Logo Biblioteca

Gertrude Stein
(EEUU, 1874-1946)

Stein


Era un temperán día de primavira no sur. Os campos e os bosques estaban pesados das húmidas choivas. Os cabalos arrastraban a carruaxe lentamente sobre o longo camiño pegañoso, de barro marrón e áspero con masas de pedras lanzadas aquí e alá para ser rotas e pisadas polos grupos que pasarían despois. A través da húmida terra estaba a plumaxe primaveral, o brote de pequenas flores, de mozas follas e de fentos. Os tres outeiros estaban vermellos e amarelos, con escintilantes alumeos brancos e verdes magníficos. Abaixo todo o aire estaba cheo de néboa, erguéndose dende a pesada e empapada auga na terra, mesturada co cálido e placenteiro olor do fume azul dos lumes primaverais en tódolos campos abertos. (
tomado de “Tres vidas ”)

Escritora estadounidense que causou un grande impacto na cultura do século XX, tanto pola súa personalidade como polo seu papel de mecenas das artes e a súa propia produción literaria. Naceu en Allegheny (Pennsylvania), o 3 de febreiro de 1874. Estudou no Radcliffe College e na facultade de Medicina da Universidade Johns Hopkins. En 1903 estableceuse en París, onde viviu o resto da súa vida coa súa amiga, a escritora estadounidense Alice B. Toklas. As súas primeiras obras de éxito foron Tres vidas (1908, existente na biblioteca), un estudo sobre a personalidade de tres mulleres, e Ser norteamericanos (1925), unha novela sobre a historia sociocultural da súa propia familia. En ámbolos casos desenvolve un estilo narrativo afastado das convencións, no que a trama queda case anulada e emprega unha prosa libre e radicalmente innovadora no que a sintaxe e a puntuación se refire. Stein continuou experimentando coas posibilidades da linguaxe durante toda a súa vida. En Conferencias (1935), unha colección de charlas pronunciadas ao longo dunha breve xira por Estados Unidos en 1934-35, explica algunhas das súas teorías sobre a composición literaria. Outras obras anteriores á II Guerra Mundial son Brotes tenros (1915), un libro de poesía experimental; a novela Lucy Church Amiably (1930); a Autobiografía de Alice B. Toklas (1933), que en realidade é a súa propia autobiografía; Catro santos en tres actos (1934), unha ópera con partitura do compositor estadounidense Virgil Thompson e París, Francia (1940), unha visión do seu país de adopción.
En As guerras que vín (1945), Stein relata a súa vida cotián en Francia baixo a ocupación alemana, durante a II Guerra Mundial, mentres que en Brewsie e Willie (1946) ofrece un agradábel retrato dos funcionarios estadounidenses cos que mantivo amizade en Francia. Entre os seus escritos publicados postumamente figuran A nai de todos nós (1947), unha ópera baseada na vida de Susan B. Anthony, Derradeiras óperas e dramas (1949) e Retratos (1951).
A casa de Stein-Toklas en París foi ao longo de moitos anos o punto de encontro dun importante grupo literario, onde escritores estadounidenses como Sherwood Anderson, Ernest Hemingway e Thornton Wilder eran animados por Stein a desenvolver o seu propio estilo. Stein foi unha das primeiras mecenas de comezos do século XX e colaborou activamente cos pintores do movemento cubista. Ela e o seu irmán figuran entre os primeiros coleccionistas da obra de Picasso, Matisse e Braque, con quen mantivo unha estreita amizade. A través dos seus escritos e a súa representativa colección persoal de obras contemporáneas sumamente innovadoras, Stein soubo chamar a atención dun amplo círculo internacional sobre a arte moderna. Morreu en París, o 27 de xullo de 1946. Os seus arquivos e documentos foron legados á Universidade de Yale, mentres que a súa colección de arte foi obxectivo de litixio familiar ao longo de anos e finalmente dispersouse entre diversas coleccións estadounidenses.

Valid XHTML 1.0 Transitional