Logo Biblioteca

Eduardo Galeano
(Montevideo, 1940)

Galeano

Danos risa o amor cando chega ó máis fondo da súa viaxe, ó máis alto do seu voo: no máis fondo, no máis alto, arríncanos xemidos e queixumes, voces da dor, anque sexa xubilosa dor, o que pensándoo ben nada ten de raro, porque nacer é unha ledicia que doe. Pequena Morte, chaman en Francia á culminación do abrazo, que rompéndonos nos xunta e perdéndonos nos atopa e rematándonos nos comeza. Pequena Morte, chámana; pero grande, moi grande ha de ser, se matándonos nos nace. (tomado de “O libro dos abrazos”)

Eduardo Germán Hughes Galeano nace en Montevideo (Uruguai) en 1940. Ós 14 anos entrou no mundo do xornalismo, publicando debuxos que asinaba como “Gius”, pola dificultosa pronunciación castelán do seu primeiro apelido. Algún tempo despois iniciouse no oficio xornalístico publicando debuxos e crónicas no semanario El Sol, anque anteriormente foi un pouco de todo: mensaxeiro e debuxante, peón nunha fábrica de insecticidas, cobrador, taquígrafo, caixeiro dun banco, diagramador, editor e peregrino polos camiños de América. Entre 1959 e 1963 foi xefe de redacción do semanario Marcha, publicación que ó longo de décadas deu acubillo ás voces máis interesantes das letras uruguaias e que terminou sendo silenciada pola dictadura; tamén foi director do diario Época entre 1964 e 1966. Dende principios de 1973, ó longo dos anos da dictadura militar uruguaia, estivo exiliado na Arxentina – onde fundou e dirixiu a revista Crisis – e no 1975 trasládase a Calella, na costa catalana, atopando un país que estaba a punto de dar un salto histórico cualitativo, coa sombra do octoxenario dictador. A principios de 1985 regresou a Montevideo, para voltar de novo a Cataluña onde na actualidade vive e escribe.
É autor de varios libros, traducidos a numerosas linguas. Galeano comete, sen remordementos, a violación das fronteiras que separan ós xéneros literarios. Nel conviven o xornalismo, o ensaio e a narrativa, sendo ante todo un cronista do seu tempo, certeiro e valente, que retratou con agudeza a sociedade contemporánea, penetrando nas súas lacras e nas súas pantasmas cotiás. O xornalístico vertebra a súa obra de forma prioritaria, de tal xeito que non é posíbel escindir a súa labor literaria da súa faceta coma xornalista comprometido. Ó longo dunha obra onde conflúen a narración e o ensaio, a poesía e a crónica, os seus libros recollen as voces da alma e da rúa, e ofrecen unha síntese da realidade e a súa memoria. En dúas ocasións foi premiado pola Casa das Américas e polo Ministerio de Cultura do Uruguai. Recibiu o American Book Award da Universidade de Washington pola súa triloxía Memoria do Lume. Foi o primeiro escritor galardoado co premio Aloa, creado polos editores de Dinamarca, e co Cultural Freedom Prize, outorgado pola Fundación Lannan.
Os seus primeiros escritos son reportaxes de corte política nos que a realidade aparece continuamente golpeada polas circunstancias. Tanto a reportaxe titulada China (1964) como Crónica dun desafío, do mesmo ano, ou Guatemala, un país ocupado (1967), reflicten unha escritura de urxencia, de denuncia, que retrata a cotidianidade duns tempos difíciles cunha escritura situada sempre en primeira liña dos feitos que vertebran o presente. Con As veas abertas de América Latina (1971, existente na biblioteca), explicativo título, onde condena a opresión do continente a través de páxinas brutalmente esclarecedoras que se somerxen na amargura crecente e endémica de América Latina. Esta obra foi traducida a 18 idiomas e mereceu acendidos eloxios dende diversos sectores. Xunto ó Galeano xornalista comeza a aparecer o narrador que prolonga nas súas obras a súa visión de América Latina. Destaca especialmente O libro dos abrazos (1989), de contido sutil e poético, que él mesmo define “creo que un autor ó escribir abraza ós demais. E este é un libro sobre os vínculos cos demais, os nexos que a memoria conservou, vínculos de amor e solidariedade. Historias verdadeiras vividas por mín e polos meus amigos, e como a miña memoria está chea de tantas persoas, é ao mesmo tempo un libro de “moitos”. Na túa biblioteca tamén contas cos seus libros A pedra arde (1980), Patas arriba: a escola do mundo ó revés (1998) e Días e noites de amor e de guerra (1978).

Valid XHTML 1.0 Transitional