Biblio Logo

escritor@s da semana

John Steinbeck
(EEUU, 1902-1968)

Steinbeck



- ¿ Non pensas en que pasará cando cheguemos?¿Non temes que, quizais, non sexa tan bonito
como pensabamos?
- Non – replicou con rapidez. Non o temo. Non debes facer iso.
- Eu tampouco. É demasiado, é vivir demasiadas vidas. En fronte de nós hai mil vidas distintas que poderiamos vivir, pero cando chegue, soamente será unha. Se vou diante en cada unha delas, é excesivo. (tomado de “As uvas da ira”)

Escritor estadounidense galardoado co Premio Nobel, Steinbeck describiu na súa obra a eterna loita das xentes que dependen da terra para sobrevivir. Naceu o 27 de febreiro de 1902 en Salinas (California), e estudiou na Universidade de Stanford. Ó longo da súa xuventude traballou coma braceiro e recolector de froita. En A copa de ouro (1929), Steinbeck narra a vida es as fazañas do sonado pirata galés do século XVII Henry Morgan. A continuación publica As pradeiras do ceo (1932), unha colección de relatos que describe a vida nunha comunidade de granxeiros do sur de California. Nesta novela aborda por primeira vez os temas sociais que caracterizan a maior parte da súa obra. Entre os seus primeiros libros cabe destacar A un deus descoñecido (1933), a historia dun granxeiro cuias crenzas no culto da fertilidade pagá lévano a sacrificar a súa propia vida ó longo dunha época de terrible sequía; Tortilla Flat (1935), un relato entre picaresco e romántico sobre os emigrantes mexicanos establecidos nos arredores de Monterrey (California); Unha vez houbo unha guerra (1936), a historia dunha folga de recolledores de froita, e A forza bruta (1937), a patética historia de dous braceiros itinerantes que loitan por acadar a súa propia granxa. A obra máis popular de Steinbeck é As uvas da ira (1939, Premio Pulitzer no 1940), o triste relato dunha familia procedente dunha empobrecida rexión de Oklahoma que emigra a California ó longo da depresión económica dos anos trinta. Esta controvertida novela, recibida como un conmovedor documento de protesta social, converteuse nun clásico da literatura estadounidense. Outras obras dignas de mención son A lúa púxose (1942, existente na biblioteca), Os arrabais de Cannery (1944), O omnibús perdido (1947), O inverno do noso descontento (1961) e Norteamérica e os norteamericanos (1968). No 1962 escribiu Viaxando co meu can, un relato autobiográfico dunha viaxe polos Estados Unidos en compaña dun caniche. Outra faceta importante de Steinbeck é a de escritor de relatos curtos cunha grande carga de sentimentalidade e un estilo esteticista como poden ser as dúas xoias literarias A perla (1947, existente na biblioteca) ou O pony vermello (un dos catro contos de O val longo, 1938). O cine tamén lle interesou e escribiu o guión de Viva Zapata (1952) dirixida por Elia Kazan que tamén levou á pantalla no 1955 a novela de Steinbeck Ó leste do Edén (1952). Sobre México, a conquista e a Revolución Mexicana escribiu ensaios e novelas como A perla – que asinou o director mexicano Indio Fernández – e Polo mar de Cortés (1951). No 1962, Steinbeck recibiu o Premio Nobel de Literatura, morrendo en Nova Iorque en decembro do 1968. A súa interpretación moderna das lendas artúricas publicouse póstumamente baixo o título de Os feitos do Rei Aarturo e os seus nobles cabaleiros (1976, existente na biblioteca). Steinbeck, unha das principais figuras literarias dende a década de 1930, convertiu a dignidade dos pobres e os oprimidos no tema central da súa obra. As súas personaxes, atrapadas nun mundo inxusto, seguen sendo seres humanos agradables e heroicos, a pesares da súa derrota.

Valid XHTML 1.0 Transitional