Úrsula Heinze
(Alemaña, 1941)

Unha muller é a última en quedar sentada nunha das ringleiras
do medio: Anaiansi. Parece totalmente ausente e non se interesa polo que pasa
ó redor dela. Chama a atención pola súa vestimenta, bastante
estrafalaria, sobre todo polo sombreiro con cinta vermella que leva, quizais
porque estamos en primavera.
Un home dun dos asentos dianteiros queda de pé, atópase no corredor
entre a parede da sala e as fileiras ollando fixamente para a muller. Espera,
pensa. Decídese finalmente e achégase a ela, tímido e valente
á vez: Xelmírez, alto, delgado con pinta de cura, sen dúbida
un tipo aldeán, doce, case sumiso. Pon un sorriso cauteloso cando se
dirixe andando cara a Anaiansi. (tomado
de “Anaiansi”)
Escritora nacida na cidade alemá de Colonia en 1941. Licenciada en Filoloxía Xermánica e catedrática de Inglés e Alemán, en 1968 casa co catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Ramón Lorenzo, trasladándose a Galicia onde vive dende entón. Dende moi nova mostrou unha grande afección pola literatura, publicando poemas e relatos en xornais xermanos, pero a súa carreira literaria desenvolveuse en Galicia e maioritariamente en galego. Colaborou asiduamente na revista Dorna e noutras publicacións periódicas como Festa da Palabra Silenciada, ademais de facelo tamén na Radio Galega.
A primeira contribución
de Heinze á narrativa galega foi O soño perdido de
Elvira M. (1982), finalista do Premio Chitón de 1981. A
unha liña renovadora, ás veces experimental, apuntan os relatos
reunidos en Remuiños de coiro (1984), escritos
dende unha óptica de proximidade, pero con fondas reminiscencias da literatura
alemá de fantasía. Anos máis tarde volveu a demostrar a
súa capacidade como contista en Noite de vodas
(1989), volume no que conxuga realismo e fantasía, e en Polas
rúas de Padrón (1994, existente na biblioteca).
No ámbito da literatura infantil e xuvenil comezou con O
buzón dos nenos (1985, existente na biblioteca),
á que lle seguirían outro moitos títulos, como A
casa abandonada (1987, existente na biblioteca), Premio
Merlín 1986. Conta, ademais con obras que se poden adscribirb á
reportaxe literaria e documental e nas que se interna na antropoloxía
social. Este é o caso de Arredor da muller en 18 mundos
(1985), Mulleres (1991) e Xente coma mín,
protagonizada por un adolescente.
Aínda que de maneira
menos frecuente, achegouse tamén á poesía. Froito desta
práctica son os libros de poemas en alemán Ambra
(2001, existente na biblioteca) e Torso.
Gedichte (2002, existente na biblioteca), publicados
en edición biblingüe con traducción ó galego de Ramón
Lorenzo. Ademais das referidas a nosa biblioteca conta coas obras de Heinze
Máis alá de Galicia, Xente coma min, Anaiansi, Sempre Cristina,
Quérote, A nena de ouro, Nace un campión, Ingo e Drago, O dragón
novo e A pantasma do castel.