escritor@s da semana
Simone de Beauvoir
(Francia, 1908-1986)

"Porque o home é transcendencia, xamais poderá imaxinar un paraíso. O paraíso é o reposo, a transcendencia negada, un estado de cousas xa dado, sen posible superación. Pero, nese caso, ¿que faremos?para que o aire sexa respirable terá que deixar paso ás accións, ós desexos, que á súa vez temos que superar: terá que deixar ser paraíso. A beleza da terra prometida é que ela prometía novas promesas. Os paraísos inmóbiles non poden prometer máis que un eterno aburrimento" (tomado de "Pyrrhus et Cinéas")
Novelista francesa existencialista e feminista. Ata 1943 foi profesora de filosofía. Tras coñecer a Jean Paul Sartre na Sorbona, en 1929, uniuse estreitamente ó filósofo francés e ó seu círculo. Na súa primeira novela, A invitada (1943), explorou os dilemas existencialistas da liberdade, a acción e a responsabilidade individual, temas que aborda igualmente en novelas posteriores como A sangue dos outros (1944) e Os mandarines (1954, existente na biblioteca), novela coa que recibiu o Premio Goncourt. As teses existencialistas, segundo as cales cada un é responsable de si mesmo, introdúcense tamén nunha serie de obras autobiográficas, entre as que destaca Memorias dunha boa familia (1958, tamén coñecida como Memorias dunha xove formal), A forza das cousas (1963, existente na biblioteca) e Final de contas (1972). Quizais a súa obra máis sonada é A muller rota (1967, existente na biblioteca), un libro composto por tres relatos co nexo común dunha muller na senectude, enfrontada á realidade contestataria dos seus fillos, que viven nunha época moi diferente á súa, e afogada pola súa relación matrimonial. As súas obras ofrecen unha visión sumamente reveladora da súa vida e do seu tempo. Entre os seus ensaios escritos cabe destacar O segundo sexo (1949), un profundo análise sobre o papel das mulleres na sociedade; A Vellez (1970), sobre o proceso de envellecemento onde critica apaixonadamente a actitude da sociedade cara os anciáns, e A cerimonia do adeus (1981), onde evoca a figura do seu compañeiro e colega de tantos anos, Jean Paul Sartre.