Biblio Logo

escritor@s da semana

Thomas Mann
(Alemaña, 1875-1955)

Mann

"Os seus nervos acollían ansiosos os lánguidos tons, as melodías sentimentais e vulgares, pois a paixón paraliza o sentido crítico e recibe con delicia todo aquelo que nun estado de serenidade se soportaría con desgusto" (tomado de "Morte en Venecia")

Novelista e crítico alemán, unha das figuras máis importantes da literatura da primeira metade do século XX; as súas novelas exploran a relación entre o artista e o burgués ou entre unha vida de contemplación e outra de acción. Mann, irmán menor do novelista e dramaturgo Heinrich Mann, naceu nunha antiga familia de comerciantes de Lübeck o 6 de xuño de 1875. Despois da morte do seu pai, a familia trasladouse a Munich, onde se educou Thomas. Foi oficinista nunha compañía de seguros e membro do comité de dirección da revista satírica Simplicissimus, antes de dedicarse á escritura coma profesión. Estivo influído por dous filósofos alemáns, Arthur Schopenhauer e Friedrich Nietzsche, anque rexeitaba as ideas deste derradeiro autor. Nun dos seus últimos libros, Ensaios de tres décadas (1947), analiza os seus propios escritos literarios rastrexando as influencias destes pensadores e doutros artistas. As novelas de Mann caracterízanse por unha reproducción precisa dos detalles da vida moderna e antiga, por unha profunda e sutil análise intelectual das ideas e das personaxes, por un punto de vista distanciado e irónico, combinado cun profundo sentido tráxico. Os seus heroes son, con frecuencia, personaxes burguesas que sobreelevan un conflicto espiritual. Mann explorou tamén na psicoloxía do artista creativo.

Moitos contos curtos precederon á escritura da súa primeira novela importante, Os Buddenbrook (1901), que estableceu a súa reputación literaria e se traduciu a numerosas linguas. O tema deste libro, o conflicto entre o home de temperamento artístico e o seu entorno de clase media burguesa, volverá a aparecer nos seus contos Tonio Kröger (1903, existente na biblioteca) e Morte en Venecia (1912, existente na biblioteca), levado ó cinema por Visconti, e á ópera por Benjamin Britten. En A montaña máxica (1924), a súa obra máis sonada e unha das novelas máis excepcionais do século XX, Mann somete á civilización europea contemporánea a unha minuciosa análise. Entre as súas obras posteriores atópanse os contos Desorde e dor precoz (1925), sobre o amor paterno, Tristán (existente na biblioteca) e Mario e o mago (1930, existente na biblioteca), na que se sinalan os perigos da dictadura fascista e a covardía intelectual; a serie de catro novelas baseadas na historia bíblica de Xosé, Xosé e os seus irmáns (1934-1944), e as novelas Doctor Faustus (1947, existente na biblioteca), O elixido (1951) e Confesións do estafador Felix Krull (1954).

Mann tamén foi un notable crítico literario. Entre os seus escritos críticos atópase Consideracións dun apolítico (1918), un ensaio autobiográfico no que chega á conclusión de que un artista debe estar integrado na sociedade. O seu propio compromiso levoulle á perda da nacionalidade alemana no 1936 - a pesar de que recibira no 1929 o Premio Nobel de Literatura - principalmente pola súa novela Os Bruddenbrook, e iso que dende 1933 exiliárase de Alemania coa chegada ó poder de Adolf Hitler. Mann refuxiouse primeiro en Suíza e despois nos EE.UU. (1938), onde se fixo cidadán no 1944. No 1953 estableceuse preto de Zürich (Suíza), onde morreu o 12 de agosto de 1955. Foi pai do autor Klaus Mann e da escritora e actriz Erika Mann.

Valid XHTML 1.0 Transitional