Logo Biblioteca

Henry James
(EE.UU, 1843-1916)

Henry James

Que mellor don podería darse nunha compañeira que o dunha mente vivaz, imaxinativa, que lle aforrara a un repeticións e reflectira o propio pensamento nunha superficie pulida, elegante? Osmond detestaba ver o seu pensamento reproducido ao pe da letra – así parecía rancio e parvo-; prefería que gañase frescura na reprodución, como a letra na música. O seu egocentrismo non tomara nunca a crúa forma de desexar unha muller sosa; a intelixencia desa dama tiña que ser unha fonte de prata, non de barro – unha fonte que el puidese colmar de froitas maduras, ás cales prestaría un valor decorativo -, de sorte que a conversa puidera ser para el algo así coma un postre servido. En Isabel atopaba a calidade arxéntea desa perfección; podía tocar naquela imaxinación cos noelos e facela resoar. (tomado de “Retrato dunha dama”)

Escritor estadounidense expatriado, cuxa narrativa maxistral reune a inocencia americana e a experiencia europea nunha obra intensa e psicoloxicamente complexa. Henry, irmán menor do distinguido filósofo William James, naceu o 15 de abril de 1843 en Nova Iorque. Estudou en Nova Iorque, Londres, París e Xenebra. En 1875, estableceuse en Inglaterra e no 1915 obtivo a nacionalidade inglesa. Cando cumpre os vinte anos comezou a publicar contos e artigos en revistas de Estados Unidos. A obra de James caracterízase polo seu ritmo lento e a descrición sutil das personaxes, máis que polos incidentes dramáticos ou os argumentos complicados. Os seus libros principais, modelos da novela obxectiva psicolóxica, tratan do mundo ocioso e afectado que coñeceu de preto mentes viviu en Europa. Nos seus primeiros relatos e novelas, James manifesta o impacto que a vella cultura europea causou nos americanos que viaxaban ou vivían no vello continente. Exemplos desta fase, escritos entre 1875 e 1881, son Roderick Hudson (1876), O americano (1877), Daisy Miller (1879) e Retrato dunha dama (1881). Despois explorou os tipos e costumes do carácter inglés, como en A musa tráxica (1890), Os residuos de Poynton (1897) e A idade ingrata (1903) e A copa dourada (1904), volve ao esquema do contraste entre as sociedades europeas e americana. En xeral, o estilo das súas derradeiras obras é complexo, revelando oblicuamente os motivos e conduta das súas personaxes por medio das súas conversacións e a través das observacións minuciosas que se fan ente si. A pesar de que o diálogo significativo é característico do seu estilo literario, as súas obras de teatro fracasaron, aínda que varias delas foron dramatizadas ou levadas ao cine con éxito, incluíndo dous dos seus moitos relatos, Os papeis de Aspern (1888, existente na biblioteca) e Outra volta de torca (1898, existente na biblioteca), ademais de Washington Square (1881, existente na biblioteca), unha das súas novelas máis famosas. James morreu o 28 de febreiro de 1916, na súa casa de campo de Rye, Sussex. Foi un autor prolífico e ao longo dos 51 da súa carreira escribiu 20 novelas, 112 relatos e 12 obras de teatro, o que significa que publicou un ou máis libros ao ano ata o fin da súa vida. A súa obra inclúe, ademais da ficción, un gran volume de crítica literaria no que pon de manifesto a súa admiración polos novelistas George Eliot e Honoré de Balzac. A reputación de James como figura clave nas literaturas inglesa e estadounidense non chegou a consolidarse ata a década de 1940. A detallada descrición da vida interior das súas personaxes convérteno nun dos precursores do monólogo interior.
A nosa biblioteca conta ademais coas súas obras, Os europeos (1878), A conformidade de Crawford, Os papeis de Aspern (1888) e Os amigos dos amigos.

Valid XHTML 1.0 Transitional