Biblio Logo

escritor@s da semana

Ryszard Kapuscinski
(Bielorrusia, 1932)

Kapuscinski

"Cando a un europeo lle falan de África o máis probable é que lle veña á memoria a imaxe dun neno famélico de enormes ollos cuberto de moscas. Pero o corazón de África esconde misterios que permanecen alleos ó ollo estranxeiro, historias entretellidas dunha tradición que se remonta máis aló da memoria e que mesturan por igual a vida e a morte, a ledicia e a dor" (tomado de "Ébano")

Nacido en Pinsk (Bielorrusia), en 1932, vive a súa infancia no medio da violencia suscitada polas grandes potencias ó longo da II Guerra Mundial e a ocupación nazi de Polonia. A relación ambigüa, violenta e irónica, entre o poder e a vida cotiá será o fío conductor da carreira xornalística e literaria de Kapuscinski. Ingresou no 1951 na Universidade de Varsovia, na que estudiou Historia e obtivo un máster en Arte (1955) Impartiu clases nas Universidades de Caracas (1978) e na Temple University de Filadelfia (1988) coma profesor visitante, e coma lector en Harvard, Londres, Camberra, Bonn e na British Columbia University de Vancouver.
Entre os anos 1959 e 1981 dedicouse ó xornalismo, traballando coma corresponsal da axencia de noticias Frankfurter Allgemeine Zeitung, estando considerado coma un dos mellores reporteiros do mundo e de quen un autor como Paul Auster sinala que "non podo pensar noutro escritor ou novelista vivo, poeta ou ensaísta cun traballo máis importante para mín". Membro de varios consellos editoriais, compaxinou dende 1962 as súas colaboracións periodísticas (que levaron a García Márquez a chamarlle "mestre") coa actividade literaria. É autor de dezanove libros dos que se teñen vendido preto dun millón de exemplares e dos que algúns foron traducidos a máis de trinta idiomas. Bus po polsku (1962) foi a primeira das súas obras, ás que seguiron títulos coma O emperador (1978), sobre a decadencia do reinado en Etiopía de Haile Selassie, O Sha (1987), A guerra do fútbol (1992), Lapidarium (1990), O imperio (1994), sobre a descomposición da Unión Soviética, ou Ébano (1988, existente na biblioteca), unha impresionante crónica da experiencia de Ryszard coma corresponsal en África ó longo de máis de trinta anos. Crónica impresionante non só polos feitos que narra, senón tamén pola sinxeleza e veracidade que acada transmitir ó seu relato, constituíndose coma unha das máis fiables referencias para quen queira comprender algunhas das claves do que sucede en África.
Nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Silesia en 1997, obtivo numerosos galardóns pola súa creación literaria como o premio Alfred Jurzykowski (1994), o Hansischer Goethe (1998), o Imegna (2000) ou o Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades no 2003.

Valid XHTML 1.0 Transitional