escritor@s da semana
Virginia Woolf
- Adeline Virginia Stephen -
(Gran Bretaña, 1882-1941)

Habendo interrogado ó home e ó paxaro e ós insectos (porque os peixes, contan os homes que para oílos falar viviron anos a súa soidade de verdes cavernas, nunca, nunca o din, e tal vez o saben por iso mesmo), habendo interrogado a todos eles sen volvernos máis sabios, senón máis vellos e fríos – porque ¿non imploramos, acaso, o don de aprisionar nun libro algo tan raro e tan estraño, que un estivera listo a xurar que era o sentido da vida? – forza é retroceder e dicir directamente ó lector que agarda, todo trémulo, escoitar que cousa é a vida: ¡ai!, non o sabemos (tomado de "Orlando")
Novelista e crítica británica cuia técnica do monólogo interior e estilo poético considéranse entre as contribucións máis importantes á novela moderna. Adelina Virginia Stephen, filla do biógrafo e filósofo Leslie Stephen, naceu en Londres e estudiou na súa propia casa. Despois da morte do seu pai no 1905, habitou coa súa irmán Vanesa e os seus dous irmáns nunha casa do barrio londiniense de Bloomsbury que se convertería en lugar de reunión de librepensadores e antigos compañeiros de universidade do seu irmán maior. No grupo, coñecido como Grupo de Bloomsbury, participou – ademais de Bell e outros intelectuais londinienses – o escritor Leonard Woolf, con quen se casaría Virginia no 1912. No 1971 ambos fundarían a editorial Hogarth.
As súas primeiras novelas, Fin de viaxe (1915), Noite e día (1919) e O cuarto de Jacob (1922), poñen de manifesto a súa determinación por amplia-las perspectivas da novela máis alá do mero acto da narración. Nas súas seguintes novelas, A señora Dalloway (1925) e Ó faro (1927), o argumento surxe da vida interior das personaxes, e os efectos psicolóxicos acúdanse a través de imaxes, símbolos e metáforas. As personaxes despréganse grazas ó fluxo e refluxo das súas impresións persoais, sentimentos e pensamentos: un monólogo interior no que os seres humanos e as súas circunstancias normais aparecen coma extraordinarios. Influída polo filósofo francés Henri Bergson, Woolf, coma o escritor Marcel Proust, penétrase na idea do tempo. Os acontecementos en A señora Dalloway abarcan un espacio de doce horas e o transcurso do tempo exprésase a través dos cambios que paso a paso se suceden no interior das personaxes, na conciencia que teñen de si mesmos, dos demais e dos seus mundos calidoscópicos. Das súas restantes novelas, As ondas (1931, existente na biblioteca) é a máis evasiva e estilizada, e Orlando (1928), máis ou menos baseada na vida da súa amiga Vita Sackville-West, é unha fantasía histórica á vez que unha análise do sexo, a creatividade e a identidade. Tamén escribiu biografías e ensaios; en Unha habitación propia (1929, existente na biblioteca), defendeu os dereitos da muller. Na nosa biblioteca tamén contas coas obras Momentos de vida e Tres guineas, así como un estudio interpretativo titulado Escrita e mulleres: doce ensaios arredor de Virginia Woolf. A súa correspondencia e os seus diarios, publicados postumamente, son valiosos tanto para os escritores noveles como para os lectores da súa obra. O 29 de marzo de 1941, Virginia Woolf suicidouse afogándose.