Logo Biblioteca

Enrique Vila-Matas
(Barcelona, 1948)

vilamatas


Mayol mirouna querendo crer que todo aquelo era tan irreal como un pesadelo. Ela quedouse como ausente, reflectida despois das súas derradeiras palabras; quedouse coa serenidade propia dun río tranquilo e profundo que permanece imperturbable en toda a súa extensión ante o ocaso do día. Calada, mirou cara máis aló da horta, cara a luz máis lonxana do crepúsculo onde tal vez vía reflectido o ocaso do seu matrimonio. (
tomado de “A viaxe vertical”)

Nacido en Barcelona, fronte ao desaparecido cine Metropol. Estudou Dereito e Xornalismo e no 1968 entra como redactor da revista de cine Fotogramas. No 1970 dirixe dúas curtametraxes, Tódolos mozos tristes e Fin de verán. No 1971 realiza o servizo militar en Melilla, onde na rebotica dun colmado militar escribe o seu primeiro libro, Muller no espello contemplando a paisaxe. Ao seu regreso a Barcelona, traballou como crítico de cine das revistas Bocaccio e Destino. Vive en París dous anos, nun faiado que lle aluga a escritora Marguerite Duras; alí escribe a súa segunda novela, A asasina ilustrada. O seu terceiro e cuarto libros, Ao sur das pálpebras e Nunca vou ao cine, apareceron en 1980 e 1982, Impostura (existente na biblioteca) no 84, pero soamente comezará a ser coñecido no 1985 coa súa obra Historia abreviada da literatura portátil. Publica a continuación os libros de relatos Unha casa para sempre, Suicidios exemplares e Fillos sen fillos, e a continuación pásase ao xénero novelesco con obras como Lonxe de Veracruz, A viaxe vertical e O mal de Montano. Sobre a súa experiencia parisiña escribe París non se acaba nunca no 2003 e no 2005 aparece Doutor Pasavento (existente na biblioteca), que xira ao redor do tema da desaparición e “a dificultade de non ser ninguén”. Este libro pecha a súa triloxía metaliteraria sobre as patoloxías da escritura. En setembro de 2007 regresa ao conto e publica en Anagrama Exploradores do abismo (existente na biblioteca).
Enrique Vila-Matas é cabaleiro da Lexión de Honor de Francia. Obtivo o Premio Cidade de Barcelona e o Rómulo Gallegos (2001), o Herralde, o nacional da Crítica, o premio da Real Academia Española 2006 e moitos outros. É membro fundacional da Orde do Finnegans. Os seus membros obríganse a venerar a novela Ulises de James Joyce (existente na biblioteca) e, a ser posible, asistir cada ano en Dublín, o 16 de xuño, ao Bloomsday, longa xornada que culminan, ao caer a tarde, na Torre Martello (inicio da novela) lendo uns fragmentos de Ulises, e camiñando despois ata o pub Finnegans – a Orde toma o seu nome do bar – na veciña poboación de Dalkey.
A obra de Vila-Matas foi traducida a 29 idiomas.

Valid XHTML 1.0 Transitional