Lucía Etxebarría
(Valencia, 1966-)

Ao longo dos últimos cinco anos a miña vida non seguiu un rumbo
fixo. Indo de nada a nada, sen patrón nin destino, sen refuxio nin compás.
Á deriva. Empeñada na inútil fuxida de min mesma, na busca
dun lugar onde caerme viva. Bebendo cubalibres e fumando chinos e tragando éxtase
e servindo copas e bicando beizos e aprobando exames e redactando traballos
e lendo libros e escribindo poesías, polo xeral bastante malas, todo
hai que recoñecelo. Politoxicómana confesa e pendón vocacional.
Digamos que quería ser Burroughs, como Gema, supoño, aspiraba
a ser Jane Bowles. Probei tódalas drogas dispoñibles e acosteime
con tódolos homes máis ou menos presentables que se me puñan
a tiro. Paseimo ben, en suma. Ou quizá paseino fatal. Pode que nin sequera
me enterara. Unha vida en perpetuo movemento, a busca na rúa da droga,
o temor ao pao e a denuncia, a travesía continua da cidade, saídas
a horas intempestivas, encontros en lugares inesperados, persecucións,
enganos, traizóns, desquites, novas caras, nova xente, novos ionquis
e camelos, chinos, chutas, papeliñas, rohipnol, paos, broncas, buprex,
monos, pastillas para superar o mono, calabozos de cárceres e celdas
de clínicas, a ameaza constante dos madeiros, idas e vidas, ningún
lugar seguro, ningún día igual a outro. O vértixe da aventura,
o coqueteo coa morte. (tomado de “Amor, curiosidade, Prozac e dúbidas”)
Lucía
Etxebarria de Asteinza naceu en Valencia no ano 1966, filla menor de pais vascos,
procedentes de Bermeo, Bizkaia, localidade que moitas fontes citan erroneamente
coma lugar de nacemento da escritora. Ten seis irmáns.
Tras acudir na súa educación primaria a un colexio de monxas,
Lucía trasladouse a Madrid, onde estudou Ciencias da Información.
Despois de traballar en diversos oficios, como tradutora, camareira ou xornalista,
Etxebarría publicou o seu primeiro libro titulado A historia
de Kart e Courtney: aguanta isto (1996), unha biografía
da parella matrimonial de músicos Kart Cobain, de Nirvana, e Courtney
Love, de Hole.
Amor, curiosidade, Prozac e dúbidas (1997)
foi a súa primeira novela, que sacaría do anonimato á escritora
valenciana, que gañaría o Premio Nadal con Beatriz
e os corpos celestes (1998, existente na biblioteca),
libro no cal, ao igual que o seu primeiro título, volvía a remitirse
a historias con protagonismo feminino, urbanas e pivotadas en asuntos circunstanciais,
xeracionais e universais, con especial incidencia no amor, o sexo e a identidade
da muller.
Posteriormente aparecerían Nosoutras que non somos como
as demais (1999, existente na biblioteca), novela conexionada
por varios relatos, e De todo o visible e o invisible
(2001, existente na biblioteca), libro que obtería o Premio Primavera
de Novela concomitándose nos seus usuais patróns estilísticos
e temáticos.
Ademais das súas novelas, Lucía escribiu relatos, como os encontrados
no volume Unha historia de amor como outra calquera
(2003), guións cinematográficos como Sobrevivirei
(1999) ou A muller da miña vida (2001), libros
de poesía como Estación de inferno (2001)
ou Actos de amor e pracer (2004), gañador do
Premio Barcarola, e ensaios, como A Eva futura; a letra futura
(2000) ou Ser solteira (2000). Con Un
miragre en equilibrio (2004, existente na biblioteca)
logrou o Premio Planeta.
A nosa biblioteca tamén conta coas súas obras En
brazos da muller fetiche (2002) e o seu último libro,
Cosmofobia (2007).