Stendhal
- Marie Henri Beyle -
(Francia, 1783-1842)

Unha ou dúas veces, ó longo daquela escena, a señora de
Renal estivo a punto de sentir algo de simpatía pola desgraza real daquel
home que, ó longo de doce anos, fora o seu amigo. Pero as verdadeiras
paixóns son egoístas. Ademáis,estaba agardando a cada instante
que el lle confesara haber recibido tamén unha carta anónima o
día anterior e aquela confesión non chegou (tomado
de “Vermello e negro”)
Novelista e ensaísta francés que figura entre os grandes mestres da novela analítica. Marie Henri Beyle, que era o seu verdadeiro nome, naceu en Grenoble, o 23 de xaneiro de 1783, fillo dun avogado. Foi educado primeiro por un crego xesuita e más tarde estudiou na École Centrales laica de Grenoble. Escapou das limitacións da educación provinciana viaxando a París, e ós 17 anos ingresou no exército de Napoleón Bonaparte. Stendhal disfrutou da vida social dos militares en Milán, pero no 1802 abandonou o exército e levou unha vida bohemia en París. No 1806 quedouse sen cartos e volveu ó exército, onde desempeñou diversas misións diplomáticas e participou na fracasada campaña rusa de 1812. No 1814, tras a caída de Napoleón, Stendhal viaxou a Italia, onde ó longo de sete anos escribiu o tratado de crítica de arte Historia da pintura en Italia (1817) e un libro de recordos persoais e estudos académicos titulado Roma, Nápoles e Florencia no 1817 (1817). Esta última foi a súa primeira obra publicada baixo o pseudónimo de Stendhal. Acusado polo goberno austríaco, que entón gobernada o norte de Italia, de apoiar o movemento de independecia italiano, Stendhal foi expulsado de Italia no 1821. Regresou a Francia cando cesou a persecución dos defensores de Napoleón e estableceuse en París para adicarse a ler, encher numerosos cadernos de notas e escribir. Levou unha vida social e intelectual moi activa, frecuentando diversos salóns literarios nos que destacou pola súa habilidade na arte da conversa. Un ano máis tarde rematou o seu sonado Sobre o amor (1822), un tratado semiautobiográfico sobre a natureza do amor, inspirado nunha das moitas mulleres ás que o autor amou ó longo da súa vida. Nesta obra inscribía as súas opinións vangardistas sobre o matrimonio, o papel da muller, a moral e a política. No 1830, á chegada ó trono de Luis Felipe de Orleáns, Stendhal foi nomeado cónsul de Francia na localidade italiana de Trieste. No 1831 foi destiñado á unha cidade máis pequena Civitavecchia, preto de Roma, onde escribiu as súas principais novelas. Vermello e negro (1830, existente na biblioteca) analiza a sociedade contemporánea a través de Julien Sorel, un cobizoso mozo de provincias que se abre camiño na vida primeiro coma soldado e máis tarde coma sacerdote. A cartuxa de Parma (1839, existente na biblioteca), narra as vicisitudes de Fabrizio del Dongo, un mozo nobre que se ve envolto nas intrigas políticas do Ducado de Parma. En ámbalas dúas novelas Stendhal exalta a forza, a paixón e a espontaneidade. Os seus heroes descóbrense a sí mesmos a medida que avanzan pola vida en pos das súas ambicións. Stendhal permaneceu en Civitavecchia ata que morreu dun ataque ó corazón o 23 de marzo de 1842. O seu apego ó individualismo é a causa pola que xeralmente inclúese a Stendhal entre os escritores románticos. Sen embargo, o extremado rigor crítico co que analiza a psicoloxía humana faino destacar coma un dos primeiros escritores realistas do século XIX. Un dos seus principais logros foi a creación dun novo modelo de heroe. Tanto Julien coma Fabrizio son personaxes illadas psicolóxicamente, alonxadas da sociedade e enfrontadas ás imposicións e ideais desta. A cotío díse que ambas personaxes son retratos parciais do propio Stendhal.