actividades
— Exposición:
retos para unha época: os ilustradores galegos 1830-1936
Esta
exposición recolle o interesante labor desenvolvido desde finais do século
XIX ata o comezo da Guerra Civil española, polos ilustradores galegos
mediante a súa actividade no deseño de cubertas e páxinas
interiores de libros, prensa, carteis, revistas, etc.
Os obxectivos da mesma pódense resumir en tres:
A) Presentar ao público a evolución da arte gráfica galega mediante soportes vulnerables e populares. O espectador poderá visualizar a tarefa de artistas recoñecidos, cunha obra realizada ao óleo sobre lenzo, como poden ser Luís Seoane, Carlos Maside, Manuel Colmeiro ou Carlos Sobrino, por citar algúns, pero que con maior probabilidade son descoñecidos na súa tarefa como ilustradores de libros e que esta exposición pretende completar. Outros ilustradores non gozan de fama como pintores con todo mostran unha obra gráfica aplicada ao libro de incuestionable beleza.
B) Ofrécese
en segundo lugar, a variedade de aplicación da ilustración a través
de carteis que anuncian festas, a importancia dos anos Xacobeos, ou o clima
recomendable da cidade da Coruña. Tamén se fai referencia á
aplicación da ilustración nas Revistas artísticas como
Nós, Alborada, Alfar, Ronsel ou Cristal. A preocupación dos ilustradores
polo deseño das cubertas dos seus Catálogos, onde o porriñés
Antonio Palacios, Federico Ribas ou Llorens, procuran unhas cubertas atractivas
como reclamo das exposicións de arte galega que se celebran tanto en
Galicia como en Madrid, Bos Aires ou Montevideo. Esta exposición recolle
ademais a inquietude artística a través de Editoriais como Céltiga,
Lar ou Nós, as cales demostraron o seu compromiso coa cultura e o idioma
de Galicia, pois editaron libros en galego nunha época na que a venda
de libros era moi escasa e reducíase aínda máis se trataba
de libros en galego. Estas editoriais trataron de realizar libros con cubertas
e páxinas interiores realizadas por ilustradores de extraordinaria calidade
como Castelao, Belo Piñeiro, Abelenda, Camilo Díaz Baliño
ou Fernández Mazas.
Inclúese tamén nesta
exposición un panel que fai referencia ao Ex Libris, como demostración
do gusto polo detalle, pola identificación da propiedade e polas boas
relacións que nesta época mantiñan ilustradores e escritores,
tratando de xuntar os seus esforzos na defensa de Galicia como identidade cultural.
Faise referencia ás Ilustradoras, Maria Cabo, Dores Díaz Baliño
e Matilde Legísima, que aínda que en número inferior aos
ilustradores, son mulleres que aportan a súa arte á ilustración
do libro e demostran un inicio de participación no campo da arte gráfica.
Tamén se presenta una un panel co labor realizado por ilustradores galegos
recoñecidos a nivel nacional e que traballan en Madrid. Estes son Manuel
Bujados, Federico Ribas e Máximo Ramos, que compartiron o traballo en
editoriais como Renacimiento, Pueyo, Marineda, Mundo latino, etc, con artistas
da talla de Bartolozzi, Ochoa ou Rafael de Penagos.
C) En
terceiro lugar efectúase un percorrido polas tendencias artísticas
fundamentais da arte galega a través das cubertas de libros partindo
de 1880 ata 1936 e que se corresponde co Rexionalismo, Modernismo,
Nacionalismo e Renovación ou vangarda,
dentro dos que se inclúe o labor dos ilustradores máis relevantes.
Para rematar preséntanse 12 paneis que recollen o labor en concreto de
doce Ilustradores como mostra desta arte que como se explica queda plasmado
sobre soportes vulnerables e que só grazas ao coidado e sensibilidade
dalgúns bibliófilos hoxe podemos admirar.
Todos os paneis constan dunha breve explicación tratando de adaptar a linguaxe ao público en xeral, sen esaxerar os contidos pois se preferiu potenciar o aspecto gráfico.
A exposición componse
de 30 paneis de dimensións 90 X 63 cm. realizados en DM, material que
permite unha boa impresión, facilidade no transporte polo seu lixeireza,
consistencia e comodidade para a súa colocación sobre calquera
tipo de parede.
No reverso cada panel leva un número que indica o lugar que preferiblemente
debe ocupar na orde da montaxe, buscando unha uniformidade de contidos e unha
harmonía na disposición.
O traballo para realizar esta exposición, correu a cargo de tres profesores de I.E.S. Piñeiro Manso: Mercédes Bangueses, José Ramón Iglesias e Juan Aguilar en colaboración e patrocinio co Concello do Porriño mediante a Biblioteca Municipal do Porriño, quen levará a coordinación da itinerancia da exposición. (Documentación, investigación e textos: Mercedes Bangueses, Doutora en Historia de Arte. Colaboran Juan Aguilar e José Ramón Iglesias).




