades — lúa ConLuvas: un recurso electrónico de animación á lectura.

 

Lua ConluvasTÍTULO:

Lúa ConLuvas: un recurso electrónico de animación á lectura

RESUMO:

O emprego de diferentes canais e actividades de animación á lectura na profesión bibliotecaria resulta cada vez máis importante e necesaria, especialmente ao pretender establecer á poboación infantil e xuvenil como público obxectivo, en tanto que destaca este sector por uns intereses sempre cambiantes que esixen unha resposta rápida e flexible por parte das nosas institucións. O noso éxito ou fracaso dependerán, en gran medida, da nosa capacidade para ofrecer ao noso público unha imaxe atraínte e uns servizos axeitados aos intereses que nos son demandados por eles. A Biblioteca Municipal do Porriño, despois da edición no 2008 do DVD "Palabras Liberadas", ofrece de novo como proposta de animación lectora, fomento da lectura e promoción da literatura galega a realización de recursos electrónicos, pretendendo ofrecer unha imaxe de entidade creadora de contidos a través de receitas como a orixinalidade, a novidade, o dinamismo e a implicación social e cultural.

INTRODUCIÓN:

Non cabe dúbida que asistimos na actualidade a unha redefinición do estado do benestar e do concepto de cultura, e si a sociedade está sendo redefinida, á súa vez, dende unha sociedade da información a outra do coñecemento, as bibliotecas deben cambiar con ela. Valéndose das novas ferramentas tecnolóxicas, deben ser portadoras e creadoras de coñecemento e contidos no ámbito do libro e da lectura.

Esta nova situación da lugar a asumir novos roles e novas funcións para os nosos servizos. Debemos responder brandindo sempre por diante unha imaxe corporativa de prestixio que, á súa vez, demostre a rendabilidade social e económica das nosas institucións. Debemos abrir as nosas portas e buscar aos nosos usuarios e usuarias alí onde podan atoparse. Deberemos falar o seu mesmo idioma si é que queremos comunicarnos con eles. No 2009, as bibliotecas non poden conformarse con ser entidades prestatarias de libros ou salas de estudo, por moi altos que sexan eses indicadores: temos que liderar a construción das necesidades culturais e dos valores sociais. Debemos realizar actividades encamiñadas a forxar cidadáns libres e creadores de opinión, utilizando os medios que as tecnoloxías da información nos ofrecen, contando co potencial humano implicado na mellora contínua dos seus servizos. As bibliotecas necesitan abrir as súas portas e involucrarse socialmente si queren deixar de ser vistas como aqueles reductos de seriedade e silenzo onde un pasou aburridas xornadas de estudo en época de exames.

A Biblioteca Municipal do Porriño presenta no 2009 un proxecto de animación lectora en formato dixital, “Lúa Conluvas: un recurso de animación á lectura” como continuación da edición no 2008 de “Palabras liberadas para Xosé María Álvarez Blázquez”, buscando participar na creación de contidos relacionados co mundo do libro e da lectura.

Lua Conluvas

OBXECTIVOS:

- Fomentar a filosofía da institución como biblioteca-escola.
- Visibilizar a biblioteca municipal como entidade creadora de contidos.
- Proporcionar servizos bibliotecarios acordes e axeitados á demanda dos nosos usuarios e usuarias.
- Implementar proxectos de animación lectora baseados na diversidade e no multiculturalismo.

METODOLOXÍA:

O DVD “Lúa Conluvas” contén fichas de países nas que se encontra información e se propoñen elementos para desenvolver unha actividade de animación á lectura sobre os mesmos (con froita, baile, música, lecturas, imaxes…), buscando fomentar actitudes como a solidariedade, a empatía, o multiculturalismo e, a partir do coñecemento, o respecto por outras sociedades. A personaxe de Lúa Conluvas será a nosa guía polo mundo, que nos acompañará a descubrir que hai outros mundos e están neste.

LÚA CONLUVAS: UN RECURSO ELECTRÓNICO DE ANIMACIÓN Á LECTURA

Lúa Conluvas é unha actividade de animación á lectura que se desenvolve na Biblioteca Municipal do Porriño dende fai case 5 anos, e que se entende como unha proposta didáctiva e divertida ao mesmo tempo. Lúa Conluvas, exploradora e viaxeira incansable, leva sempre consigo unha maleta que a acompaña nas súas viaxes, e onde garda os recordos de cada país visitado para contarlle aos nenos e nenas a forma de vivir e sentir doutros pobos do mundo.

Lua ConluvasEsta personaxe de animación, que vai máis alá do que coñecemos como “contacontos”, non só ofrece información e lecturas dos países que visita, senón que tamén pon en contacto aos nenos e nenas co baile, a música ou a gastronomía do lugar: en cada sesión os nenos e nenas escoitan cancións, bailan e realizan actividades relacionadas con cada país; ademais merendan unha froita típica de cada destiño que cada semana visita Lúa Conluvas. Unimos así a animación á lectura con outros elementos sensitivos: a través deles a nena ou neno entra en contacto cunha cultura allea á súa realidade na que se pretende ensinar que hai outros mundos, pero están neste, relacionando o libro como un identificador cultural máis.

Ademais do obxectivo de espertar o placer da lectura, a través desta actividade preténdese promocionar a biblioteca como un lugar máxico de encontro con libros e culturas, establecer un contacto co libro e a biblioteca de forma lúdica. Inténtase ofrecer unha imaxe da biblioteca como un lugar onde se pode encontrar información e descubrir outras culturas por medio da lectura: a biblioteca é un lugar para despegar a outros mundos.

Tentamos así mellorar o auto concepto do menor e desenvolver a súa personalidade. A través da lectura van ampliando a súa experiencia e desenvolven a súa identidade no ámbito cognitivo, afectivo e moral (fomentando actitudes como a solidariedade, a empatía, o multiculturalismo e, a partir do coñecemento, o respecto por outras sociedades).

Despois de 5 anos, a Biblioteca do Porriño decide editar un DVD interactivo onde se recolle a experiencia desenvolta e se ofrece de forma didáctica e pedagóxica, propondo a súa posta en práctica noutros centros educativos e bibliotecas.

O DVD está estruturado por continentes e contén toda a información necesaria para realizar unha actividade de animación á lectura en base a 51 países, é dicir, máis dunha actividade semanal ao longo de todo un ano natural. Ofrécese información relativa á localización de cada un, o simbolimo da bandeira, a capital, xentilicio, poboación e divisións étnicas, relixións, idiomas e esperanza de vida. Ademais de todos estes datos que nos interesa destacar, inclúense outros como unha imaxe identificadora do país para crear un referente visual, e se propón unha froita orixinaria para merendar durante a animación, música local para cantar ou bailar e un libro de referencia arredor do cal organizar unha actividade relacionada co libro e a lectura cuxas directrices tamén se indican en cada caso.

 

FORMA DE CONSEGUIR O DVD:

O DVD, de distribución gratuita, está destinado a educadores, centros de ensino, bibliotecas e outros colectivos interesados no eido da animación lectora. Si queres obtelo, ponte en contacto connosco solicitándoo e envíanos a túa dirección postal.


VolverValid XHTML 1.0 Transitional