escritor@s da semana
Emile Zola
(Francia, 1840-1902)

"Murmúranse feitos terribles, traizóns monstruosas e, naturalmente, a Nación inclínase chea de estupor, non atopa castigo bastante severo, aplaudir a degradación pública, gozar vendo ó culpable sobre a súa roca de infamia devorado polos remordementos [...]É unha mentira, tanto máis odiosa e cínica, canto que se lanza impunemente sen que ninguén poida combatela. Os que a fabricaron, conmoven o espírito francés e se ocultan detrás dunha lexítima emoción; fan enmudecer as bocas, angustiando os corazóns e pervertendo as almas. Non coñezo na historia un crime cívico de tal magnitude" (tomado de "Eu acuso")
Escritor francés e fundador do movemento naturista. Zola naceu en París, o 2 de abril de 1840, fillo dun enxeñeiro civil italiano. Tras a morte do seu pai, a familia viviu na pobreza. O seu primeiro traballo foi o de empregado nunha editorial. A partir de 1865 gañouse a vida escribindo poemas, relatos e crítica de arte e literatura. A súa primeira novela importante, Thérèse Raquin (1867), é un detallado estudio psicolóxico do asasinato e a paixón. Máis tarde, inspirado polos experimentos científicos sobre a herdanza e o entorno, Zola decidiu escribir unha novela que afondara nas profundidades de tódolos aspectos da vida humana, que documentara os males sociais, á marxe de calquera sensibilidade política. Asignou a esta nova escola de ficción literaria o nome de naturismo e escribiu unha serie de vinte novelas entre 1871 e 1893, baixo o título xenérico de Les Rougon-Macquart, co fin de ilustrar as súas teorías a través dunha saga familiar. Tras unha ardua investigación produciu un sorprendente e completo retrato da vida francesa, especialmente a parisina, de finais do século XIX. Sen embargo, foi cualificado de obsceno e criticado por esaxerar a criminalidade e o comportamento a miúdo patolóxico das clases máis desfavorecidas. Algúns dos libros que se ocupan das cinco xeracións da familia Rougon-Macquart, alcanzaron unha gran popularidade. Entre as novelas desta serie destacan A taberna (1877, existente na biblioteca), un estudio sobre o alcoholismo; Nana, baseada na prostitución; Pot-bouille (1882), unha análise sobre as pretensións da clase media; Germinal (1885, existente na biblioteca), un relato sobre as condicións de vida dos mineiros; A besta humana (1890), unha novela que analiza as tendencias homicidas; e O desastre (1892), un relato sobre a caída do Segundo Imperio. Estes libros, que o propio Zola consideraba documentos sociais, influíron enormemente no desenvolvemento da novela naturalista.
As súas obras posteriores, escritas a partir de 1893, son menos obxectivas, máis evanxelizantes e, en consecuencia, menos logradas coma novelas. Entre estas figura a serie As tres cidades (3 volumes, 1894-1898), que inclúe Lourdes (1894), Roma (1896) e París (1898). Zola escribiu tamén varios libros de crítica literaria nos que ataca ós seus inimigos, os escritores románticos. O mellor dos seu escritos é o ensaio A novela experimental (1880) e a colección de ensaios Os novelistas naturistas (1881). En xaneiro de 1898 Zola viuse envolto no caso Dreyfus, cando escribiu unha carta aberta que se publicou no diario parisino L´Aurore. É a sonada carta coñecida como "Eu acuso", na que Zola arremete contra as autoridades francesas por perseguir ó oficial de artillería xudeu Alfred Dreyfuss, acusado de traizón. Tras a publicación desta carta, Zola foi desterrado a Inglaterra ó longo dun ano. Morreu en París, o 29 de setembro de 1902, intoxicado polo monóxido de carbono que producía a cheminea en mal estado.