Rainer Maria Rilke
(Austria, 1875-1926)

Non podo durmir sen a ventá aberta. Os tranvías rodan estrepitosamente
a través da miña habitación. Os autos pasan por riba de
mín. Sona a porta. Nalgún sitio cae un vidro chasqueando. Oio
a risa dos anacos grandes de cristal e o leve sorriso das esquirlas. Despois,
de súpeto, un ruído xordo, afogado, ó outro lado, no interior
da casa. Alguén sube pola escaleira. Achégase, achégase
sen deterse. Está aí, moito tempo aí, pasa. Outra vez a
rúa. Unha moza berra: “Ah! Tais toi, j ene veux plus!” O
tranvía eléctrico acode, todo axitado, pasa por riba, máis
alá de todo. Alguén chama. Hai xentes que corren, agólpanse.
Un can ladra. ¡Que alivio! Un can. Cara a madrugada hai ata un galo que
canta: unha infinita ledicia (tomado de Os cadernos de Malte Laurids
Brigge)
Poeta
e novelista austro-xermánico, considerado como un dos máis importantes
e influentes poetas modernos a causa do seu preciso estilo lírico, as
súas simbólicas imaxes e as súas reflexións espirituais.
Naceu en Praga o 4 de decembro de 1875. Despois dunha infancia solitaria e chea
de conflictos emocionais, estudiou nas universidades de Praga, Munich e Berlin.
As súas primeiras obras publicadas foron poemas de amor, titulados Vida
e cancións (1894). En 1897, Rilke coñeceu a Lou
Andredas-Salomé, a filla dun xeneral ruso, e dous anos despois viaxaba
con ela ó seu país natal. Inspirado polas dimensións e
a beleza da paisaxe tanto como pola profundidade espiritual da xente coa que
se atopou, Rilke formouse na crenza de que Deus está presente en tódalas
cousas. Estes sentimentos encontraron expresión poética en Historias
do bo Deus (1900). Despois de 1900 Rilke eliminou na súa
poesía o vago lirismo que, alomenos en parte, lle inspiraran os simbolistas
franceses, e, no seu lugar, adoptou un estilo preciso e concreto, do que poden
dar exemplo os poemas recollidos no Libro das imaxes
(1902) e as series de versos de O libro das horas (1905).
En París, en 1902, Rilke coñeceu ao escultor Auguste Rodin e foi
o seu secretario de 1905 a 1906. Rodin ensinou ó poeta a contemplar a
obra de arte como unha actividade relixiosa e a facer os seus versos tan consistentes
e completos como esculturas. Os poemas deste período apareceron en Novos
poemas (2 volumes, 1907-1908). Nesta época, dende 1903
a 1908, Rilke escribiría dez cartas a un mozo poeta descoñecido,
Franz Xaver Kappus, cadete da escola militar austrohúngara, que conformarían
Cartas a un mozo poeta (1929, existente
na biblioteca), a mostra máis difundida e máis lida de todo
o amplo traballo epistolar que o escritor desenvolveu ó longo da súa
vida. Nestas cartas, o poeta ademais de expor cunha claridade e beleza sen igual
as súas opinións sobre a creación artística, plasmou
sabiamente as súas ideas sobre a vida, a arte e a poesía. Ata
o estalido da I Guerra Mundial, Rilke viviu en Paris, dende a que emprendeu
viaxes por Europa e norte de África. De 1910 a 1912 viviu no castelo
de Duino, prieto de Trieste, onde escribiu os poemas que forman A
vida de María (1913), os que despois poría música
o compositor alemán Paul Hindemith, e as dúas primeiras das Elexías
a Duino (1923). Na súa obra en prosa máis importante,
Os cadernos de Malte Laurids Brigge (1910), novela
comezada en Roma en 1904, empregou corrosivas imaxes para transmitir as reaccións
que a vida en París provoca nun mozo escritor moi parecido a el mesmo.
Rilke residiu en Munich ó longo de case toda a I Guerra Mundial e en
1919 trasladouse a Sierre (Suíza), onde se estableceu, salvo visitas
ocasionais a París e Venecia, para o resto da súa vida. Alí
completou as Elexías de Duino e escribiu Sonetos
a Orfeo (1923, existente na biblioteca). Estes dous
ciclos son considerados como o seu logro poético máis importante.
As elexías presentan a morte como unha transformación da vida
nunha realidade interior que, xunto coa vida, forman un todo unificado. A maioría
dos sonetos cantan a vida e a morte como unha experiencia cósmica. A
obra de Rilke co seu hermetismo, soidade, pereza chegou a un profundo existencialismo
e influíu nos escritores dos anos cincuenta tanto de Europa como de América.
Rilke morreu o 29 de decembro de 1926 en Valmont (Suíza).