Ray Bradbury
(EEUU, 1920)
Constituía un pracer especial ver as cousas consumidas, ver os obxectos
ennegrecidos e cambiados. Coa punta de bronce do soprete nos seus puños,
con aquela xigantesca serpe cuspindo o seu petróleo velenoso sobre o
mundo, o sangue latexaba na cabeza e as súas mans eran as dun fantástico
director tocando todas as sinfonías do lume e das chamas para destruír
as ruínas da Historia. Co seu casco simbólico no que aparecía
gravado o número 451 ben plantado sobre a súa impasible cabeza
e os seus ollos convertidos nunha chama laranxada ante o pensamento do que ocorrería,
acendeu o deflagador e a casa quedou rodeada por un lume devorador que inflamou
o ceo do serán con cores vermellas, amarelas e negras (tomado de “Farenheit
451”)
Novelista
e creador de contos estadounidense coñecido principalmente polos seus
libros de ciencia ficción, nos que fai unha crítica mordaz do
uso da tecnoloxía. Graduouse na escola secundaria en 1938, e gañouse
a vida coma vendedor de xornais ata 1942. Comezou a escribir dende neno, pero
publicou a súa primeira historia no 1938, nunha revista de afeccionados.
Adquiriu a certeza do que sería o seu estilo cando compuxo The lake.
No 1943 deixou o traballo de vendedor de xornais e dedicouse a escribir a tempo
completo, publicando en diversos medios numerosos relatos breves, ata que no
1950, coa aparición de Crónicas marcianas (existente na biblioteca),
comezou a súa ascendente fama literaria. Nas súas páxinas
cóntanse os intentos iniciais dos terrestres por colonizar o planeta
Marte, pero é á vez un libro sobre as angustias e ansiedades que
existían na sociedade norteamericana dos cincuenta ante o perigo dunha
guerra nuclear. No 1951 publicou un dos seus libros maiores, O home ilustrado,
composto por varios relatos de natureza fantástica, e dous anos máis
tarde outro dos máis representativos, Farenheit 451 (existente na biblioteca),
que trata dun futuro onde os libros son prohibidos e queimados por un estado
totalitario, mentres que un grupo de homes recluídos nos bosques decide
memorizar textos enteiros de filosofía e literatura para preservar a
cultura; esta fábula moralizante foi considerada como unha gran obra
antiutópica e acaso premonitoria, e foi levada ao cine por François
Truffaut.
Bradbury non soamente cultivou a ciencia ficción e a literatura de corte
fantástica, senón que escribiu tamén libros realistas e
incluso introduciuse no relato policial. A súa prosa caracterízase
pola universalidade, como si non lle importara tanto perfeccionar un xénero
como escribir acerca da condición humana e a súa temática,
a través dun estilo poético. Precisamente por esta peculariedade
algúns críticos non o consideran un escritor de ciencia ficción
como tal e lles resulta difícil catalogalo nun ou noutro campo da literatura.
Como exemplo diso soen citarse relatos breves, moi sutís e tenros, como
Casa dividida e O roubo do século, ou a poética obra O viño
do estío (1957).
Ademais do problema dunha guerra atómica, da censura nun mundo por vir
e do perigo implícito nas técnicas e a ciencia, tratou temas máis
cotiás como o racismo, o medo á morte, o amor e a infancia. Escribiu
tamén guións de cine, como o da película Moby Dick, de
John Huston, así como guións para series televisivas como Alfred
Hitchcock presenta e A dimensión descoñecida. No 1963 publicáronse
as súas obras teatrais reunidas baixo o título de The Anthem Sprinters.
Os seus relatos curtos foron incluídos en máis de 700 antoloxías.
Aparte dos mencionados, son tamén moi coñecidos títulos
como A árbore das bruxas (1972) e Cemiterio para lunáticos (1990).
A nosa biblioteca conta, aparte das mencionadas, coas súas obras Fábulas
fantásticas, Contos do futuro e Pantasmas do novo.