escritor@s da semana
Marguerite Duras
(Indochina, 1914-Francia, 1996)

"Entre os vinteoito e vintecinco anos o meu rostro emprendeu un camiño imprevisto, ese envellecemento foi brutal. Vin como se apoderaba das miñas faccións unha a unha... Conservei aquel rostro novo. Ven sendo o meu rostro. Envelleceu máis, por suposto, pero relativamente menos do que debera. Teño un rostro lacerado por enrugas secas, a pel resquebraixada. Non se deu desfeito... conservou os mesmos contornos pero a materia está destruída. Teño un rostro destruído..." (tomado de "O amante")
Novelista, dramaturga, guionista e directora francesa. Nacida en 1914 en Gia Dinh, no extrarradio de Saigón, filla dunha parella de emigrantes franceses. A súa infancia estivo claramente marcada pola influencia da súa nai, Marie Legrand, que enviúva moi nova e ten que loitar para sacar á súa familia adiante na Indochina de principios de século, dedicándose tenazmente a diversos proxectos empresariais que rematarán por arruinala. Marguerite obtén unha licenciatura en Dereito e un posto no Ministerio das Colonias francés, e trasládase a París en 1930 para continuar os seus estudios e consagrarse á literatura con gran determinación, temperamento e paixón de vivir poéticas que herdara da súa nai. En 1944 publica a súa segunda novela, A vida tranquila, que o escritor Raymond Queneau, impresionado, edita en Gallimard. En 1950 aparece Un dique contra o pacífico (existente na biblioteca), na que narra autobiográficamente a vida dunha familia francesa empobrecida en Indochina, e coa que por pouco gaña o premio Goncourt do que a priva o seu compromiso co comunismo. No mesmo ano de 1950 Marguerite abandona o partido comunista francés a raíz da Primavera de Praga.
Duras non se anda con contemplacións, nin con ela mesma, nin cos demais. Non coñece límites. Para ela non existen nin sequera nas esixencias máis contradictorias do corazón. Tampouco nos caprichos do corpo e do alcohol, nin entre os límites da novela, do teatro, do cine ou do periodismo. Mírase nas súas novelas, no seu teatro e nas súas películas como nun espello e identifícase na súa obra ata o punto de esquecer que é o autobiográfico e o que é ficción. Ó igual que as súas personaxes, a autora vese afectada pola despiadada lei da destrucción, pero a súa propia vitalidade e o seu talento conseguen que nilo atope inesgotables fontes de embriaguez.
Tras Un dique contra o pacífico, Duras oriéntase cara obras de aparencia estática onde as personaxes tentan escapar da soidade para dar un sentido á súa vida mediante o amor absoluto, como en O vicecónsul (1966), ou cara o crime e a loucura, como en Moderato Cantabile (1958) As súas personaxes femininas, incapaces de comunicarse verdadeiramente, viven sen saber por qué, pero agardan a que algo se desprenda do mundo e veña cara elas. Diálogos de aparente inanidade traducen esa espera patética, como en A tarde do Señor Andesmas (1962) e evocan personaxes que sofren unha debilidade esencial e mortal, como en O mal da morte (1983), O xardín (existente na biblioteca), Os ollos azuis pelo negro (1986, existente na biblioteca) ou O amante (1984), coa que si consegue o Premio Goncourt de novela.
Entre as súas películas cabe destacar, sobre todo India song (1975) e o guión cinematográfico que escribe para a película de Alain Resnais, Hiroshima mon amour (1960, existente na biblioteca) Marguerite morre en París 3 de marzo de 1996. Se ó longo da súa vida esta muller fascinante foi adquirindo cada vez máis notoriedade nacional e internacional, é indubidable que foi gracias á súa obstinación por ser ela mesma, pasara o que pasara e custara o que custara.