Naguib Mahfuz
(Exipto, 1911-2006)

Vinte anos no desterro, mantendo sempre a sede de vinganza, lonxe da vida nocturna
do Cairo, nos ignotos portos de Alexandría. A única motivación
da túa vida é a vinganza. Comida, bebida, cartos, mulleres, ceo,
terra…, todo estivo inmerso en nubes, e os sentimentos concentráronse
no doloroso proceso de separación, sendo a vinganza o seu único
pensamento. O amor, a seguridade, os cartos…, todo canto posuías
sacrificáchelo nos preparativos do temible día. Deste modo, a
flor da vida fundiuse no forno do rancor, o odio e a dor. Non obtiñas
un froito auténtico da túa vitoria sobre os Yafars nos combates
de Kum e Dikka. ¡Que doado era vivir como un matón respectado por
todos e adoptar Alexandría coma un lugar de residencia co nome de Sharshara
resoando baixo o ceo! Pero o único que os teus ollos inxectados en sangue
ven no mundo é Sharshara no seu estreito camiño, o seu zigzagueante
e empinado rueiro e a súa bravuconería despótica e odiosa.
Lahluba, ¡maldito sexas! (tomado de “A taberna do gato negro”)
Escritor exipcio, autor de relatos, novelas e guións cinematográficos, galardoado co Premio Nobel de Literatura en 1988. Naceu no Cairo e estudou na Universidade Rei Faruk I (hoxe Universidade do Cairo). Mahfuz, o menor de sete fillos de un funcionario de baixo rango, adquiriu un profundo coñecemento da literatura medieval e arábiga mentres aínda estudaba o bacharelato. Unha vez na universidade, onde estudou filosofía, comezou a escribir artigos para revistas especializadas. Co fin de perfeccionar o seu inglés, traduciu ao árabe a obra de James Baikie O antigo Exipto, en 1932. Terminados os seus estudos comezou a escribir ficción e publicou máis de 80 relatos no curso dos seis anos seguintes. A súa colección Murmurio de loucura apareceu en 1938. Mentres traballaba no ministerio de Asuntos Relixiosos, entre 1939 e 1954, publicou tres volumes dunha proxectada serie de 40 novelas históricas ambientadas no período faraónico, entre elas Akhenaton (existente na biblioteca). Posteriormente abandonou este proxecto e se dedicou a escribir novelas sobre temas sociais, ao tempo que escribiu varios guións para a industria cinematográfica do seu pais. No clima de cambio político que seguiu ao derrocamento da monarquía exipcia en 1952, a súa Triloxía do Cairo, formada por Entre Palacios (1956), A azucreira (1956) e Palacio do desexo (1957), obtivo un grande éxito. A novela, A rúa dos miragres (1947), unha das obras súas máis coñecidas, foi levada ao cine polo director mexicano Jorge Fons (1995) aínda que a ambientou no México actual. A película obtivo o Premio Goya. No 1990 a obra repetiu este éxito ao ser traducida a outras linguas europeas. Entre as súas numerosas obras cabe destacar Mozos de Gebelawi (1959), O ladrón e os cans (1961, existente na biblioteca) e Miramar (1967). Ao longo da súa carreira Mahfuz experimentou coa técnica do monólogo interior e a literatura do absurdo. No 1988 recibiu o Premio Nobel de Literatura. Falece nun hospital do Cairo o 30 de agosto de 2006. Na biblioteca tamén atoparás as súas obras Fillos do noso barrio (1959), O espellismo e As noites das mil e unha noites.