Fedor Dostoievski
(Rusia, 1821-1881)

Á mañá seguinte espertouse tarde, tras un sono axitado
que non o descansara. Ergueuse bilioso, irritado, de mal humor, e considerou
a súa habitación con odio. Era unha gaiola minúscula, de
non máis de seis pés de longo, e tiña un aspecto miserento
co seu papel amarelento e cheo de po colgando en xiróns das paredes.
(tomado de “Crime e castigo”)
Novelista
ruso, un dos máis importantes da literatura universal, que escudriñou
ata o fondo da mente e do corazón humanos, e cuxa obra narrativa exerceu
unha profunda influencia en tódolos ámbitos da cultura moderna.
Naceu en Moscova no 11 de novembro de 1821. A súa infancia foi bastante
triste e, cando contaba soamente dezasete anos, o seu pai, que era un médico
retirado do exército, enviouno á Academia Militar de San Petersburgo.
Pero os estudos técnicos aburríano e, ó graduarse, decidiu
dedicarse á literatura.
Tras varias obras publicadas, no 1849 a súa carreira literaria quedou
fatalmente interrompida. Unírase a un grupo de mozos intelectuais que
lían e debatían as teorías de escritores socialistas franceses,
por aquel entón prohibidas na Rusia zarista. Todo o grupo foi detido
e enviado á cadea. En decembro conmutóuselle a pena de morte por
outra de exilio. Dovstoievski foi sentenciado a catro anos de traballos forzados
en Siberia e a servir ó seu país, posteriormente, como soldado
raso. As tensións dese período materializáronse nunha epilepsia,
que sufriría ó longo de toda a súa vida. A súa experiencia
no campo de concentración quedaría reflectida en Memorias
da casa morta (1862).
Tras a longa enfermidade e morte da súa muller en 1864, e a do seu irmán,
cuxas débedas financeiras viuse obrigado a pagar, quedou practicamente
na ruína. A cambio dun préstamo, comprometeuse cun pouco escrupuloso
editor a cederlle tódolos dereitos das súas obras se non lle entregaba
unha novela completa no prazo dun ano. Dous meses antes de cumprirse ese prazo,
presentou O xogador (1866, existente na
biblioteca), baseada na súa propia paixón pola ruleta. Para
transcribir esta novela contratara os servizos dunha mecanógrafa, Anna
Snitkina, coa que casaría pouco despois, e coa que alcanzaría
felicidade e satisfacción.
Dostoievski pasou os seguintes anos fora do país, para escapar dos acredores.
Foron anos de pobreza, pero de grande creatividade. Ó longo dese período
conseguiu rematar Crime e castigo (1866,
existente na biblioteca), que comezara antes de O xogador, e Os
endemoñados (1871-72). Cando regresou a Rusia no 1873,
xa obtivera o recoñecemento internacional. A súa derradeira novela,
Os irmáns Karamazov (1880, existente
na biblioteca), completouna pouco antes da súa morte. Sobre estas
catro últimas novelas, nas que Dostoievski traslada ás súas
narracións os problemas morais e políticos que lle preocupan,
descansa o recoñecemento internacional. En Crime e Castigo, probablemente
a súa mellor novela, o tema principal é unha análise sobre
se un ser, que se ve como individuo extraordinario, ten dereito a quebrantar
a orde moral. En cambio, o protagonista doutra das súas novelas, O
idiota, é unha personaxe mesiánica, concibida polo
autor como o paradigma do home bo. Os irmáns Karamazov, considerada como
unha das grandes obras mestras da literatura universal, constitúe a expresión
artística máis poderosa da habilidade de Dostoievski para traducir
a verbas as súas análises psicolóxicas e os seus puntos
de vista filosóficos. A grande contribución de Dostoievski á
literatura universal consistiu en dar un novo enfoque á novela segundo
a cal o narrador xa non está fora da obra relatando acontecementos máis
ou menos alleos a el, senón que a súa presenza maniféstase
con voz propia, como si doutra personaxe se tratara. A túa biblioteca
tamén conta coas obras O eterno marido,
A mansa e A lenda do gran inquisidor.