Logo Biblioteca

Saad Eskander
(Iraq)

Eskander

Mentres falabamos, cara as 11,35, unha enorme explosión fixo tremer o edificio da Biblioteca Nacional. Os tres corrimos cara a fiestra máis achegada e vimos unha grande e espesa columna de fume que viña dende a rúa al-Mutanabi, que está a menos de 500 metros da biblioteca. Souben despois que a explosión foi dun coche-bomba. Milleiros de papeis voaban polo aire, como si de o ceo chovesen libros, bágoas e sangue. A visión era surreal. Algúns dos papeis ardían no ceo. Sobre a Biblioteca Nacional caían moitos anacos de papel en chamas. A rúa al-Mutanabi chámase así por un dos máis importantes poetas árabes, que viviu en Iraq ó longo da Idade Media. (tomado do seu ciberdiario)

Como excepción no relatorio de personaxes literarias de “Esta semana…” queremos facer un alto no camiño para homenaxear a un, ademais de bo escritor, colega de profesión: Saad Eskander, director da Biblioteca e o Arquivo Nacionais de Iraq. A súa obra principal é o seu “ciberdiario” (en castelán en http://blogs.elpais.com/diario_desde_irak), un blog onde detalla os obstáculos ós que se enfronta para manter aberta a biblioteca central de Iraq, conservar os arquivos e libros superviventes e, como non, seguir con vida cada día. Escrito en estilo plano e desprovisto de emoción, o diario relata os bombardeos, tiroteos, ameazas, carencias e pequenas frustracións do principal almacén cultural e literario iraquí. Á queixa de que o prezo do combustible para calefacción é 40 veces maior que en outono síguelle un informe sobre o asasinato dun dos mozos deseñadores de ciberpáxinas máis brillantes da biblioteca.
Eskander conta que un amigo que traballa nos Arquivos Nacionais do Reino Unido suxeriulle que escribira un diario para a web dun arquivista. Accedeu a participar no proxecto porque “estaba en débeda cos seus bibliotecarios e arquiveiros, que estiveron traballando moito e facendo todo tipo de sacrificios para satisfacer as necesidades culturais da clase intelectual do país”.
A Biblioteca Británica comezou a publicar o seu diario o 30 de decembro, día da execución de Sadam Hussein. Inclúe material que comeza a mediados de novembro de 2006, xusto antes de que Eskander decidira pechar a súa biblioteca ó longo de tres semanas, tras unha terrorífica serie de bombardeos, tiroteos e ameazas. As entradas, a maioría aínda sen editar, conservan as erratas, palabras que faltan e errores en inglés, dando unha sensación de inmediatez e intimidade.
No xaneiro pasado, Eskander publicou un gráfico sobre o impacto da violencia sectaria sobre os seus traballadores soamente no mes de decembro: incluía catro asasinatos e dous secuestros de empregados, 66 mortes de familiares de empregados, 58 ameazas de morte e 51 substitucións.
Velaquí a nosa homenaxe a esta persoa case anónima que no medio do violento e frustrante día a día do inferno iraquí ten a teima de manter aberta a súa biblioteca.


Valid XHTML 1.0 Transitional