o porriño-bibliografías
| O
Porriño-Bibliografías / Albino Alonso Rodríguez,
David Pérez Rego ; anexo, Xosé Paz Antón.-- [O Porriño]
: Concello do Porriño, D.L. 2005.-- 185 p. : il., fot. ; 24 x 28
cm.-- (O noso patrimonio (O Porriño. Concello) ; v. 2) D.L. VG 653-2005.-- ISBN 84-606-3753-0 1. O Porriño-Bibliografías. -- I. Paz Antón, Xosé, coaut II. Pérez Rego, David 015(460.115 O Porriño) |
Introducción da obra:
"A literatura dun país, non é, en rigor, máis
que unha fase da súa historia,
unha manifestación clara e determinante da súa cultura."
M. Murguía
Non queremos dende estas
liñas facer unha apoloxía da expresión literaria; recollemos
e compartimos para elo as verbas de Murguía, e camiñamos cara
adiante coma "ananos que camiñan a ombros de xigantes", como
indicaba Anselmo de Canterbury fai xa algunha centuria que outra. As nosas inquedanzas
diríxense por outros rumbos, menos románticos poderiamos dicir,
anque non faltos dunha poética que sempre se agocha detrás de
cada traballo abordado coa máxima ilusión, como o presente. Creamos
unha publicación composta de publicacións, unha obra que, como
toda bibliografía, atopa a lóxica da súa existencia na
existencia pretérita de outros autores e outros traballos abordados con
ilusión.
Unha bibliografía sobre unha localidade representa a identificación
escrita da súa historia, do seu patrimonio bibliográfico que,
como todo patrimonio, precisa da súa conservación e transmisión
cara as xeracións vindeiras. Pensamos que unha sistematización
do mesmo, e esta bibliografía contribúe a elo, é o mellor
xeito de dar a coñecer o noso patrimonio, primeiro paso ineludible para
que a súa conservación se leve a efecto.
Os documentos están clasificados nesta obra en base á forma de
publicación dos mesmos, que se correspondería con:
1. Publicacións
monográficas
2. Publicacións seriadas
3. Gravacións sonoras
4. Películas e videogravacións
Quedan fora deste estudio,
polo tanto, materiais tales coma seccións e partes de obras, artigos,
materiais gráficos, cartográficos ou arquivos de ordenador; unha
labor, á da súa catalogación e sistematización,
que podería ser abranguida noutro estudio que, dado o seu indubidable
interese, non deixaríamos de calificar de moi necesario, sobre todo no
referente ós artigos nas publicacións periódicas. Un capítulo
aparte merece unha aclaración sobor da figura do arquitecto Antonio Palacios
Ramilo. Non é necesario reseñar que foron e son moitas as páxinas
escritas sobre esta figura. Nesta bibliografía sinxelamente aparecerán
as súas biografías, monografías sobre a súa obra
ou catálogos das exposicións máis importantes realizadas
sobre el; non se inclúen artigos ou publicacións similares: primeiro
porque é un material que, como temos dito, non se recolle nesta bibliografía
con carácter xeral, e segundo porque a bibliografía sobre a súa
vida e obra queda reflectida cun carácter minucioso, exhaustivo e totalmente
actualizado no catálogo da exposición "Antonio Palacios :
constructor de Madrid", publicado por La Librería no ano 2001 (páx.
395-407), que si recollemos nesta obra. Deternos nunha nova bibliografía
sobre Antonio Palacios, escaparía ós obxectivos desta publicación.
Outro aspecto sobre o que hai que facer unha aclaración é encol
da figura de Leandro Diz: incluimos nesta bibliografía a súa obra
"Recuerdos porriñeses", pero non as demais obras inéditas
que popularmente se lle atribúen. Así a Gran Enciclopedia Galega
indica que deixou inéditas "Mis crónicas" e a novela
"Brumas del Louro", e no folleto das Festas do Cristo do Porriño
de 1959 atopamos un fragmento doutra obra súa, "Retablo porriñés".
A pesar de todo, hai que dicir que nos tres casos estas obras serían
inéditas, e polo tanto non aparecerían neste estudio. Neste punto
tamén queremos facer constar a existencia do libro "De mí"
do porriñés José Pereiro Trelles, do cal non temos máis
noticia ca súa existencia.
No apartado de "Publicacións monográficas", considerouse
axeitado incluír neste catálogo unha segunda clasificación
diferenciando as obras: a) producidas por autores porriñeses ou cunha
especial vinculación coa localidade; b) producidas por entidades porriñesas;
c) impresas no Porriño; d) obras que teñan como tema principal
O Porriño, incluíndo as que traten de forma extensa e dilatada
a localidade. Cabe aclarar neste punto que é esta unha clasificación
xerárquica no que se refire á presentación dos diferentes
documentos, na cal unha obra que posúa os requisitos para ser clasificada
en varios apartados localizarase seguindo a orde anteriormente establecida,
evitando así a repetición. Quere esto dicir que habendo obras
que sexan escritas por porriñeses, cunha temática porriñesa
e impresas na localidade, a obra en cuestión soamente aparecerá
reflectida nun apartado determinado loxicamente (por exemplo, e neste caso,
a obra soamente aparecería no apartado de Autores), e que vería
determinado en orde descendente á relación anteriormente expresada.
Entendendo esto poderemos afirmar que no apartado de "Obras impresas no
Porriño" atoparemos aquelas publicacións que non están
escritas por porriñeses, nin editadas por entidades da localidade, ademais
de non ter unha temática centrada no Porriño.
Os diferentes asentos bibliográficos deste catálogo están
descritos de acordo coas Regras de Catalogación, na súa edición
revisada e refundida do 1999, publicadas polo Ministerio de Educación
e Cultura. A descrición bibliográfica complétase coa notación
correspondente da CDU (Clasificación Decimal Universal), e coa asignación
de encabezamentos de materia. En canto a CDU, inclúese a notación
contida nas táboas sistemáticas editadas pola Asociación
Española de Normalización y Certificación (AENOR), mentres
que no referente ós encabezamentos de materia emprégase a lista
de encabezamentos de materia para bibliotecas públicas editadas pola
Dirección General del Libro y Bibliotecas.
Hai que aclarar que os autores non sempre tivemos a posibilidade de realizar
unha catalogación directa, ó non posuír e non poder consultar
fisicamente tódolos materiais que recompilamos, razón pola cal
hai casos nos que asumimos a catalogación realizada por fontes alleas
a nós, sempre e cando estas tiveran o aval e credibilidade necesarias
para ser admitidas nun traballo destas características.
Tras a descrición bibliográfica consideramos oportuno incluír
unha referencia de localización de cada material, con razón a
que os interesados poidan consultar os documentos nas bibliotecas que os conteñan,
sen desdeñar que é obxectivo prioritario da Biblioteca Municipal
do Porriño, na súa sección de Fondo Local, poder reunir
todos os documentos reseñados nesta obra. Esta localización a
que nos referimos segue un criterio básico e lóxico de proximidade.
No caso de que o documento forme parte do fondo bibliográfico da Biblioteca
Municipal do Porriño así se fará constar sen facer mención
de calquera outra localización, primando en segundo lugar ás bibliotecas
universitarias de Galicia e bibliotecas provinciais, e seguidamente a outras
bibliotecas da comunidade autónoma galega atendendo á proximidade
xeográfica. No caso de que os documentos non podan ser consultados en
Galicia recurririamos á localización da Biblioteca Nacional de
España e, no seu defecto, a outras bibliotecas seguindo, de novo, o mesmo
criterio de proximidade xeográfica.
Variadas foron as fontes consultadas para a elaboración deste repertorio
bibliográfico. En primeiro lugar temos que citar a información
proporcionada por cidadáns interesados neste tema, a quen moitas veces
recorremos e quen sempre colaboraron desinteresadamente para levar a bo termo
un traballo coma este: a todos eles o noso encarecido e sinceiro agradecemento.
Tamén foron consultadas minuciosamente moitas bibliografías dun
marco xeográfico amplo, pero é preciso destacar que as novas posibilidades
que nos ofrece na actualidade a rede de Internet foron totalmente necesarias,
e aínda imprescindibles, para acadar unha recompilación de documentos
tal como a que temos entre as mans. A informatización dos catálogos
de bibliotecas, e, sobre todo, a inclusión das súas bases de datos
na rede de redes, a través dos catálogos automatizados de acceso
en liña (OPAC´S), son un instrumento vital para quen queira adentrarse
no mundo das recompilacións bibliográficas. A este respecto foron
consultadas decenas de bases de datos de bibliotecas de todo o mundo, sobre
todo, e ademais das españolas, de Francia, Alemaña, Reino Unido,
Arxentina e Estados Unidos, cuns resultados que non deixaron de sorprendernos
tanto pola súa cantidade como pola calidade dos documentos atopados.
O obxectivo desta publicación é o de ofrecer unha sistematización
e normalización da producción bibliográfica porriñesa.
As antigas publicacións e as novas, sexan literatura gris ou poesía,
informes ou memorias, que como denominador común teñen o pobo
e a localidade porriñesa, quedan aquí localizadas, recuperadas
e conservadas para o futuro. Con esta publicación, os autores comprácense
en ofrecer a toda a comunidade porriñesa e ó público interesado,
un instrumento de traballo do que se deriva, sen dúbida ningunha, un
proceso técnico bibliográfico normalizado e coherente, favorecedor
da transmisión da información e da homoxeneización do catálogo
do fondo local e recursos bibliográficos da nosa localidade. Á
máis do interese que poida ter para, en xeral, toda a poboación,
quenes traballamos neste sector da biblioteconomía sabemos da importancia
que un traballo destas características pode representar para os investigadores;
a metodoloxía da nosa investigación fará deste manual,
no sucesivo, un instrumento para adentrarse no patrimonio bibliográfico
da localidade. Tamén somos plenamente conscientes de que "son todos
os que están, pero non están todos os que son". A pesares
de que os autores realizamos unha busca exhaustiva empregando todos os mecanismos
dos que podemos valermos, é indubidable que existe un baleiro que esperamos
sexa o máis pequeno posible; un baleiro motivado unicamente polo descoñecemento
da existencia de obras e autores que esperamos emendar coa contribución
dos lectores deste libro. Esta é condición sine qua non esta obra
non tería o carácter aberto que queremos que teña, como
principio dunha recollida sistemática de todo o patrimonio bibliográfico
porriñés, creado ou por crear. Este mesmo catálogo bibliográfico
non aparecerá na recompilación que de seguido comeza: xa que logo,
comezou a quedar obsoleto.