Logo Biblioteca

Elvira Lindo
(Cádiz, 1962)

Lindo


O meu avó sinaloume o sol tan vermello a punto de desaparecer detrás da Árbore do Aforcado. O meu avó di que o chan de Carabanchel é horroroso, pero que o ceo é un dos máis bonitos do mundo, tan bonito como as pirámides de Exipto ou o rañaceos de King Kong. É a oitava marabilla do mundo mundial. Todo estaba tan quedo como nunha película que botaron na tele na que un avó e un neno quedábanse os últimos no cemiterio despois do enterro dun que era negro. Pero isto era moito mellor porque na película da miña vida non habería ningún morto de momento, prometéramo o meu avó. Non o crerás, pero creo que foi a tarde máis feliz da miña existencia no planeta Terra. (tomado de “Manolito Gafotas”)

Elvira Lindo Garrido (Cádiz, 1962) é unha escritora española, cuxa actividade abordou o xornalismo, a novela e o guión televisivo e cinematográfico.
Con doce anos trasladouse a vivir a Madrid, onde, tras o instituto, estudou Xornalismo alternando co seu traballo como locutora para Radio Nacional de España. Abandonaría a carreira finalmente para dedicarse de cheo ao seu traballo en radio e televisión como locutora, actriz e guionista.
A súa primeira novela construíuse en torno a unha das súas personaxes radiofónicas, que ela mesma interpretaba na radio, o neno madrileño Manolito Gafotas (1994, existente na biblioteca), que se fixo moi popular e un clásico da literatura infantil española, protagonizando unha serie de novelas en primeira persoa escritas cun sólido estilo literario, humor, ironía e unha aguda crítica social. O protagonista, Manolito Gafotas, vivía unha vida humilde no barrio obreiro de Carabalchel Alto, no seo dunha familia cunha nai autoritaria, un pai traballador, un avó permisivo e un irmán demasiado pequeno e inxenuo, ao que Manolito apoda como O imbécil. Ademais dos libros de Manolito Gafotas, Elvira Lindo publicou cinco libros doutra personaxe, Olivia, unha nena moi travesa, cuxas aventuras van destinadas a un público de curta idade.
Dende a súa columna de verán en El País caricaturizou a súa vida de intelectual “progre”, publicándose despois as crónicas en forma de libros (Tinto de verán, O mundo é un pano (Tinto de verán II) e Outro verán contigo).
A autora escribiu tamén novela para adultos e teatro, e fixo os guións para as películas A primeira noite da miña vida xunto co director Miguel Albadalejo, de Manolito Gafotas, Ataque verbal, de novo xunto ao director alacantino, Plenilunio adaptación da novela do seu marido, o escritor e académico Antonio Muñoz Molina.
Dende que o seu marido foi nomeado director do Instituto Cervantes en Nova Iorque, Elvira Lindo reside nesa cidade. Segue colaborando de forma asidua en El País con artigos de opinión, así como en diversas revistas e diarios. No 1998 obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por Os trapos sucios de Manolito Gafotas e no 2005 o XIX Premio Biblioteca Breve por Unha palabra túa (existente na biblioteca). A nosa biblioteca conta, ademais das obras referidas, con Manolito ten un segredo (2002), Recordos sobre rodas (2006) e Algo máis inesperado ca morte (2007).

Valid XHTML 1.0 Transitional