Logo Biblioteca

escritor@s da semana

Anatole France
- Jacques Anatole François Thibault -
(Francia, 1844-1924)

France

"Naquel tempo, o deserto estaba poboado de anacoretas. En ámbalas dúas beiras do Nilo, innumerables cabanas, construídas con ramaxes e arxila polos solitarios, alzábanse a certa distancia unhas de outras, de xeito que os seus ocupantes viviran illados, pero en condicións de axudarse mutuamente se houbera necesidade. Asomaban de treito en treito, por riba das cabanas, igrexas coroadas co signo da cruz, e a ela se dirixían os monxes os días festivos para asistir á celebración dos misterios e participar nos sacramentos. Tamén había na ribeira do río casas, onde os cenobitas, recluído cada un na estreita cela, saboreaban mellor a soidade" (tomado de "Tais")

Pseudónimo de Jacques Anatole François Thibault, novelista e premio Nobel francés, considerado frecuentemente como o mellor escritor francés de finais do século XIX e principios do XX. France naceu en París o 16 de abril de 1844, e estudiou na escola Stanislas de París, anque a maior parte da súa educación foi autodidacta. Dende moi novo foi un lector insaciable. Os seus primeiros libros publicados foron Poemas dourados (1873) e a obra teatral en verso A ponte de Corinto (1876). Non conseguiu, sen embargo, un estilo depurado ata a súa primeira novela, O crime de Silvestre Bonnard (1881), na cal facía gala de habilidade estilística, de sutil e mordaz ironía e de xenuína compaixón, características todas elas que formaron parte da súa posterior producción.

France escribiu numerosas novelas, obras de teatro, poemas, ensaios de crítica e filosofía e investigacións históricas. Foi nomeado membro da Academia Francesa en 1896 e recibiu o Premio Nobel de Literatura no 1921. En 1883 uniuse a Madame Arman de Caillavet, a cal inspiroulle grande cantidade de traballos e promoveu os seus escritos axudándose das súa amplas relacións sociais. Entre as obras desta etapa intermedia cabe destacar os ensaios críticos A vida literaria (1888), as novelas Tais (1890, existente na biblioteca) e A azucena vermella (1894, existente na biblioteca) e a tetraloxía de novelas Historia contemporánea (1897-1901), unha ácida análise dos corrosivos efectos do caso Dreyfus na sociedade francesa. Anatole France atopábase entre os intelectuais franceses que esixiron, con éxito, a exculpación de Alfred Dreyfus, un capitán do exército francés acusado de traizón.

Nos seus últimos traballos converteuse nun defensor de causas humanitarias, mediante elocuentes defensas dos dereitos civís, da educación popular e dos dereitos dos traballadores, á vez que atacou con amargas e brillantes sátiras ós abusos políticos, económicos e sociais da súa época. A pesares das súas polémicas, as elegantes e profundas cadencias, así como a súa mestría no uso da linguaxe evidencian a devoción de France cara as formas clásicas. Entre as obras que amosan a súa arraigada conciencia social e a súa elocuencia clásica destacan as novelas alegóricas A illa dos pingüíns (1880, existente na biblioteca) e A revolución dos anxos (1914, existente na biblioteca), e un relato sobre o reinado do Terror ó longo da Revolución francesa, Os deuses teñen sede (1912, existente na biblioteca). Anatole France morreu en Tours o 13 de outubro de 1924. Outras obras que podes atopar del na biblioteca son O figón da Raíña Patoja, Os desexos de Juan Servien, O abate Xerónimo Coignard ou Crainqueville.

Valid XHTML 1.0 Transitional