A Concellería de Cultura quere darvos a benvida a esta páxina web e convidarvos a que visitedes tódolos seus apartados e distintas seccións, nas que de seguro atoparedes información e aspectos de interese, tanto para os foráneos ó noso pobo como para os nosos propios habitantes e concidadáns.
Con esta web, o Centro Cultural Municipal do Porriño entra na Internet por unha razón moi clara. Nós entendemos que as institucións non deben ter un carácter rancio nin anquilosado no tempo, senón que, pola contra, deben ser unha ferramenta de expresión da vontade popular, un vehículo no que os pensamentos e ideas da nosa poboación teñan cabida e sexan quen de responder ás responsabilidades que os cidadáns depositan nelas. Por iso esa vontade de comunicar e recibir comunicación que se pon en práctica, de novo, coa creación desta páxina web coincidindo no tempo coa apertura da Sala de Acceso a Interné nas dependencias do Centro Cultural Municipal. Entendemos a Casa de Cultura como a gran casa de todos. Queremos que os cidadáns, e especialmente a xuventude, se achegen a coñecernos, a resolver as súas dúbidas e preguntas e a axudar coas súas opinións e suxestións a calidade dos nosos servicios. E esa vontade de enviar e recibir comunicación escolle tódolos camiños posibles que estean nas nosas mans, neste caso especial a rede de Interné. Por iso queremos que os máis xoves visiten os espacios do Centro Cultural Municipal, como as Salas de Exposicións, a Biblioteca ou os actos que se celebran no Auditorio, así como a participar nas festas populares, os festexos de Nadal e Entroido, as actividades que se celebran ó longo de todo o ano e especialmente nas Festas do Cristo, con actos case diarios en todo o mes de setembro.
Unha mención especial deben recibir todos aqueles que non coñecen a nosa vila, ós que encarecemos a acudir ó apartado de Turismo e comprobar as amplas posibilidades de ocio e lecer que ofrece o noso pobo, un paraíso orlado dun marco de pedra, no que poderán desfrutar das súas festas, espacios naturais, patrimonio e gastronomía. Así mesmo ós peregrinos que fan a súa viaxe polo Camiño de Santiago animámolos a elixir Porriño como unha das súas paradas e fondas, quedándose algún día para poder desfrutar da nosa oferta turística. De seguro que proximamente recibiremos a súa visita, que acolleremos cos brazos abertos.
A tódolos internautas agradecémo-la súa visita, e emprazámolos a navegar a cotío pola páxina do Centro Cultural Municipal.
Unha forte aperta,
Centro Cultural Municipal
Concellería Cultura
Concello do Porriño