Biblio Logo

Carmen Kurtz
- Carmen de Rafael Marés -
(España, 1911-1999)

Kurtz



Alá no fondo, tódalas verbas que dixemos e das cales xa non gardamos lembranza, dormen baixo as augas. Dormen aquelas que non supimos dicir e agardan a súa quenda para saír a flote. As cartas que rompemos, as non recibidas e as veces que temos dito adeus. A pena que sentimos e que agora, ó lembrala, nos parece pequena. A risa e o pranto que non chegou a flotar. A amizade que buscamos no momento difícil e que resultou máis feble ca nós, máis falta de axuda. A persoa a que quixemos consolar e nos serviu consolo… Todo durme alí, nese fondo
(tomado de “Dormen baixo as augas”)

Pseudónimo de Carmen de Rafael Marés, escritora española que destacou coma novelista e autora de literatura infantil. Naceu en Barcelona, neta e bisneta de emigrantes cataláns que viviron nos EE.UU., México e Cuba. Ela mesma tivo que emigrar a Francia, onde residiu entre 1935 e 1943. As súas obras teñen un carácter realista e crítico; censuraba os comportamentos da burguesía co fin didáctico de espertar a súa conciencia social. No seu primeiro libro publicado, Dormen baixo as augas (1955), reflectiu as súas experiencias ó longo da II Guerra Mundial en Francia; En A vella lei (1956), denunciou con amargura a prostitución xuvenil na Barcelona de posguerra; co seu seguinte libro, O descoñecido (1956), gañou o Premio Planeta. Seguiron outros títulos, como Detrás da pedra (1958), Na punta dos dedos (1968), Entre dúas obscuridades (1969) – un tremendo alegato contra a pena de morte, vixente naqueles momentos en España -, Cándidas pombas (1975) – sobre as relacións de rapazas adolescentes nun internado – e O regreso (1976). No 1962 decidiu iniciarse na literatura infantil porque, segundo as súas propias verbas, “xa se consideraba madura para elo”. Publicou Óscar, cosmonauta (1962), personaxe que protagonizaría 16 contos infantís, entre os que a nosa biblioteca ten Óscar e os ovni, Óscar e os homes rá, Óscar e o corazón de púrpura ou Óscar e a estraña luz. Un deles, Cor de lume (1964, existente na biblioteca), obtivo o Premio Lazarillo no 1964. No 1972 foi contratada por Televisión Española para escribir os guións da serie “As marionetas de Herta Frankel” xunto a Arthur Kaps; obtendo un ano despois, o guión Violeta no Oeste o Premio Platero no Festival de Cine de Xixón. No 1975 Carmen Kurtz decidiu dedicarse por completo ó que consideraba “este difícil xénero”, polas maiores satisfaccións que lle aportaba. Entre outras obras súas destacou Veva (1980, existente na biblioteca), historia dunha nena que narra a súa vida dende o momento de nacer, pois, coma tódolos nenos, sabe falar, e si os demais bebés non queren facelo é porque teñen medo de asustar ós maiores. Seguíronlle outros títulos, como Veva e o mar (1981, existente na biblioteca), Fanfamús (1982, existente na biblioteca), Chepita (existente na biblioteca), Dame a man, Habacuc (1989) e Cousas que se perden, amigos que se atopan (1990). A perda progresiva da vista obrigoulle a abandonar a escritura. Dentro das tendencias da literatura infantil, Kurtz foi unha autora realista e antiautoritaria que se serviu dunha linguaxe cargada de humor e nonsense.

Valid XHTML 1.0 Transitional