escritor@s da semana
Mary Renault
(Londres, 1905-Cidade do Cabo,
1983)

"Lembro a primeira vez que abrín os cestos de Eleusis e a vin, mirándome. Deume un susto. Era un rostro, pensei, máis propio dun tempo que dun escenario. Lembro tamén que me sentei sobre os talóns, entre o desorden dos fardos, mirándoa e mirándoa. Meidias acertaba, iso había que recoñecelo, ó dicir que estaba pasada de moda. Ante ela, ninguén comentaba, como facían perante un Apolo moderno: "¡Delicioso!, ¡que mozo tan fermoso!" (tomado de "A máscara de Apolo")
Mary Renault - de nome auténtico Mary Challans -, naceu no seo dunha familia acomodada de Londres. Sen embargo, a súa infancia non foi idílica: o seu pai tiña un carácter marcadamente machista e a súa nai sempre estivo en contra da liberación da muller. Isto fixo que fora illándose da súa familia paulatinamente e refuxiándose na lectura. Entrou na Universidade de Oxford para estudiar lingua e literatura e no 1928 saíu do centro para instruírse en enfermería. Tras culminar a súa formación na Radcliffe, onde coñeceu a súa eterna compañeira ó longo do resto da súa vida, Julie Maillard, a parella estivo longo tempo traballando de hospital en hospital, co temor de ser perseguidas pola súa homosexualidade.
No 1939 escribiu a súa primeira novela, Purposes of love, que narraba precisamente o amor entre dúas enfermeiras, e que publicou baixo o pseudónimo de Mary Challans para evita-la vergoña ós seus pais. Para a súa época, Renault estaba totalmente liberada sexualmente. Anque era acusada politicamente de reaccionaria, o certo é que foi unha firme defensora dos ideais gregos da democracia e a xustiza. Foi tamén unha das primeiras mulleres en asociarse ó movemento Black Sash, un grupo que loitou contra o Apartheid sudafricano, país ó que viaxou nos anos 40 e onde viviría o resto da súa vida. Co paso do tempo, sen embargo, foise desilusionando da política radical e pechouse no seu mundo de ficción literaria.
A característica máis destacada, posiblemente, desta autora sexa a bondade e a delicadeza coa que narraba o mundo masculino na antiga Grecia e o amor entre os homes, respectando a forma de pensar e de sentir das súas personaxes clásicas, sen intervir en absoluto na mentalidade do século XX. A pesares da súa relación de 48 anos con Julie Maillard, nunca se considerou lesbiana. Detestaba as etiquetas, o seu individualismo sempre gañaba e, probablemente, foi unha fonte de inspiración para as súas obras. É por elo que os seus libros non se poden considerar literatura homosexual pois as súas personaxes homosexuais mostran as súas tendencias de forma natural e nada forzada.
Outras das súas obras son A máscara de Apolo (existente na biblioteca) ou A Auriga (1953), unha franca e sensible historia de amor dun home novo que o longo de moito tempo estivo censurada en Estados Unidos. A súa obra máis destacada e popular é, sen dúbida, Alexandre Magno (existente na biblioteca), que documenta de forma extraordinaria a vida do gran emperador e que amosa a paixón da escritora pola antigüidade helénica, cunha evidente erudición que a levou a converterse nunha das mellores escritoras de novela histórica do século XX.
Froito, de novo, da súa paixón pola cultura antiga e pola figura de Alexandre Magno, foron as súas derradeiras obras, unha fascinante triloxía dedicada a el, composta por Fogo do paraíso (1969, existente na biblioteca), O rapaz persa (1972, existente na biblioteca) e Xogos funerarios (1981, existente na biblioteca), que son consideradas obras mestras da literatura e supuxeron éxitos de ventas en todo o mundo. Mary Renault finou ós 78 anos, víctima dun cancro.