Logo Biblioteca

Paul Auster
(New Jersey, 1947)



Saído da soedade, comeza de novo como se fora a derradeira vez que respirara e por iso, é agora que respira por primeira vez máis alá da comprensión do singular. El está vivo, e por iso non é máis que o que se afoga no buraco insoldable do seu ollo, e aquello que ve é todo o que el non é: unha cidade do indescifrado suceso, e polo tanto, unha linguaxe de pedras, xa que se sabe que ó longo da vida unha pedra dará lugar a outra pedra para construir unha parede e sabe que todas esas pedras edificarán a abrumadora suma de detalles. (tomado de “Desaparacións”)

Escritor estadounidense nacido o 3 de febreiro de 1947 en Newark, New Jersey, pertencente a unha familia procedente de Europa Central. O seu contacto cos libros é bastante prematuro, grazas á biblioteca dun tío seu, tradutor. Comeza a escribir ós 12 anos, antes incluso de descubrir o béisbol que tanto aparece nas súas novelas. Entre 1965 e 1967 estuda na Universidade de Columbia literatura francesa, italiana e inglesa. Empeza a traducir a autores franceses como Dupin e Du Bouchet e viaxa a París. Volverá de novo á capital francesa en 1967 para evitar ir á Guerra de Vietnam, tratando de traballar no cine anque suspenderá o exame de ingreso na IDHEC. Escribe guións para películas mudas que nunca se rodarán, pero que descubriremos máis tarde no Libro das ilusións (2002).
Ó longo dos dez anos seguintes, o traballo será duro. Escribe artigos para revistas, empeza as primeiras versións de Viaxe de Ana Blume e de O Palacio da lúa, traballa nun petroleiro, volve a Francia onde vivirá uns tres anos (1971-1974) grazas ás súas traducións de Mallarmé, Sartre ou Simenon, ó tempo que escribe poesías e obras de teatro nun acto.
En 1979, xusto despois de divorciarse e de tratar sen éxito de publicar unha novela baixo o pseudónimo de Paul Benjamín (Bala falsa), a morte do seu pai proporciónalle unha pequena herdanza que o saca de apuros e o inspira para escribir A invención da soedade (1988). Publicará máis tarde o seu libro en prosa Espazos brancos… e A arte da fame, casándose coa novelista Siri Hustvedt no 1981. A partir de aquí comezará Auster a ser recoñecido entre os maiores escritores. Entre 1986 (ano no que publica Cidade de vidro) e 1994 (Mr Vértigo), publica novelas maiores como O palacio da lúa ou Leviatán (1992, existente na biblioteca). Volverá ó cine, adaptando xunto o director Wayne Wang o seu relato curto O conto de Nadal de Augie Wren, e estreando no 1995 as películas Smoke e Brooklyn Boogie, retornando á novela con Tombuctú (1999), O libro das ilusións (2002), A noite do oráculo (2004, existente na biblioteca) e Brooklyn Follies (2005, existente na biblioteca). No 2006 recibiu o Premio Príncipe de Asturias das Letras.
Paul Auster é, por excelencia, o escritor do azar e da continxencia. Persegue, no cotián, as bifurcacións surxidas de acontecementos aparentemente anodinos. Esto sucede en A música do azar e sobre todo en Leviatán, na súa excepcional escena central. O seu estilo é aparentemente sinxelo, grazas ó seu traballo e coñecemento da poesía, pero agocha unha complexa estrutura narrativa, composta de digresións, de historias na historia e de espellismos. Tamén describe a perda, a desposesión, o apego ós cartos, o vagabundeo. Cuestiona frecuentemente a identidade, en especial na Triloxía de Nova Iorque (1985-1986, existente na biblioteca) na que unha das súas personaxes (que non é o narrador) chámase como el, en Leviatán, na que o narrador ten as súas iniciais (Peter Aaron) e coñece a unha muller chamada Iris (anagrama da súa esposa Siri), ou en A noite do Oráculo, onde unha personaxe chámase Trause (anagrama de Auster).


Valid XHTML 1.0 Transitional