Ismail Kadaré
(Albania, 1936)

Cando entraron na habitación grande, acompañados polo dono da
casa, todos se removeron, murmuraron, alongaron as súas cabezas como
un seto cheo de arbustos e flores de cores que se reanima inesperadamente cun
golpe de vento.[…]. Ao longo dun rato observara dende a ventá do
avión a imaxe ameazadora das montañas. Diríase que os seus
agudos cumios foran a rabuñar en calquera momento o ventre do aparato.
Por todas partes terras abruptas. (tomado de “O xeneral do exército
morto ”)
Ismail
Kadaré é un dos escritores albaneses máis famosos. Estudou
na Universidade de Tirana e no Instituto Gorky de literatura universal de Moscova
ata 1960. Ese mesmo ano, tras a ruptura de relacións entre Albania e
a Unión Soviética regresa ao seu país onde de dedica a
escribir para distintas revistas de literatura e publica as súas primeiras
poesías. Sen embargo é coa súa primeira novela O
xeneral do Exército Morto (1963), coa que consegue recoñecemento
dentro e fora do seu pais coma un dos escritores albaneses de maior talento.
Desde entón publicou numerosas obras que o situaron como un dos escritores
europeos máis importantes do século XX, entre elas destacan O
palacio dos sonos (1976-81, existente na biblioteca),
Abril queimado, O monstro
e Os tambores da chuvia. A súa obra foi traducida
a máis de 40 idiomas.
No 1990, xusto antes da caída do comunismo en Albania, Kadaré
solicitou asilo en Francia, afirmando que “as ditaduras e a literatura
auténtica son incompatibles… un escritor é inimigo natural
dunha ditadura”. Kadaré permaneceu en Francia ata 1999, momento
no que regresa a Albania.
Kadaré é probablemente o intelectual máis importante de
Albania e un dos máis activos de Europa, onde o seu activo compromiso
xogou un destacado papel no esclarecemento internacional do drama dos albaneses
de Kosovo. Desde a estabilización parcial da situación dos albanokosovares,
Ismail Kadaré volve a pasar longas tempadas en Tirana tras case nove
anos de autoexilio en Francia.
A súa obra foi concibida e publicada baixo o estanilismo, ao longo da
ditadura de Enver Hodja. Sen ser nunca militante nin disidente, amosa o tráxico
absurdo do totalitarismo, e tamén o peso do destino sobre a condición
humana. O universo de Kadaré está cheo de mitos, e se inspira
en escritores como Homero, Esquilo, Shakespeare, Cervantes o Gógol. En
canto a referencias temporais, o Imperio Otomano, China, o Antigo Exipto, a
Unión Soviética, a Albania medieval ou moderna veñen a
coincidir no infinito dun labirinto temporal. A súa escritura, reflexión
sobre a linguaxe e a lenda, reúne, por unha parte, o respecto ás
tradicións do conto e a novela, e, por outra, unha gran innovación
dentro de terreo estilístico, sobre todo no que á percepción
do tempo novelesco se refire.
A presenza do mito e a historia, o real e o onírico, están presentes
tamén nas súas últimas obras: Spiritus
(1996), unha reflexión sobre o terror nun sistema político opresor,
Tres cantos fúnebres por Kosovo (1999), Frías
flores de marzo (2000), Novembro dunha capital
(2000) e Fronte ao espello dunha muller (2002).