escritor@s da semana
André Gide
(1869-1951)

Escritor francés caracterizado polo seu exhaustivo análise dos esforzos individuais cara a autorrealización e pola utilización de conceptos éticos protestantes; isto, xunto cos seus traballos críticos, supuso unha profunda influencia na literatura e filosofía francesas. Gide naceu o 22 de novembro de 1869 en París, no berce dunha familia de estricta observancia protestante. No seu primeiro libro, Os cadernos de Andre Walter (1891), Gide describe o relixioso e romántico idealismo dun desgraciado xove. Por esa obra consideráronlle un idealista, pero en 1894 comezou a desenvolver un estilo persoal e propio. En Os alimentos terrestres (1897) defendeu a doutrina do hedonismo activo. A partir dese momento, as súas obras estiveron adicadas a examina-los problemas da libertade individual e da responsabilidade dende distintos puntos de vista. O inmoralista (1902), e A porta estreita (1907) son estudios acerca dos conceptos éticos individuais en conflicto coa moralidade convencional. Os sótanos do Vaticano, na que Gide ridiculiza a posibilidade da independencia persoal completa, apareceu en 1914 e foi o primeiro dos seus traballos atacado por anticlerical. O idílico A sinfonía pastoral (1919, existente na biblioteca) trata do amor e da responsabilidade, e reflexa os dilemas morais ós que se enfrontaba o autor na súa vida privada. Gide examinou os problemas da adolescencia e das familias de clase media en Se a semente non morre (1920) e na popular novela sobor da xuventude parisina, Os falsos monedeiros (1925, existente na biblioteca). A preocupación de Gide sobre a responsabilidade moral individual levouno a ocupar cargos públicos. Despois de ter ocupado postos municipais en Normandía, convertiuse en enviado especial do ministerio para as colonias en 1925-1926 e escribiu dous libros nos cales describía a situación nas colonias francesas de África. A principios da década de 1930, Gide expresara a súa admiración e esperanzas sobre o experimento que se levara a cabo na Unión Soviética, pero tras un viaxe alí, deixou ver a súa desilusión en Regreso da URSS (1936). Moitos dos estudios críticos de Gide apareceron en La Nouvelle Revue Française, unha revista literaria que contribúe a fundar en 1909 e que se converteu nunha publicación de grande influencia entre os círculos intelectuais franceses. Estes ensaios críticos eran, sobre todo, unha análise sobre a psicoloxía dos artistas. Escribiu as obras teatrais en verso Le Roi Candaule (1901) e Saúl (1903), e coa publicación do seu Diario (4 volumes, 1939-1951), espertou o interese da crítica en todo o mundo. Gide recibiu o premio Nobel de Literatura en 1947. Morreu o 19 de febreiro de 1951 en París.