escritor@s da semana
Marcel Proust
(Francia, 1871-1922)

"Moito tempo teño deitádome cedo. Ás veces, a penas se tiña apagada a buxía, pechábanse os meus ollos tan presto, que nin tempo tiña para dicirme: "Xa me durmo". E media hora despois espertábame a idea de que xa era hora de ir a buscar o soño: quería deixar o libro, que se me figuraba ter aínda entre as mans, e apagar dun sopro a luz; o longo do meu sono non cesara de reflexionar sobre o acabado de ler, pero era moi particular o ton que tomaban esas reflexións, porque parecíame que eu pasaba a converterme no tema da obra, nunha igrexa, nun cuarteto, na rivalidade entre Francisco I e Carlos V" (tomado de "Polo camiño de Swann")
Escritor francés, autor da obra en 16 volumes En busca do tempo perdido (1913-1927, existente na biblioteca), considerada como un dos cumios da literatura universal. Proust naceu en París, o 10 de xullo de 1871, no seo dunha familia adiñeirada. Estudiou no Liceo Condorcet. Comezou a carreira de Dereito, pero abandonou cedo os estudios para relacionarse coa sociedade elegante de París e dedicarse a escribir. A súa primeira obra, unha colección de ensaios e relatos titulada Os praceres e os días (1896), é soamente discreta, pero mostra dotes de observador para reproducir as impresións recollidas nos salóns da cidade. Este material o empregaría con máis eficacia en obras posteriores. Enfermo de asma dende a súa infancia, ós 35 anos converteuse nun enfermo crónico. Pasou o resto da súa vida recluído, sen abandonar practicamente nunca a habitación revestida de cortiza onde escribiu a súa obra mestra En busca do tempo perdido. Esta obra de Proust describe con minuciosidade a vida física e, sobre todo, a vida mental dun home ocioso que se move entre a alta sociedade. Toda a obra é un largo monólogo interior en primeira persoa, e en moitos aspectos é autobiográfica. A primeira parte, Polo camiño de Swann (1913), cuia primeira edición foi sufragada polo propio Proust, pasou desapercibida. Cinco anos máis tarde apareceu Á sombra das rapazas en flor (1919), que resultou un grande éxito e obtivo o prestixioso premio Goncourt. As partes terceira e cuarta, O mundo dos Guermantes (2 volumes, 1920-1921) e Sodoma e Gomorra (2 volumes, 1921-1922), tamén recibiron unha excelente acollida. As tres últimas partes, que Proust deixou manuscritas antes da súa morte, publicáronse tras o seu pasamento: A prisioneira (1923), A desaparición de Albertina (2 volumes, 1925) e O tempo recobrado (2 volumes, 1927) A importancia das novelas de Proust reside non tanto nas súas descricións da cambiante sociedade francesa como no desenvolvemento psicolóxico das súas personaxes e na súa preocupación filosófica polo tempo. Cando Proust trazou a traxectoria do seu heroe dende a feliz infancia ata o compromiso romántico da súa propia conciencia coma escritor, buscaba ademais verdades eternas, capaces de revelar a relación dos sentidos e a experiencia, a memoria soterrada que de pronto se libera ante un acontecemento cotiá, e a beleza da vida, escurecida polo hábito e a rutina, pero accesible a través da arte. Tratou o tempo coma un elemento ó mesmo tempo destructor e positivo, soamente aprehendible gracias á memoria intuitiva. Proust percibe a secuencia temporal á luz das teorías do seu admirado filósofo francés Henri Bergson: é dicir, o tempo coma un fluír constante no que os momentos do pasado e o presente posúen unha realidade igual. Proust explorou con valentía os abismos da psique humana, as motivacións inconscientes e a conducta irracional, sobre todo en relación co amor. Esta obra, traducida a numerosos idiomas, fixo famoso ó seu autor no mundo enteiro, e o seu método de escritura, baseado nunha minuciosa análise do carácter das súas personaxes, tivo unha importante repercusión en toda a literatura do século XX. Outra novela, descuberta e publicada tras a súa morte, anque escrita entre 1895 e 1899, é dicir, anterior a En busca do tempo perdido, é Jean Santeuil (3 volumes, 1952).