Logo Biblioteca

escritor@s da semana

Hans Christian Andersen
(Dinamarca, 1805-1875)

Andersen

Nada cambiou – dixo -. Non se advirte o máis insignificante progreso. A roseira segue coas súas rosas, e iso é todo o que fai. Pasou o verán e viu o outono, e a roseira continuou dando abrochos e rosas ata que chegou a neve. O tempo fíxose húmido e basto. A roseira inclinouse cara a terra; o caracol escondeuse baixo o chan. Logo comezou unha nova estación, e as rosas saíron ó aire e o caracol fixo o mesmo (tomado de "O caracol e a roseira")

Co motivo do II centenario do nacemento do autor, esta semana é Andersen, autor de contos de fadas danés, o que ocupa a nosa sección. Andersen naceu en Odense e viviu unha infancia de pobreza e abandono. Ós 14 anos escapouse a Copenhague, desexando alcanzar o eterno soño de ser bailarín e cantante, de actuar sobre un escenario ante o público, traballando alí para Jonas Collin, director do Teatro Real, que lle pagou os seus estudios. Anque dende 1822 publicou poesía e obras de teatro, o seu primeiro éxito foi Un paseo dende o canal de Colmen á punta do Leste da illa de Amager, nos anos 1828 e 1929, un conto fantástico que imita o estilo do escritor alemán E.T.A. Hoffman. A súa primeira novela, O improvisador, ou Vida en Italia (1835), foi ben recibida pola crítica, e publicou un libro con catro contos de fadas. Viaxou por Europa, Asia e África e escribiu moitas obras de teatro, novelas e libros de viaxe. Os seus máis de 150 contos infantís establecérono como un dos grandes autores da literatura mundial, tomando prestado para eles argumentos do mundo da Historia, da lenda ou da vida. A súa obra abriu novas perspectivas tanto de estilo como de contido, polo seu innovador emprego da linguaxe cotiá e expresións dos sentimentos e ideas que previamente se pensaba que estaban lonxe da comprensión dun neno. Entre os seus famosos contos, que poderás atopar na nosa biblioteca, podemos nomear O parrulo feo, É a pura verdade, A vendedora de mistos, A princesa e o chícharo, As mazás da prosperidade, O traxe novo do rei, A raíña das neves, As zapatillas vermellas, O soldadiño de chumbo, O reiseñor, O xastriño valente ou A sereíña.

Os seus contos foron traducidos a máis de 80 idiomas e adaptados a obras de teatro, ballets, películas e obras de escultura e pintura. Anque estes contos estaban, en principio, destinados ós nenos, tamén resultan atractivos para os adultos pola súa imaxinación poética e, sobre todo, polo sentido moral e filosófico que se agocha detrás de cada anécdota. Os seus contos son o suficientemente máxicos como para fascinar a case tódolos públicos do planeta. Provocan evocacións e resonancias a homes e mulleres de tódalas idades.

Valid XHTML 1.0 Transitional