Aldous Huxley
(Gran Bretaña, 1894-1963)

A enorme peza do piso de abaixo estaba orientada cara o norte. A pesares da
calor do exterior e da temperatura case tropical do interior, só unha
luz crua, pálida e invernal, filtrábase a través dos cristais
buscando con avidez algúns ensabanados corpos xacentes, algún
anaco de carne descorida, producto de diseccións académicas; pero
soamente atopaba cristal e níquel e as pulidas e frías porcelanas
do laboratorio. Inverno respostaba a inverno. Brancas eran as batas dos que
alí traballaban con mans enfundadas en luvas de goma de cor cadavérica.
A luz era xeada, morta, pantasmal (tomado
de “Un mundo feliz”)
Nace
o 26 de xullo de 1894 en Godalming, condado de Surrey, preto de Londres, no
seo dunha familia inglesa de gran tradición intelectual. Por parte paterna,
o seu avó foi o célebre biólogo británico Thomas
Henry Huxley e o seu pai, Leonard Huxley, biólogo tamén, dirixiu
a revista Cornhill Magazine. A súa nai, Julia Arnold, unha das primeiras
mulleres en estudar en Oxford, era neta do poeta Mathew Arnold e irmán
da novelista Mrs. Humprey Ward, a cal exerceu de protectora de Aldous cando
ós catorce anos se produciu a morte da súa nai debido a un tumor.
O matrimonio de Leonard Huxley e Julia Arnold tivo catro fillos: Julian, eminente
biólogo e destacado divulgador científico, Trevenan (que se suicidará
no 1914 tras unha depresión nervosa), Aldous e Margaret; mentres que
a posterior boda do seu pai con Rosalind Bruce producirá un Premio Nobel
de Mediciña, Andrew Huxley. Toda esta destacada herencia familiar pesará
na súa producción intelectual e inspirará algunhas das
súas personaxes.
Aldous educouse na máis prestixiosa das escolas británicas, Eton,
preto de Winsor (1908-1913). Ós 14 anos sofre un ataque violento de queratitis
punctata, unha grave enfermidade nos ollo que produce opacidade nas córneas
e o mantén practicamente cego ó longo de 18 meses. Con admirable
forza de vontade, aprende a ler e toca-lo piano co sistema Braille. Recupera
a vista, pero por un ollo apenas é capaz de recibir luz e co outro soamente
ten unha visión limitada. Anos máis tarde coñecerá
as teorías sobre a reeducación visual do doctor W. H. Bates e
as porá en práctica, o que o levará en pouco tempo a unha
mellora notable na súa capacidade visual. Froito desta experiencia, escribe
no 1942, A arte de ver, onde relata a historia de
cómo se recuperou da súa casi completa ceguera.
Debido á súa deficiente visión abandoa a idea de estudar
mediciña e graduase en literatura inglesa no Ballion College
de Oxford (1913-1915). Traballará en varios xornais e publicará
catro libros de poesía antes da aparición da súa primeira
novela, Os escándalos de Crome (1921). Destacan
tamén as súa novelas Heno antigo (1923)
e Contrapunto (1928), que ilustran o clima nihilista
da década dos 20, e sobre todo Un mundo feliz (1958,
existente na biblioteca), novela que escribe en catro meses e que o fará
definitivamente famoso, unha visión futurista e pesimista do mundo, onde
amosa unha sociedade rexida polo condicionamento psicolóxico como parte
dun inmutable sistema de castes. Ó longo desta época Aldous vivirá
en Italia e Francia, realizando tamén viaxes a España, para máis
tarde instalarse definitivamente nos EE.UU.
A partir de 1952 a súa dona Marie comeza a sufrir as consecuencias dun
cancro que a devorará no curso dos tres anos seguintes. A partir dese
momento en Aldous producirase un notable cambio de actitude, iniciando un periodo
de aparicións públicas constantes que nos seus derradeiros anos
produciranse a un ritmo vertixinoso. En 1953 coñece ó doutor Humphry
Osmond, experto no emprego da mescalina no tratamento da esquizofrenia, e comeza
a experimentar por si mesmo con esa droga, experiencias que describirá
na súa obra As portas da percepción
(1954, existente na biblioteca). Entre os anos 1953 e 1963 seguirá
experimentando con outras substancias psicodélicas (como a mescalina,
LSD e psicocibina) levado por un interese intelectual e publicando no 1956 a
segunda obra sobre estas drogas Ceo e inferno, un
libro que nos ofrece unha ampla panorámica da ciencia, arte e relixión
a base de pequenos esbozos. A illa (1962), constituirá
unha especie de testamento literario, onde o autor recrea unha orde social que
ben podería considerarse coma contraparte de Un mundo feliz.