Saad Eskander
(Iraq)

Mentres falabamos, cara as 11,35, unha enorme explosión fixo tremer o
edificio da Biblioteca Nacional. Os tres corrimos cara a fiestra máis
achegada e vimos unha grande e espesa columna de fume que viña dende
a rúa al-Mutanabi, que está a menos de 500 metros da biblioteca.
Souben despois que a explosión foi dun coche-bomba. Milleiros de papeis
voaban polo aire, como si de o ceo chovesen libros, bágoas e sangue.
A visión era surreal. Algúns dos papeis ardían no ceo.
Sobre a Biblioteca Nacional caían moitos anacos de papel en chamas. A
rúa al-Mutanabi chámase así por un dos máis importantes
poetas árabes, que viviu en Iraq ó longo da Idade Media. (tomado
do seu ciberdiario)
Como
excepción no relatorio de personaxes literarias de “Esta semana…”
queremos facer un alto no camiño para homenaxear a un, ademais de bo
escritor, colega de profesión: Saad Eskander, director da Biblioteca
e o Arquivo Nacionais de Iraq. A súa obra principal é o seu “ciberdiario”
(en castelán en http://blogs.elpais.com/diario_desde_irak), un blog onde
detalla os obstáculos ós que se enfronta para manter aberta a
biblioteca central de Iraq, conservar os arquivos e libros superviventes e,
como non, seguir con vida cada día. Escrito en estilo plano e desprovisto
de emoción, o diario relata os bombardeos, tiroteos, ameazas, carencias
e pequenas frustracións do principal almacén cultural e literario
iraquí. Á queixa de que o prezo do combustible para calefacción
é 40 veces maior que en outono síguelle un informe sobre o asasinato
dun dos mozos deseñadores de ciberpáxinas máis brillantes
da biblioteca.
Eskander conta que un amigo que traballa nos Arquivos Nacionais do Reino Unido
suxeriulle que escribira un diario para a web dun arquivista. Accedeu a participar
no proxecto porque “estaba en débeda cos seus bibliotecarios e
arquiveiros, que estiveron traballando moito e facendo todo tipo de sacrificios
para satisfacer as necesidades culturais da clase intelectual do país”.
A Biblioteca Británica comezou a publicar o seu diario o 30 de decembro,
día da execución de Sadam Hussein. Inclúe material que
comeza a mediados de novembro de 2006, xusto antes de que Eskander decidira
pechar a súa biblioteca ó longo de tres semanas, tras unha terrorífica
serie de bombardeos, tiroteos e ameazas. As entradas, a maioría aínda
sen editar, conservan as erratas, palabras que faltan e errores en inglés,
dando unha sensación de inmediatez e intimidade.
No xaneiro pasado, Eskander publicou un gráfico sobre o impacto da violencia
sectaria sobre os seus traballadores soamente no mes de decembro: incluía
catro asasinatos e dous secuestros de empregados, 66 mortes de familiares de
empregados, 58 ameazas de morte e 51 substitucións.
Velaquí a nosa homenaxe a esta persoa case anónima que no medio
do violento e frustrante día a día do inferno iraquí ten
a teima de manter aberta a súa biblioteca.