escritor@s da semana
Aleksandr Pushkin
(Rusia, 1799-1837)

"Os últimos utensilios do fabricante de cadaleitos Adrian Prójorov cargáronse sobre o coche fúnebre, e a parella de cabalos arrastrouse por cuarta vez da Basmánnaya á Nikítinskaya, rúa na que o fabricante se trasladaba con tódolos seus. Tras pechar a tenda, cravou á porta un letreiro onde se anunciaba que a casa se vendía ou arrendaba, e dirixiuse a pe ó novo domicilio. Preto xa da cara amarela, que dende facía tanto tempo tentara á súa imaxinación e que por fin mercara por unha respectable suma, o vello artesán sentiu con sorpresa que non había ledicia no seu corazón" (tomado de "O fabricante de cadaleitos")
Poeta e autor teatral ruso, iniciador
da literatura rusa a través dos seus poemas líricos e épicos,
obras de teatro, novelas e relatos breves. Naceu en Moscova no seo dunha familia
nobre, e estudiou no liceo Tsarkoye Selo onde amosaría estar dotado dun
talento poético precoz. No 1817 tivo un cargo meramente nominal no Ministerio
de Asuntos Exteriores ruso en San Petersburgo, o que lle permitiría alternar
coa mellor sociedade e, á vez, formar parte dun grupo revolucionario
ilegal. En 1820 a súa Oda á liberdade, atraeu a
atención das autoridades e o xove poeta foi deportado ó Cáucaso,
anque permitíuselle manter os seus cargos oficiais. Ese mesmo ano publicou
o seu Ruslam e Lyudmila, un extenso poema romántico baseado
no folclore da súa terra que o situou coma un dos poetas máis
prometedores de Rusia. A influencia de Lord Byron, xunto co amor á liberdade,
foron unha constante ó longo da súa obra inmediatamente posterior,
como poñen de manifesto os seus poemas, O prisioneiro do Cáucaso
(1822), A fonte de Bakhchisaray (1822) e Os cíngaros
(1823-24). En 1823 comezou a escribir Eugene Oneginm, a súa
obra máis coñecida, unha historia de amor na liña estilística
de Byron situada nun entorno realista e contemporáneo, que é considerada
como a primeira das grandes novelas rusas, e que non completou ata 1831. Trasladouse
a vivir a Odessa no ano 1823, pero por mor de poñerlle "os cornos"
ó seu superior foi destituído e expulsado do corpo de funcionarios
en 1824, retirándose ás propiedades da súa nai, preto de
Pskov. A pesares de non sentirse a gusto naquel lugar tan illado, este foi un
período moi productivo para o autor. Nel escribiría, entre 1824
e 1825, Boris Godunov, unha traxedia histórica rusa que
foi publicada seis anos máis tarde.
No 1826 o zar Nicolás I, convencido da súa enorme popularidade,
perdóao. Pushkin seguiu empregando a historia de Rusia como trasfondo
para dous extensos poemas, Poltava (1828) e Os xinetes de
bronce (1833), e para a súa novela sobre a rebelión de
Pugachev, A filla do capitán (1836, existente na biblioteca).
Escribiu tamén relatos curtos como os Relatos de Belkin (1830)
onde aparecen A nevasca (existente na biblioteca), O fabricante
de cadaleitos (existente na biblioteca) ou A raíña
de picas (existente na biblioteca) Deixou a Rusia unha herdanza
literaria dun valor incalculable. Foi un autor versátil, de grande vigor
e optimismo, que comprendeu as múltiples facetas do carácter do
seu pobo. A súa poesía lírica e a súa prosa, sinxela
e sincera a un tempo, exerceu unha enorme influencia sobre varias xeracións
de escritores rusos posteriores. Morreu o 10 de febreiro de 1837 coma consecuencia
das feridas que sufriu nun duelo en San Petersburgo, por defender o honor da
súa esposa.