Biblio Logo

James Joyce
(Dublín, 1882-Zürich, 1941)

Joyce
Unha dor, que non era aínda a dor do amor, roíalle o corazón. Silenciosamente, ela achegárao nun sono despois de morrer, co seu corpo consumido, na solta mortalla parda, ulindo a cera e pao de rosa: o seu alento, inclinado sobre el, mudo e cheo de reproche, tiña un leve olor a cinzas molladas. A través da bocamanga desfibrada vía ese mar saudado como gran nai doce pola ben alimentada voz de xunto a el. O anel da baía e horizonte contiña unha opaca masa verde de líquido. Xunto ó leito de morte de ela, unha cunca de porcelana branca contiña a viscosa bile verde que se arrincara do podre fígado en ataques de ruidosos vómitos guturais” (
tomado de “Ulises”)

Novelista e poeta irlandés cuxa agudeza psicolóxica e innovadoras técnicas literarias expresadas na súa novela épica Ulises, convérteno nun dos escritores máis importantes do século XX. Joyce naceu en Dublín o 2 de febreiro de 1882. Fillo dun funcionario acosado pola pobreza, estudiou cos xesuítas e na Universidade de Dublín. Educado na fe católica, rompeu coa igrexa mentres estudiaba na universidade. En 1904 abandonou Dublín con Nora Barnacle, unha camareira coa que acabaría casándose. Viviron cos seus dous fillos en Trieste, París e Zürich cos escasos recursos proporcionados polo seu traballo de profesor particular de inglés e cos préstamos dalgúns coñecidos. En 1907 Joyce sofre o seu primeiro ataque de irite, grave enfermidade dos ollos que case o leva á cegueira.
Sendo estudante universitario, Joyce acada o seu primeiro éxito literario pouco despois de cumprir os 18 cun artigo “O novo drama de Ibsen” publicado na revista Fortnightly Review de Londres. O seu primeiro libro, Música de Cámara (1907) contén 36 poemas de amor moi elaborados que reflicten a influencia da poesía lírica isabelina e os poetas líricos ingleses de finais do século XX. Na súa segunda obra, un libro de quince relatos titulado Dublineses (1914, existente na biblioteca), narra episodios críticos da infancia e da adolescencia, da familia e da vida pública de Dublín. Estes contos foron encargados para a súa publicación nunha revista de granxeiros, The Irish Homestead, pero o director decidiu que a obra non era axeitada para os seus lectores. A súa primeira novela, Retrato dun artista adolescente (1916, existente na biblioteca), moi autobiográfica, recrea a súa xuventude e vida familiar na historia do seu protagonista. Incapaz de atopar un editor inglés para a novela, foi o seu mecenas, Harriet Shaw Weaver, directora da revista Egoist, quen a publicou pola súa conta, imprimíndoa nos EE.UU. Nesta obra, Joyce empregou amplamente o monólogo interior, recurso literario que plasma todos os pensamentos, sentimentos e sensacións dunha personaxe cun realismo psicolóxico escrupuloso. Tamén desta época data a súa obra de teatro Exiliados (1918, existente na biblioteca).
Joyce alcanzou a sona internacional en 1922 coa publicación de Ulises (existente na biblioteca), unha novela cuxa idea principal basease na Odisea de Homero e que abarca un período de 24 horas nas vidas de Leopold Bloom, un xudeu irlandés, e de Stephen Dedalus, e cuxo clímax prodúcese ó atoparse ámbalas dúas personaxes. O tema principal da novela xira en torno á busca simbólica dun fillo por parte de Bloom e a conciencia emerxente de Dedalus de dedícase á escritura. Finnegans Wake (1939), a súa derradeira e máis complexa obra, é un intento de encarnar na ficción unha teoría crítica da historia. Estas dúas últimas obras, Ulises e Finnegans Wake, amosan as súas personaxes en toda a súa complexidade de artistas e amantes dende diversos aspectos das súas relacións familiares. Ó empregar técnicas experimentais para comunicar a natureza esencial das situacións reais, Joyce combinou as tradicións literarias do realismo, o naturalismo e o simbolismo plasmándoas nun estilo e unha técnica únicos. Despois de vivir vinte anos en París, cando os alemáns invadiron Francia ó principio da II Guerra Mundial, Joyce trasladaríase a Zürich, onde morreu o 13 de xaneiro de 1941.

Valid XHTML 1.0 Transitional