escritor@s da semana
Ivan Turgueniev
(Rusia, 1818-1883)

"Era un glorioso día de xullo, un deses días que soamente chegan despois de moitas xornadas de bo tempo. Dende o amencer, o ceo está claro; a alborada non se inflama en fogos, senón que se tiñe de suaves arreboles. O sol, nin abrasador como na época da canícula, nin turbiamente vermello como en vésperas da treboada, senón radiante e benigno, discorre prácido detrás dunha longa e extensa nube, alumea suavemente e se sumerxe na súa bruma de cor lila. En alto borde sutil da nubeciña reloce, serpenteando, e o seu lustre parece o da prata labrada. Pero de súpeto volven a filtrase os xuguetóns raios do sol e, xovialmente, como si levantara o voo, volve a remontarse, máis intenso ca nunca, o seu fulgor". (tomado de O prado de Bezhin)
Escritor ruso, considerado como o principal estilista da literatura rusa; as súas novelas, poemas e obras teatrais caracterízanse por unha elegante execución, unha gran lucidez e unha ideoloxía liberal. Naceu o 9 de novembro de 1818, en Oret, na Rusia Central, e estudiou nas universidades de San Petersburgo e Berlín. Puido conservar dende a súa infancia, cando vivía nas terras da súa familia, o sofremento da clase traballadora e os malos tratos ós que estaba sometida. Estes abusos, moi solidificados no sistema social ruso, convertíronse en tema recurrente das súas obras. Antes de adicarse por completo á literatura, traballou ó longo dun tempo como funcionario gubernamental en San Petersburgo. O seu primeiro traballo publicado, o extenso poema Parasha (1843), tivo unha boa acollida entre a crítica literaria. Nos anos seguintes, a aparcición de varias obras máis consagrárono como o escritor ruso máis significativo da súa época. Participou no enfrontamento ideolóxico que surxiu entre dous grupos de intelectuais, chamados occidentalizantes e eslavófilos. Os primeiros animaban ós rusos a que se incorporaran a Europa Occidental, co fin de que puideran participar nas melloras do seu nivel de vida. Os segundos, en cambio, extremadamente ortodoxos, reivindicaban as tradicións máis arraigadas de Rusia e pensaban que debían permanecer a salvo de calquera influencia externa. Turgueniev simpatizaba claramente cos occidentalizantes e, de feito, pasou longos periodos de tempo fora de Rusia, en compaña da célebre cantante de ópera Pauline Viarlot-Garcia, coa que viviu unha apaixoada historia de amor. A partir de 1871 viviu en París, onde entrou en contacto con outros escritores, como George Sand, Gustave Flaubert, Émile Zola e Henry James. Entre a súa producción cóntanse numerosas obras de teatro, relatos, novelas e apuntes non narrativos. Publicou grande cantidade de poemas e apuntes en prosa antes da aparición do seu primeiro libro, Relatos dun cazador (1852), unha colección de relatos sobre a vida rural rusa. Das moitas obras teatrais que escribiu nos inicios da súa carreira, a mellor é probablemente Un mes no campo (1855), un cortés anque profundo estudio da vida da aristocracia, que continua representándose na actualidade. Dos seus relatos e novelas cortas destacan, Primeiro amor (1860, existente na biblioteca) e Torrentes de primaveira (1872), polas súas belas evocacións líricas, anque pesimistas, do amor. Entre as súas novelas propiamente ditas pódense citar A véspera (1860) e Fume (1867, existente na biblioteca), sendos retratos de xoves apaixoadas e das súas tempestuosas historias de amor. En Pais e fillos (1862), Turgueniev da nome, define e analiza o nihilismo filosófico, co que está relacionado ideolóxicamente anque pensaba que os cambios debían producirse gradualmente e non a través dunha revolución. Morreu o 3 de setembro de 1883 en Bougival.