Biblio Logo

escritor@s da semana

Patricia Highsmith
(EEUU, 1921-1995)

Highsmith

"O tren avanzaba impetuosamente, con ritmo furioso e entrecortado. Tiña que deterse, cada vez con maior frecuencia, en estacións de pouca monta onde permanecía uns momentos agardando con impaciencia o sinal para volver a embestir a pradería. Pero o seu avance apenas se notaba. Diríase que a pradería ondulaba soamente, como unha inmensa manta, rosada e ocre, que alguén estivese sacudindo. Canto máis rápido ía o tren, máis vivaces e burlonas eran as ondulacións " (tomado de "Estraños nun tren")

Escritora nacida en Fort Worth, Texas, trasladada posteriormente a Nova Iorque. Os seus pais, que se separaran antes de que nacese (de feito Patricia non coñecería ó seu pai ata os doce anos), eran artistas comerciais. A pesar das súas aptitudes para a pintura e a escultura, foi a literatura a rama na que preferiu desenvolverse. Concluídos os seus estudios, dedicouse a redactar guións de cómics ata o seu debut literario con Estraños nun tren (1950, existente na biblioteca). O libro inspirou a Alfred Hitchcock para levalo á pantalla grande, sendo considerados, tanto o libro como a película, clásicos do suspense. No 1953, debido á unha prohibición da súa editora, decidiu lanzar o libro The price of salt baixo o pseudónimo de Claire Morgan. A novela, que trataba dun amor homosexual, chegou ó millón de copias e foi reeditada no 1991 baixo o título de Carol. Pero foi a creación da súa personaxe de Tom Ripley, exconvicto e asasino bisexual, a que máis satisfacción lle deu na súa carreira. A súa primeira aparición foi no 1955 en O talento de Mr. Ripley (existente na biblioteca), e en 1960 rodouse a primeira película baseada nesta popular novela, co titulo de A pleno sol, dirixida polo francés René Clément e protagonizada por Alain Delon. A partir de aquí sucederíanse as secuelas: A máscara de Ripley (1970), O xogo de Ripley (1974), O rapaz que seguiu a Ripley (1980), entre outras. O asasino Ripley, un pouco patoso pero adorable, tamén inspirou a Win Wenders para dirixir O amigo americano no 1977. Recentemente, no 1999, Anthony Minghella dirixiu unha nova versión do xa clásico texto de O talento de Mr. Ripley. Patricia Highsmith foi unha exploradora do sentimento de culpabilidade e dos efectos psicolóxicos do crime sobre as personaxes asasinas das súas obras. Sempre se interesou polas minorías na súa literatura, e, de feito, a súa derradeira novela Small G: un idilio de verán (1995), amosaba un bar en Zürich, no que as súas personaxes homosexuais, bisexuais e heterosexuais se namoraban da xente incorrecta. Outras das obras de Hihhsmith coas que conta a nosa biblioteca son A coartada perfecta, Un xogo para os vivos ou O grito da curuxa. A pesar da popularidade das súas novelas, Highsmith, curiosamente, pasou a maior parte da súa vida en solitario. Trasladouse permanentemente a Europa no 1963, onde residirá en East Anglia (Reino Unido) e Francia. Os seus derradeiros anos pasounos nunha casa illada de Locarno (Suíza), preto da fronteira con Italia. Alí finou o 4 de febreiro de 1995.

Valid XHTML 1.0 Transitional