Biblio Logo

escritor@s da semana

Susan Sontag
(EEUU, 1933-2004)

Sontag

"A alternativa é inexorable: ou son viaxeiro das antigas épocas e me enfronto cun espectáculo prodixioso que me resultaría case inintelixible, ou son viaxeiro da miña época, precipitándome na busca dunha realidade esvaecida" (tomado de "Contra a interpretación")

Nacida en Nova Iorque en 1933, estudiou nas universidades de California, Chicago, París e Harvard. O seu artigo Notas sobre o camp, publicado na revista Partisan Review (1964) e reseñado en numerosas publicacións, chamou a atención nacional sobre a súa nova definición de "camp" como "o amor cara o antinatural, artificioso e esaxerado". A escritora estaba considerada como unha autoridade no referente ás costumes estadounidenses da década dos sesenta. Foi enviada coma periodista á guerra de Vietnam en 1968, conflicto que a impresionou profundamente. Os seus ensaios publicáronse baixo o título Contra a interpretación (1966), Estilos radicais (1969) e Baixo o signo de Saturno (1980)
No 1973 Sontag, xudía non practicante, filmou ás tropas israelís na guerra de Oriente Próximo dirixindo a película nos Altos do Golán titulada Terra prometida. Enferma de cancro, escribiu A enfermidade e as súas metáforas (1978) e 10 anos despois O sida e as súas metáforas. Tamén escribiu O benfeitor (1963) ou Equipo mortal (1967), todas elas novelas ademais de ensaios como Sobre a fotografía (1967) e relatos compilados en Eu, etcétera (1978) En 1992 publica O amante do volcán e ó ano seguinte acude a Saraxevo, onde imparte clases na Academia Dramática e monta, xunto con outros intelectuais, a obra Esperando a Godot, que se representa mentres a cidade é bombardeada.
Sen embargo, Sontag é quizais máis coñecida polo seu activismo político. Considerada como a máis europea dos escritores norteamericanos, foi famosa polo seu análise crítico de Occidente e polo seu compromiso coa esquerda. A súa voz era unha das máis recoñecidas nos círculos intelectuais de Estados Unidos, onde gañou a fama pola súa prosa provocadora e as súas declaracións polémicas. Do seu activismo político e crítica infatigable do poder e a tiranía dan idea os seus ataques contra George W. Bush, denominado por ela como "ese señor horrible de Texas", o seu secretario de estado, "un criminal de guerra", Silvio Berlusconi, "ese rico parvo", Ariel Sharon ou García Márquez por non criticar a Fidel Castro. Tamén defendeu a Salman Rushdie cando foi sentenciado a morte por Jomeini e arremeteu contra o resto de escritores por non saír no seu apoio. Nos seus derradeiros anos gañouse amplas críticas pola súa feroz condena das torturas na cárcere iraquí de Abu Ghraib ou por cualificar ós atentados do 11-S como "un acto levado a cabo como consecuencia das alianzas e accións específicas de EE.UU".
A pesares de nadar en contracorrente, Sontag recibiu numerosos premios ó longo da súa vida: así o National Book no 2000, o Príncipe de Asturias das Letras, xunto a Fátima Mernissi, e o Premio da Paz do Comercio Libreiro Alemán no 2003, ou o Premio Xerusalén de Literatura no 2001, momento que aproveitou para criticar a ocupación israelí dos territorios palestinos.
A autora estaba dotada dunha gran formación filosófica e alzouse como unha das voces combativas dentro do seu propio pais, pero a súa verdadeira paixón, segundo dicía, era a literatura, porque aumentaba a súa capacidade de comprender e de compaixón. Mostra diso é Ante o dolor dos demais (2003, existente na biblioteca), un brillante ensaio sobre a guerra, onde de novo sacude conciencias e enfróntanos ás nosas contradiccións, criticando a aqueles que, dende a cultura do espectáculo, desvirtúan a realidade terrible e dolorosa de todo enfrontamento bélico. Sontag morreu de leucemia o pasado 28 de decembro en Nova Iorque.

Valid XHTML 1.0 Transitional