Bibliologo
r/ domingo bueno, 9. 36400, o porriño (pontevedra)
tel . 986337624 / fax986344235
biblioteca@centroculturalporrino.com
como chegar

 

servizos

lectura e consulta en sala
préstamo
préstamo especial (programa voluntariado)
carné de usuario
servizo de información xeral e orientación e información bibliográfica

servizos multimedia
programa "lendo espero!"
programa Fondo Local

espazos

¿queres ver os planos?
¿queres ver imaxes?

sala de consulta
sala infantil e xuvenil
sala de acceso a Internet
hemeroteca
sala de exposicións
auditorio
puntos de servizo

 


A Biblioteca Pública Municipal abriu as súas portas en maio de 1990 co fin de concentrar no seu espacio os servicios bibliotecarios do municipio. A Biblioteca inaugurouse ó principio nun local da Praza Central da localidade, trasladándose en novembro de 1993 ó novo Centro Cultural da vila.
A Biblioteca Municipal ocupa gran parte do primeiro andar da Casa de Cultura, cunha superficie distribuída entre unha sala de consulta e unha sala infantil, separadas entre si por un sistema de estantes, andeis que facilitan a consulta por acceso directo da maior parte dos fondos da biblioteca por parte dos usuarios.
A Biblioteca do Porriño ten un horario de apertura de 9:00 a 21:00 horas ininterrompidamente de luns a venres. Actualmente conta con 2353 socios rexistrados con tarxeta de lector nunha poboación de case 17.000 habitantes, o que representa uha porcentaxe do 12,6 %. Aparte disto, as estatísticas reflicten un número de usuarios diarios dos servicios da biblioteca que oscila ó redor das 150 persoas, na súa maioría estudiantes que abarcan dende os niveis de educación infantil ata a ensinanza universitaria.

BibliotecaExterior edificio

 

O acceso ós servicios da biblioteca é libre e de balde

O persoal do biblioteca está a disposición dos usuarios para facilitarlles e orientalos no seu uso

 

 

lectura e consulta en sala
Tódolos libros, revistas, periódicos e publicacións oficiais poder ser leídos e consultados na sala, agás os diccionarios que serán solicitados ó persoal. Asi mesmo existe servicio de reprografía (nº licencia CEDRO 1/03-BPUB)

 

préstamo
A maior parte da colección pode ser obxecto de préstamo a domicilio (exclúense publicacións periódicas, obras de referencia, Fondo Local e excepcións) Este servicio permite tomar en préstamo unha obra ó longo dun periodo de 15 días renovables por dous periodos do mesmo tempo. As renovacións sempre se teñen que facer dentro do periodo de préstamo. O material en préstamo debe ser obxecto de coidado, sendo o usuario o responsable dos posibles desperfectos que do seu mal uso se deriven. Para devolve-lo libro soamente tes que deixalo no espacio a el adicado do mostrador de entrada da biblioteca.

 

préstamo especial
A biblioteca ofrece a posiblidade de préstamo a domicilio á aquelas persoas que por distintas razóns
(de idade ou minusvalía), non poidan acceder físicamente ás nosas instalacións. Un grupo de voluntarios son os encargados de visitar a estes usuarios, falar con eles para recoñecer as súas inquedanzas e gustos literarios e, xunto co persoal bibliotecario, facer unha selección de obras e entregalas no propio domicilio. Os plazos de préstamo e número de obras non están suxeitos, neste caso, ó referido no apartado anterior.

 

carné de usuario
Onde aparecerán os teus datos e o número de usuario. Con el poderás tomar libros en préstamo, pero tamén desde Internet reservar libros, facer suxestións, etc. Para sacalo tes que proporcionarnos dúas fotografías tamaño carné e unha fotocopia do DNI. Podes comenza-la súa tramitación dende Internet, pero lembra que para que sexa efectivo tes que traernos ese material identificativo.

 

servicio de información xeral e orientación e información bibliográfica
Na Biblioteca estamos para atender ás túas necesidades informativas. Como usuario recibirás:
- Información sobre a propia Biblioteca, servicios e colección
- Información bibliográfica, a través da propia colección ou de recursos externos.
- Información local

 

servicios multimedia

Linux

A biblioteca conta con once ordenadores a disposición dos seus usuarios. No interior da Sala de Consulta atoparás unha terminal destiñada ao OPAC, onde poderás consultar os fondos da biblioteca e acceder á páxina da biblioteca e aos seus servizos. Na sala infantil e xuvenil tamén contamos coa presencia de tres terminais para a consulta do OPAC infantil e acceso a xogos educativos. Traballan con software libre GNU/LINUX, na súa versión EDUBUNTU orientada cara a formación educativa.


A sala de acceso a Internet, libre e de balde, está composta por sete terminais conectadas á rede con ancho de banda ADSL Premium de 8 Mbps con servicio de impresión e scanér: tres delas co sistema operativo Windows XP e catro con software libre con sistema Linux. Velaquí as bases da súa utilización:


• O servicio de acceso a Internet é exclusivamente con fines de consulta e recompilación de información, e pretende o acceso dos cidadáns á información e á cultura a través de software libre.

• O uso dos ordenadores é gratuito.

• O acceso en Internet a contidos inapropiados ou inaxeitados é responsabilidade directa do usuario, e o persoal da biblioteca resérvase o dereito a finalizar en calquera momento a sesión de consulta, cando considere que non se está facendo un uso axeitado do servicio. Prohíbese expresamente o acceso a chats e xogos.

• O horario da sala de acceso a Internet é de 9,30 h. a 20,30 h. initerrumpidamente.

• Cada terminal poderá ser utilizada por unha única persoa.

• O tempo de uso está limitado a 1 hora por persoa e día. Antes de entrar, o usuario deberá inscribir o seu nome e a hora de inicio da sesión na planilla disposta na entrada, no cadro correspondente. Tanto o persoal da biblioteca como os usuarios resérvanse o dereito a finalizar en calquera momento unha sesión de consulta cando o tempo de uso esté rematado, tomando coma referencia a hora de inicio disposta na planilla.

• Está expresamente prohibido calquera acto ou adulteración dos programas ou configuracións informáticas, así como maltratar os ordenadores, desconectalos, apagalos ou realizar algún cambio no seu funcionamento.

• Os usuarios poderán gardar a información que desexen nun dispositivo de almacenamento da súa propiedade, ou ben nas carpetas locais tendo en conta que a información poderá ser borrada ó final de cada quenda.

• Os usuarios poderán imprimir os documentos que desexen en formato DIN A4 en branco e negro, previa solicitude ó persoal da biblioteca. Cada copia ten un custe de 6 céntimos de euro.

Tamén está instalado o sistema WI-Fi a través de dúas liñas (biblio_int e biblio_ext) abertas, dentro do programa Internet nas Bibliotecas da Xunta de Galicia e Red.es do Ministerio. E temos outra liña wi-fi (B.M. O Porrino) ADSL 20 MB de acceso libre. Con este sistema poderás conectarte a Internet a través dun portátil ou PC da túa propiedade en todo o edificio e 200 m. arredor do mesmo. Na planta baixa está disposto un espazo multitarefa case a pé de rúa pensado principalmente como ámbito de lecer. Consulta rápida de información cultural e da OMIX, área de descanso e conversa e punto de conexión wi-fi (equipado con multitude de enchufes para os portátiles).
A través desta páxina, tamén atoparás o acceso a unha grande cantidade de recursos en Internet, como bases de datos de balde.
Tamén contamos cunha terminal informática do emprego, onde poderás acceder a toda a información relativa a este campo que desexes.

Sala de Internet
OPAC
Internet Sala Infantil
sala de acceso a Internet
ordenadores na sala de consulta
ordenadores na sala infantil e xuvenil
Area Wifi 1 Area Wifi2
area wi-fi

 

 

programa "Lendo Espero!"
Esta campaña, posta en marcha a finais do ano 2004, baséase na introducción dun punto de lectura no Centro de Saúde da localidade, no espazo de Pediatría. A campaña responde ás inquietudes da biblioteca en achegarse cada vez máis á poboación do municipio e fomentar a lectura entre os menores. Trátase de converter as salas de espera de pediatría, onde cada día grande cantidade de pais, nais e nenos comparten o tempo de espera, nun lugar tan axeitado como a casa, o colexio ou a biblioteca para compartir unha lectura breve que distraia e faga máis levadío ese tempo.
Os obxectivos deste proxecto, posto en funcionamento con carácter experimental ó principio, pero quedando xa permanentemente como un espazo bibliotecario máis dado o seu éxito, pretendían, por un lado, achegar os libros ós menores introducindo a lectura como actividade social en lugares cotiás, e facer que os libros se introduciran na vida destes como forma de entretemento. Por outro lado, buscábase aproveitar o encontro de pais e fillos neses momentos para ler e mostrar ós pais a importancia da lectura como unha forma de distracción e a riqueza dos libros.
Trátase fundamentalmente de libros de imáxenes, dirixidos ás primeiras idades, que contan ca revisión periódica da Biblioteca Municipal. Búscase que este punto de lectura sexa unha carta de presentación e sirva de enlace entre os novos lectores e a Biblioteca. Os usuarios acceden libremente ó andel para coller os libros, e elaborouse un cartel dirixido a pais e nenos que conteñen sinxelas recomendacións para o seu uso:

Lendo Espero! é un proxecto da Biblioteca Pública do Porriño para achegar os libros ós nenos. Calquera espacio pode ser axeitado para entrar en contacto cun libro, mesmo o Centro de Saúde no que te atopas. O noso propósito é que os nenos teñan a posibilidade de achegarse á lectura dun bo libro, dun conto entretido, dunhas fermosas ilustracións ou unha información descoñecida.

1.
Mentres esperas na consulta do médico podes ler contos, ver libros de imaxes, aprender algo novo, curiosear entre os libros.

2.
Estes libros son para que todos os que veñan á consulta médica os disfruten. Por favor, cóidaos para que os demais nenos poidan usalos e tamén se lles faga máis curto o tempo de espera.

3.
Cando termines co libro ou teñas que irte lembra que tes que deixalo de novo colocado no estante, así outros nenos poderán atopalo.

4.
Se che gustaron os libros, non te esquezas que na biblioteca do Porriño hai moitísimos máis á túa disposición: dille ós teus pais que te acheguen ata ela e...

ogallá disfrutes con eles!

Os adultos son as pontes máis directas entre os nenos e os libros. Os libros poden estar presentes en moitos momentos da vida cotiá: a preparación dunha receita de cociña, a busca dunha información, a organización dunha viaxe... Un tempo de espera na consulta do médico pode ser un bo momento. Achega libros ós teus fillos e comparte con eles o teu tempo, descubrementos e emocións.

Tanto a dirección do Centro de Saúde como o sector médico foron moi receptivos á posta en marcha deste proxecto mostrando grande interese e colaboración.

Lendo espero
Lendo espero cartel
punto de lectura da campaña Lendo Espero!
cartel indicador

 

 

programa "Fondo Local"
A Biblioteca do Porriño hai máis de catro anos que comezou o Programa do Fondo Local, que pretende reunir no espazo da biblioteca todas as obras escritas por autores porriñeses ou cunha especial vinculación coa localidade, obras producidas por entidades residentes no Porriño, cunha temática centrada no Porriño ou impresas no Porriño, así como publicacións periódicas, gravacións sonoras e videogravacións. Este proxecto xa está moi avanzado contando a biblioteca con máis de 400 obras e máis de 900 rexistros bibliográficos, incluíndo coleccións completas dalgunhas publicacións periódicas históricas, exemplares únicos e obras importadas do exilio arxentino que poden ser consultadas na nosa biblioteca, reunidas nun espazo da sala de consulta e cunhas condicións de acceso e uso limitadas.

Fondo Local
fondo local

 

Velaquí as normas de uso e explicación dispostas in situ:

fondo local

O Fondo Local está constituido polas obras producidas por autores ou institucións do Porriño, as publicadas na localidade e as que tratan xeneralizadamente temas relacionados con ela. Este fondo irá incrementándose paulatinamente. Asemade incluimos unha sección de obras especiais doadas polo Centro Galego de Bós Aires. Algúns destes materiais son únicos ou inéditos, outros son extremadamente difíciles ou imposibles de conseguir, razón pola cal establécense unhas normas especiais de uso, ó mesmo tempo que pregámosvos o máximo respeto e coidado na súa manipulación.
Para a súa consulta utilizade a listaxe inferior ou o O.P.A.C. informático.


NORMAS DE USO:

• Os materiais pertences ó fondo local están excluídos do préstamo a domicilio.

• Tan só poderán ser consultados en sala, previa solicitude ó persoal da biblioteca e entrega en depósito do D.N.I. ó longo do tempo de consulta.

• Poderá consultarse un máximo de 1 monografía por quenda, ou ben, no seu caso, 5 números dunha publicación periódica.

En relación a este programa editouse tamén o libro de investigación "O Porriño-Bibliografías" (ISBN 84-606-3753-0) dos autores Albino Alonso Rodríguez e David Pérez Rego, patrocinado polo Concello do Porriño, un repertorio bibliográfico con máis de 600 referencias e fichas bibliográficas, entre publicacións monográficas, publicacións seriadas, gravacións sonoras e películas e videogravacións, incluíndo, ademais, una anexo de Xosé Ramón Paz Antón, con referencias sobre os documentos para a Historia do Porriño.
Se queres máis información sobre esta investigación só tes que premer <<aquí >>

 

 

espazos

¿queres ver os planos?

 

sala de consulta
A sala de consulta conta cun total de 68 prazas distribuídas en varias mesas dispostas en posición perpendicular á zona de fiestras, orientadas cara o Leste, o cal permite unha iluminación idónea do ámbito de consulta, contando ademais con amplos ventanais herméticos que reducen a contaminación acústica procedente do exterior. O sistema de estantes, como xa se ten dito, forma unha especie de "L", separando un doutro ámbito para permitir que a sala infantil conte tamén co mesmo tipo de iluminación. Á súa vez, os estantes forman un longo corredor cara o Oeste, franqueado a un lado e outro por un sistema de 6 baldas de madeira cunha altura máxima de 2 m nos que o usuario pode consultar en acceso directo a práctica totalidade dos fondos da biblioteca.

EstanteriasBibliotecaBiblioteca

A clasificación bibliográfica seguida na Biblioteca Municipal do Porriño baséase na CDU (Clasificación Decimal Universal), norma xeral para as bibliotecas públicas do Estado, se ben introduce algunhas modificacións para adaptarse ós condicionantes de usuarios e fondos bibliotecarios. Os libros están distribuídos en estanterías, e cada estantería distínguese por un número adscrito á CDU que divide ós libros en categorías temáticas ou disciplinas e que se ve identificado por letreiros indicativos. Así distinguiremos os seguintes apartados:

0= Xeneralidades
1= Filosofía. Psicoloxía
2= Relixión. Teoloxía
3= Ciencias sociais
4= (Vacante da CDU)
5= Matemáticas e Ciencias Naturais
6= Ciencias aplicadas
7= Belas Artes. Artes aplicadas. Diversións. Xogos. Deportes
8= Linguaxe. Lingüística. Literatura
9= Arqueoloxía. Xeografía. Biografía. Historia

Asi mesmo a literatura está dividida entre castelán e galego, atopándonos os seguintes apartados:

82-1= Poesía en castelán
82-2= Teatro en castelán
82-3= Narrativa en castelán
B= Biografía en galego
P= Poesía en galego
T= Teatro en galego
N= Narrativa en galego

Tódolos documentos da biblioteca posúen na súa portada a seguinte información:

Portada

A SIGNATURA TOPOGRÁFICA , neste caso << 82-3 SAM car >>, está composta polos primeiros números da CDU anteriormente referidos, as tres primeiras letras do autor e as tres primeiras do título (na maioría dos casos). Repítese no tejuelo disposto no lomo dos libros e sirve para a ordenación dos libros nos estantes (polo número e alfabéticamente)
O NÚMERO DE REXISTRO BIBLIOGRÁFICO DE ENTRADA, neste caso << 10575>>, é o número correlativo que se lle asigna a cada documento no momento de entrar na biblioteca, incorporándose ademais a DATA na que entrou, neste caso << 18.10.04 >>
O NÚMERO DE REXISTRO INFORMÁTICO é o número que se lle asigna a cada documento no momento da súa catalogación

 

sala infantil e xuvenil
O aumento demográfico da vila porriñesa, que chegou a convertila nun dos concellos de Galicia con máis índice de poboación nova (o sector de idades de 0 a 35 anos sitúase nunha porcentaje do 47 %, sendo a idade media poboacional de 21,7), provocou que dende hai tempo se tivera en conta a necesidade da súa ampliación. Buscábase un lugar que os lectores infantís e xuvenís identificaran como seu, no que puideran actuar e disfrutar dos novos servizos xunto cos seus tutores, nun espazo máis axeitado e o mesmo tempo non desligalo da xestión bibliotecaria xeral. Así foi como naceu a nova biblioteca infantil e xuvenil inaugurada en setembro do 2006.
A inversión desenvolta neste senso fixo que, na práctica, se duplicasen as instalacións bibliotecarias anteriores, acadando configurar un espazo propio, independente e axeitado ás necesidades dos nenos e nenas que, se espera o empreguen regularmente como lugar de encontro, formación, educación e divertimento. A biblioteca comprométese a enriquecelo como un lugar vivo e activo.
O deseño da sala fíxose pensando nos usuarios de o a 14 anos, polo que se distinguen tres espazos claramente diferenciados, ademáis duha sección de cómics, outra de obras de referencia e unha multimedia e Internet (tes terminais), na que se traballa con software libre GNU/LINUX, na súa versión EDUBUNTU orientada cara a formación educativa. A decoración da sala ten moito de conceptual, cunha instalación para o teito, a través da simulación de burbullas de xabón de cores que se expanden no espazo e no tempo: ven a simbolizar as inquedanzas da biblioteca de cara ós seus usuarios máis novos: acompañalos mediante os libros e a lectura no seu percorrido polo camiño que están a facer, dende a infancia ata a mocidade, e ensinarlles que o mundo está composto de cores distintos, de vivencias distintas, de xentes distintas e que todas camiñan da man en igualdade e multiculturalidade.


A clasificación e ordenación dos fondos na sala infantil e xuvenil é distinta a da Sala de consulta, simplificándose amplamente. Os libros soamente están divididos entre galego e castelán (signaturas "X" e "J" respectivamente) e, dentro de cada unha, por idades, distinguíndose os documentos que pertencen a un ou outro apartado por medio de puntos de cor:

  De 0 a 5 anos
  De 6 a 11 anos
  Máis de 12 anos

Sala Infantil
Sala infantil 2
Sala infantil c Sala infantil D
Sala Infantil e xuvenil

 

 


hemeroteca
A hemeroteca está integrada nun espacio da sala de consulta. Nesta sección poderás consultar periódicos, revistas, publicacións oficiais, etc. Lembra que nesta páxina contas coa Hemeroteca Virtual, onde podes consultar centenares de publicacións de todo o mundo na súa edición dixital, ademais de boletíns oficiais, revistas, etc.

Ó carón da hemeroteca sitúase un armario onde estamos tentando reunir carteis e material informativo editado por parte do Concello ou entidades significativas do noso pobo, tales como programación de festas, actividades culturais e outros actos. Este proxecto está en fase de realización e catalogación retrospectiva de carteis con data posterior a 1990.

Arquivo carteis
Hemeroteca
arquivo de carteis e hemeroteca
hemeroteca

 

 

sala de exposicións
O Centro Cultural tamén conta cunhan sala de exposicións situada 2º andar, onde se celebran periodicamente exposicións de distintas disciplinas artísticas, así como da vida e obra de escritores, celebracións vinculadas co Día do Libro e Día das Letras Galegas, etc.

Sala exposicións 2
Sala de exposicións

 

 

auditorio
Trátase dun amplo espacio que ocupa gran parte da planta baixa do edificio da Casa de Cultura. É un auditorio con 180 prazas de asento e dous camerinos na parte traseira, espacio que se completa co auditorio exterior a través das portas interiores. Emprégase para conferencias, charlas, coloquios e outro tipo de actividades, coma concertos, audicións instrumentais, obras de teatro, recitais de poesía, etc.

Auditorio
auditorio

 

 

puntos de servizo
A Biblioteca Municipal do Porriño conta con varios puntos de servizo no concello co fin de chegar á maior parte da poboación. Ademáis do punto de servizo na sala de pediatría do Centro de Saúde, e da próxima apertura do punto de servizo na gardería municipal, no 2004 puxéronse en funcionamento, en colaboración coa Xunta de Galicia, tres axencias de lectura no municipio, emprazadas nas parroquias de Mosende, Torneiros e Budiño, para as cales se adquiriron os fondos bibliográficos fundacionais e habilitaron os espazos de uso público. Estas axencias contan cos servizos de consulta en sala, información e referencia e préstamo a domicilio.

- Biblioteca Municipal do Porriño: [situación] da servizo aos 5.110 habitantes da parroquia do Porriño, 445 hab. de Cans e 2.172 hab. da parroquia de Atios

- Axencia de Lectura de Torneiros: [situación] situada no Centro Cultural Alba, da servizo aos 4.019 habitantes da parroquia de Torneiros

- Axencia de Lectura de Mosende: [situación] situada no Centro Cultural San Xurxo, da servizo aos 848 habitantes da parroquia de Mosende e 1.331 habitantes da parroquia de Pontellas

- Axencia de Lectura de Budiño: [situación] situada no Centro Cultural A Forna, da servizo aos 2.053 habitantes da parroquia de Budiño

- Punto de lectura do Centro de Saúde: [situación]

- Bibliopraza [situacion]

Volver Valid XHTML 1.0 Transitional