Logo Biblioteca

Mary Shelley
- Mary Wollstonecraft Godwin -
(Londres, 1797-1851)

shelley


Cando coloquei a miña cabeza na almofada non durmín, aínda que tampouco podo dicir que estivera pensando. A miña imaxinación, espontánea, posuída, guioume, dando ás imaxes sucesivas que crecían na miña mente unha viveza máis alá das fronteiras usuais do sono. E vin cos ollos pechados, pero cunha aguda visión mental, ao pálido estudante de artes profanas fincado ao lado da cousa que unira. Vin a odiosa pantasma dun home aletargado e entón, por obra dalgúns poderosos motores amosou signos de vida e movementos torpes, de movemento semivivo. (tomado de “Frankestein”)

Mary Wollstonecraft Godwin, coñecida como Mary Shelley, foi unha narradora, dramaturga, ensaísta e biógrafa británica, recoñecida sobre todo por ser a autora da novela gótica Frankenstein ou o Moderno Prometeo (1818, existente na biblioteca). Tamén editou e promocionou as obras do seu esposo, o poeta romántico e filósofo Percy Bysshe Shelley. O seu pai foi o filósofo político William Godwin e a súa nai a filósofa feminista Mary Wollstonecraft.
A nai de Mary faleceu tras dar a luz, polo que ela e a súa irmán maior, Fanny Imlay, serían criadas polo seu pai. Cando Mary tiña tres anos, Godwin contraeu matrimonio coa súa veciña, Mary Jane Clairmont. O seu pai deu á súa filla unha educación que a alentou a unirse ás teorías políticas liberais. No 1814, Mary Godwin iniciou unha relación sentimental cun dos seguidores políticos do seu pai, Percy Byshhe Shelley, quen xa estaba casado. Os dous, xunto coa medio irmá de Mary, Claire Clairmont, viviron en Francia e viaxaron por Europa; ao seu regreso a Inglaterra, Mary estaba embarazada. Ao longo seguintes dous anos, ela e Percy enfrontáronse ao ostracismo social, ás débedas constantes e á desgracia do falecemento da súa filla, nacida prematuramente. Casaron a finais de 1816, logo do suicidio da primeira esposa de Percy Shelley.
No 1817 a parella pasou un verán con George Gordon Byron, John William Polidori e Claire Clairmont preto de Xenebra, Suiza, onde Mary concibiu a idea para a súa novela Frankestein. Os Shelley abandonaron Gran Bretaña no 1818 e mudáronse a Italia, onde o seu segundo e terceiro fillo morreron antes de que Shelley dese a luz ao seu derradeiro fillo, o único que sobreviría, Percy Florence. No 1822 o seu esposo afogou ao fundirse o seu veleiro durante unha treboada na baía de La Spezia. Un ano despois, Mary Shelley regresou a Inglaterra e dende entón dedicouse á educación do seu fillo e a súa carreira de escritora profesional. A última década da súa vida estivo inzada de enfermidades, probablemente vencelladas ao tumor cerebral que acabaría con ela aos 53 anos.
Ata a década de 1970, Mary Shelley foi principalmente recoñecida polos seus esforzos para publicar as obras de Percy Shelley e pola súa novela Frankenstein, que segue sendo amplamente lida e inspirou varias adaptacións en cine e teatro. Recentemente, os historiadores comezaron a estudar máis detalladamente os logros de Mary Shelley. Os eruditos amosaron un interese crecente na súa produción literaria, particularmente nas súas novelas, como as novelas históricas Valperga (1823) e Perkin Warbeck (1830), a novela apocalíptica O último home (1826) e as súas dúas últimas novelas, Lodore (1835) e Falkner (1837). Os estudos dos seus traballos menos coñecidos, como o libro de viaxes Camiñatas en Alemaña e Italia (1844) e o seu artigo biográfico incluído na obra de Dionysius Lardner Cabinet Cycopaedia (1829-46) apoian o punto de vista de que Mary Shelley continuou sendo unha política radical ao longo da súa vida. As obras de Mary Shelley frecuentemente argumentan que a cooperación e a compaixón, particularmente as practicadas polas mulleres nas súas familias, son as formas de reformar á sociedade civil. Esta visión constituíu un desafío directo ao romanticismo individual promovido por Percy Shelley e as teorías políticas educativas artelladas polo seu pai, William Godwin. Na biblioteca temos tamén a súa obra A transformación (1830).

Valid XHTML 1.0 Transitional