Alejandra Pizarnik
(Arxentina, 1936-1972)

Ogallá puidera vivir soamente en éxtase, facendo o corpo do poema
co meu corpo, rescatando cada frase cos meus días e coas miñas
semanas, infundíndolle ao poema o meu suplo a medida que cada letra de
cada palabra fora sacrificada nas cerimonias do vivir. (tomado de “O
inferno musical”)
Alejandra
Pizarnik foi a segunda filla dun matrimonio de emigrantes xudeus centroeuropeos.
Estudou bacharelato en Avellaneda (Bos Aires). No 1954 ingresou na Facultade
de Filosofía, logo cambiouse a Letras e fixo unha breve incursión
en Xornalismo, aínda que non finalizaría ningunha delas e, nunha
tentativa por atopar a súa verdadeira vocación, asistiu ao obradoiro
de pintura de Batlle Planas.
Entre 1960 e 1964 viviu en París, onde madurou como poetisa e escribiu
o poemario “Árbore de Diana” (con prólogo de Octavio
Paz). Tamén estableceu amizade con André Pieyre de Mardiargues,
Octavio Paz, Julio Cortázar e Rosa Chacel. Estando en París traballaría
un ano para a revista “Cadernos para a liberación da cultura”
como correctora de probas, e colaboraría con numerosas revistas de poesía
e literatura americanas e europeas, como tamén con traducións,
ente outras, de Ives Bonnefoy e de Marguerite Duras.
Cando regresou a Bos Aires, publicou os seus libros máis importantes,
“Os traballos e as noites”, “Extracción da pedra da
tolemia” e “O inferno musical”. No 1968 obtivo a beca Guggenheim
e viaxou brevemente a Nova Iorque e París. Por mor das súas continuas
depresións e tentativas de suicidio (en 1970 e 1972), pasou semirrecluída
os seus últimos anos. A mediados de 1972 estivo internada cinco meses
no hospital psiquiátrico Pirovano (Bos Aires) en nun permiso para pasar
a fin de semana na súa casa, quitouse a vida cunha sobredose de seconal
sódico. Tiña trinta e seis anos de idade.
A maior parte da súa obra literaria remite á poesía, que
procede esencialmente do surrealismo: é concisa, de temática nocturna
e angustiada, moi elaborada. Aspira á dureza e transparencia, e case
sempre a alcanza. Nos seus últimos anos experimentou con textos en prosa,
máis longos. Segundo a súa visión, a poesía era
a única capaz de darlle razón e sentido á vida, conducíndoa
e configurándoa como expresa en tantas partes da súa obra.
A menos de dez anos da súa morte, saíu ao mercado unha antoloxía
que intentou agrupar toda a súa produción literaria dende 1956
ata 1972. A Biblioteca Municipal do Porriño conta coas súas
poesías completas.