Julio Cortázar
(Arxentina, 1914-1984)

Toco a túa boca, cun dedo toco o borde da túa boca, vou debuxándoa
como se saíra da miña man, como si por primeira vez a túa
boca se entreabrira, e me basta pechar os ollos para desfacelo todo e recomezar,
fago nacer cada vez a boca que desexo, a boca que a miña man escolle
e te debuxa na cara, unha boca escollida entre todas, con soberana liberdade
escollida por mín para debuxala coa miña man na túa cara,
e que por un azar non busco comprender coincide exactamente coa túa boca
que sorrí por debaixo da que miña man debuxa. (tomado de “Rayuela”)
Escritor
arxentino renovador do xénero narrativo, especialmente do conto breve,
tanto na estrutura como no uso da linguaxe. Ainda que viviu en París
a maior parte da súa vida e no 1981 nacionalizouse francés como
protesta ante a toma do poder das diferentes xuntas militares en Arxentina,
é un autor arxentino plenamente integrado na literatura hispanoamericana.
Naceu en Bruxelas, pero os seus pais trasladáronse cedo a Bos Aires onde
estudaría na Escola Normal de Profesores e máis tarde na Universidade
de Cuyo. No 1951 conseguiu unha beca para realizar estudos en París e
xa nesta cidade pasaría a ser tradutor da UNESCO, traballo que desempeñou
ata a súa xubilación. Un trazo importante da súa vida é
que a raíz dunha viaxe que realizou a Cuba, invitado por Fidel Castro,
converteuse en gran defensor e divulgador da causa revolucionaria cubana, como
anos máis tarde faría coa Nicaragua sandinista. Mantivo, ao longo
da súa vida, un compromiso político activo, sobre todo na defensa
dos dereitos humanos, formando parte do Tribunal Russell II que, no 1973, xulgou
os crimes levados a cabo polas ditaduras latinoamericanas.
Viaxeiro impenitente e intelectual aberto, foi un dos protagonistas do boom
da literatura latinoamericana. Estes escritores conseguiron, a través
dos seus encontros literarios e conferencias en diversos foros tanto de EE.UU.
como de Europa, as súas relacións con editoriais, as súas
colaboracións coa prensa europea, un recoñecemento internacional
para a súa obra, que, sen renunciar ás súas raíces
culturais, universalizouse tanto en temas como en estilos. Así, o que
comezou sendo un lanzamento editorial dunha nova narrativa converteuse nunha
presencia renovadora constante da literatura, debido, por suposto, á
calidade das súas obras. Gran parte da súa obra constitúe
un retrato, en clave surrealista, do mundo exterior, ao que considera como un
labirinto pantasmal do que o ser humano intenta escapar. Unha das súas
primeiras obras, Os reis (1949), é
un poema en prosa centrado na lenda do Minotauro. O tema do labirinto reaparece
en Os premios (1960), unha novela que
xira ao redor do cruceiro que gaña un grupo de xogadores nun sorteo,
e que se vai convertendo ao longo do relato nun auténtico pesadelo.
O Cortázar dos contos creou escola polas súas propostas sorprendentes,
o seu aproveitamento dos recursos da linguaxe coloquial e as súas atmosferas
fantásticas e inquietantes que poden emparentarse coas dos relatos do
seu compatriota Borges. O ritmo da linguaxes recorda constantemente a oralidade
e, polo tanto, a orixe do conto: lidos en voz alta cobran outro significado.
O curioso destes relatos é que o lector sempre se queda atrapado, a pesar
da alteración da sintaxis, da disolución da realidade, do insólito,
do humor ou do misterio, e reconstrúe ou interioriza a historia coma
algo verosímil. Entre as coleccións de contos máis coñecidas
atópanse Bestiario (1951), As
armas segredas (1959), un de cuxos relatos, O perseguidor,
converteuse en referente obrigado da súa obra; Tódolos
lumes do lume (1966); Octaedro
(1974) e Queremos tanto a Glenda (1981),
ainda que, con moito, destaca da súa produción a obra Rayuela
(1963). A biblioteca do Porriño conta coa obra completa de Julio
Cortázar.